Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2018 Páx. 9475

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2018, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, pola que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio.

En sesión que tivo lugar o día 1 de febreiro de 2018, o tribunal nomeado pola Orde do 22 de maio de 2017 (DOG núm. 100, do 29 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 (DOG núm. 246, do 27 de decembro), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.3, que o terceiro exercicio da oposición terá lugar o día 21 de febreiro de 2018, no salón de actos e aula 1 da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 15.30 horas.

As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistos de DNI ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2018

Alejandro Blanco García
Presidente do tribunal