Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2018 Páx. 9581

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 2 de xaneiro de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual número 10 do Plan xeral de ordenación municipal de Oroso.

O Concello de Oroso remite a modificación puntual nº 10 en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), posibilidade permitida pola disposición transitoria 2ª.2 da vixente Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, subscrita polo arquitecto Manuel Suárez Bermúdez, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oroso conta na actualidade cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 16.2.2005 (DOG do 28 de febreiro).

2. A Sentenza 378/2008, do 15 de maio, do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, estimou un recurso contra esa Orde da CPTOPV, e anulouna no que se refire á clasificación dos terreos indicados no seu fundamento xurídico cuarto, que deben ser clasificados como solo rústico de protección agropecuaria.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 15.1.2015 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. No marco do proceso de consultas previas, constan contestacións:

a) Do Instituto de Estudos do Territorio, do 23.12.2014.

b) De Augas de Galicia, do 11.2.2015.

4. O concello non solicitou o informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85.1 da LOUG, non preceptivo de acordo co segundo parágrafo do artigo 93.4 da LOUG.

5. No expediente constan informes municipais da arquitecta técnica, do 18.1.2016; e do secretario, do 20.1.2016, favorables á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

6. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 28.1.2016. Foi sometida a información pública durante dous meses (La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 7.3.2016 e Diario Oficial de Galicia do 8.3.2016) sen que fosen presentadas alegacións. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Santiago de Compostela, Ordes, Frades, O Pino e Tordoia. O Concello de Ordes remite un informe da súa arquitecta técnica municipal do 11.3.2016 en que sinala que non afecta este concello.

7. En materia de informes sectoriais, o expediente remitido contén o seguinte:

a) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información: informe en materia de telecomunicacións do 16.3.2016, favorable.

b) Dirección Xeral de Aviación Civil: informe en materia de aeroportos de interese xeral: informe do 26.5.2016, favorable con observacións.

c) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia: informe do 19.10.2016, favorable.

d) Servizo de Montes da Coruña da Xunta de Galicia: informe do 26.9.2016, sen ningún impedimento ás operacións proxectadas.

Así mesmo, consta que foi solicitado mediante escritos do 24.2.2016 o informe sectorial de Augas de Galicia, sen que no expediente conste que respondese.

8. Constan informes municipais da arquitecta técnica, do 3.11.2016; e do secretario, do 15.11.2016, favorables á aprobación provisional.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do Concello en Pleno do 24.11.2016, despois da entrada en vigor da LSG.

10. A solicitude de aprobación definitiva tivo entrada na Xunta de Galicia o 29.12.2016. Ao abeiro do artigo 85.7 da LOUG, requiriuse a emenda de deficiencias o 26.1.2017. O concello presenta nova documentación o 22.11.2017, nomeadamente:

a) Informe do Servizo de Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural do 1.6.2017, sen alegación ningunha.

b) Informe do Instituto de Estudos do Territorio do 3.7.2017, sen obxección.

c) Informes municipais favorables á aprobación provisional, da arquitecta técnica do 13.9.2017; e do secretario do concello, do 15.9.2017.

d) Certificado do acordo do Pleno do 28.9.2017, de aprobación provisional.

e) Documento de modificación de abril de 2017, coa dilixencia de ter sido aprobado provisionalmente o 28.9.2017.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por obxecto o cumprimento da sentenza citada. O ámbito afectado resulta da superposición dos planos I-1 (plano achegado pola demanda no procedemento ante o TSXG), I-2 e I-3 (plano das bases definitivas da concentración parcelaria de Senra-Cardama-Vilarromarís II), no que afecta ás parcelas categorizadas no Plan xeral de 2005 como solo rústico de protección forestal ou de monte.

2. Os terreos afectados categorízanse como solo rústico de protección agropecuaria, e modifícase para tal efecto o plano O-7 do Plan xeral.

III. Análise e consideracións.

1. Réxime legal aplicable á modificación.

Conforme a disposición transitoria 2ª.2 da LSG, os plans aprobados inicialmente á súa entrada en vigor poderán continuar a súa tramitación segundo o disposto na LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á LSG, polo que é posible resolver nestes termos sobre a aprobación definitiva da modificación proposta.

2. O réxime aplicable ao solo clasificado como solo rústico no PXOM de Oroso é o establecido na disposición transitoria 1ª.1.d) da LSG, e mantense, en todo caso, a vixencia das categorías de solo contidas no planeamento respectivo.

3. Razóns de interese público da modificación.

De conformidade co artigo 83.1 da LSG (94.1 LOUG), as modificacións de planeamento urbanístico deberán fundamentarse en razóns de interese público debidamente xustificadas, entre as cales cabe o cumprimento dunha sentenza xudicial firme.

4. Adaptación da modificación á LSG.

Para a consecución do seu obxecto, a modificación altera a categoría do solo no sentido indicado na sentenza. Ademais, é a categoría que corresponde legalmente aos terreos segundo a definición do solo rústico de protección agropecuaria establecida no artigo 34.2.a) da LSG, cando remate o proceso de concentración parcelaria (o último acto publicado no DOG é a aprobación do acordo de concentración, DOG do 4.7.2014). Con todo, o proxecto contén a xustificación dos valores concorrentes no ámbito recategorizado e acóllese á posibilidade establecida no artigo 34.3 da LSG e 49.3 do RLSG, co informe da Consellería do Medio Rural do 1.6.2017.

5. Outros aspectos do proxecto.

No proxecto obsérvase que non todas as parcelas sinaladas como afectadas pola sentenza no plano I-3 (parcelas identificadas como 97 e 99-1 no plano) son recategorizadas no plano O-7 de estado reformado, e quedan incluídas na categoría de solo rústico de protección forestal, o que cómpre corrixir co fin de dar cumprimento completo á sentenza de acordo coa información achegada no proxecto.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 10 do PXOM de Oroso, coa condición de que as parcelas identificadas no plano I-3 como 97 e 99-1, afectadas pola sentenza de acordo coa información do proxecto, sexan recategorizadas nos termos desta como de protección agropecuaria.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello, e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio