Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2018 Páx. 9586

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 3 de xaneiro de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, de modificación dos elementos do catálogo B65 (Oleiros) e B91 e B92 (Santa Cruz).

O Concello de Oleiros remitiu a modificación puntual nº 1 en solicitude da súa aprobación definitiva, ao abeiro do artigo 60.13 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.13 do seu regulamento (RLSG) aprobado polo Decreto 143/2016.

Analizada a documentación remitida polo Concello, subscrita polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, obsérvase:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente de forma parcial pola Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11 de marzo de 2009 e pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 11 de decembro de 2014.

2. A coordinadora dos servizos urbanísticos do Concello emitiu informe do 7.8.2015, favorable ao documento de inicio e á presentación da solicitude de avaliación ambiental estratéxica, que baseou a resolución da Alcaldía no mesmo senso.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (SXCAA) formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 16.11.2015, no cal se resolve someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco do proceso de consultas previas, contestaron con observacións:

a) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 16.10.2015, desfavorable.

b) O Instituto de Estudos do Territorio: informe do 23.9.2015, con indicacións.

c) Augas de Galicia: informe do 19.10.2015.

Contestaron tamén a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria e o Servizo de Montes da Coruña, sen faceren observacións (punto 3 do informe ambiental estratéxico).

A SXCAA resolveu aprobar o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico o 23.11.2015.

4. O 3.5.2016 o Concello de Oleiros solicitou á SXCAA que non se arquivase o expediente por causa da entrada en vigor da LSG. A secretaría abriu un novo período de consultas previas, ao abeiro do artigo 60.4 da LSG. Contestaron:

a) A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU): informe do 8.6.2016, con indicacións.

b) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 2.6.2016, con observacións.

5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o 27.7.2016 un novo documento de alcance para a avaliación ambiental estratéxica.

6. No expediente constan informes do arquitecto municipal do 3.11.2016, favorable á modificación, e do 18.11.2016, no cal se sinala que non se ven afectadas as servidumes aeronáuticas nin a pegada sonora do aeroporto de Alvedro. Constan tamén informes da coordinadora dos servizos urbanísticos e da secretaria accidental do Concello do 16.11.2016, favorables á aprobación inicial (artigo 60.6 da LSG).

7. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 24.11.2016. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 5.12.2016 e Diario Oficial de Galicia do 16.12.2016), sen que fosen presentadas alegacións de acordo co informe municipal do 15.12.2017 (artigo 60.6 da LSG).

8. No que afecta os informes sectoriais autonómicos, audiencia aos concellos limítrofes e consultas (artigo 60.7 da LSG), o Concello remitiu a esta consellería a documentación pertinente mediante escrito recibido o 13.12.2016. O resultado do trámite foi, de acordo co informe da DXOTU do 26.4.2017, o seguinte:

a) Foron emitidos todos os informes sectoriais autonómicos preceptivos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 5.1.2017, canto a que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 27.2.2017, favorable.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 21.3.2017, sen obxección.

• Dirección de Augas de Galicia: informe do 28.3.2017, favorable.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 7.3.2017, favorable condicionado á aclaración que nel se sinala.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada. Responderon Cambre (12.1.2017) e A Coruña (17.1.2017), sen obxeccións.

c) Foron consultadas as administracións públicas afectadas e persoas interesadas identificadas no documento de alcance. Respondeu a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 15.2.2017 concluíndo que a modificación é sustentable para os efectos ambientais. Foron consultados tamén a Deputación da Coruña, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Federación Ecoloxista Galega, sen que, dentro do prazo, contestasen.

9. En materia de informes sectoriais non autonómicos, contén (artigo 60.8 da LSG):

• Dirección Xeral de Aviación Civil: informe favorable do 18.1.2017.

• Deputación Provincial da Coruña: informe favorable do 17.3.2017.

10. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración ambiental estratéxica da modificación o 22.6.2017 (artigo 60.11 da LSG).

11. No expediente constan informes municipais favorables á aprobación provisional (artigo 60.13 da LSG) do arquitecto do 11.8.2017 e da coordinadora dos servizos urbanísticos do 16.8.2017.

12. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 28.9.2017.

13. O concello solicitou a aprobación definitiva mediante escrito do 6.11.2017. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda das deficiencias observadas o 13.12.2017. O Concello remitiu a documentación requirida (informe sobre o resultado do trámite de información pública) o 20.12.2017.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación puntual afecta tres bens incluídos no catálogo do Plan xeral e situados en solo clasificado como urbano consolidado:

• B-65. Grupo de casas en Oleiros, con protección non integral.

• B-91. Coruxo de Arriba. Conxunto. Casas rurais, arboredo, hórreo e estrutura viaria, con protección non integral.

• B-92. Coruxo de Arriba. Conxunto. Casas, hórreo e estrutura viaria, con protección non integral.

2. O obxectivo da modificación é posibilitar urbanisticamente a execución da ampliación do sistema viario previsto no PXOM, así como redelimitar e coutar obxectivamente a cautela derivada da inclusión no catálogo daquelas edificacións ou conxuntos edificatorios incluídos nos elementos B-65, B-91 e B-92. A ordenación proposta consiste en redelimitar os elementos B-65 e B-92 e eliminar o elemento B-91 do catálogo do PXOM, mantendo o resto dos parámetros urbanísticos.

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público da modificación (artigo 83.1 e concordantes da LSG).

As necesidades de mellora viaria alegadas poden ser conceptuadas como de interese público para os efectos da formulación da modificación puntual. As descatalogacións propostas xustifícanse no proxecto, que recibiu informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 7.3.2017.

2. Plan de ordenación do litoral.

Os elementos B-91 e B-92 están situados dentro do ámbito ordenado polo Plan de ordenación do litoral aprobado polo Decreto 20/2011. De acordo co artigo 96 da normativa do POL, sendo solo urbano consolidado, non é de aplicación.

3. Contido do proxecto.

A modificación altera a catalogación de tres elementos e establece as medidas de protección aplicables conforme as consideracións que sobre o patrimonio cultural e o ambiente fixeron os respectivos órganos competentes. O proxecto non modifica a cualificación do solo, os terreos destinados a sistemas xerais e locais, nin altera os usos e intensidades previstos no Plan xeral.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación nº 1 do PXOM de Oleiros relativa á modificación dos elementos do catálogo B65 en oleiros e B91 e B92 en Santa Cruz.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual do plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio