Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2018 Páx. 9592

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 9 de xaneiro de 2018 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Frades.

O Concello de Frades remite o documento de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), en cumprimento do interesado na Orde do 10 de xullo de 2017 da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e solicitando a súa aprobación definitiva, ao abeiro do previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) e na disposición transitoria 2.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Analizada a documentación presentada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Antecedentes.

1.1. O Concello de Frades carece de planeamento urbanístico municipal, polo que lle son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

Asemade, o núcleo rural da Fraga (Santaia de Moar) conta cunha delimitación de solo aprobada definitivamente por Resolución do 3 de decembro de 2012 da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DOG do 27.3.2013).

1.2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aprobar a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica en data 28.1.2016.

1.3. Con data 15.4.2010, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emite informe previo á aprobación inicial, de conformidade co disposto no artigo 85.1 da LOUG. Con data do 12.9.2011 emite novo informe sobre o documento modificado.

1.4. O Concello Pleno do 3.4.2012 acordou a aprobación inicial do PXOM, após os informes favorables do técnico municipal e da secretaria interventora do 10.6.2011, respecto á conformidade do PXOM co artigo 61 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

1.5. O PXOM someteuse a información pública durante dous meses, mediante anuncios no Diario Oficial de Galicia do 28.5.2012, na Voz de Galicia do 11 de abril e no Correo Gallego do 10 de abril. Deuse audiencia aos concellos limítrofes (Oroso, O Pino, Arzúa, Boimorto, Mesía e Ordes). Os concellos de Mesía e Ordes alegan respecto da liña de delimitación entre os concellos. A alegación de Ordes é aceptada, por adaptarse ao límite fixado polo Instituto Xeográfico Nacional (IXN), mentres que a alegación de Mesía é desestimada, por ser a proposta discrepante co límite do IXN.

1.6. En cumprimento da lexislación sectorial vixente, solicitáronse os seguintes informes:

– En materia de estradas: informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas do 5.10.2012; informe solicitado ao Servizo de Vías e Obras da Deputación o 12.7.2012, non emitido; e informe favorable da Demarcación de Estradas do Ministerio de Fomento, do 21.8.2012.

– Informe favorable da Secretaría de Estado de Telecomunicaciones do Ministerio de Industria, do 19.10.2016, en materia de telecomunicacións.

– Informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 23.12.2015.

– Informe favorable condicionado de Augas de Galicia, do 10.9.2012.

– En materia de montes e prevención de incendios forestais, informes solicitados á Dirección Xeral de Montes o 11.7.2012, e ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais o 12.7.2012, sen que fosen emitidos.

– Informe favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, do 20.3.2013.

– A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no informe sobre a calidade do Informe de Sustentabilidade Ambiental do 9.5.2012, insta a adecuar o PXOM ao documento de referencia.

– Informe do Instituto de Estudos do Territorio, do 5.5.2014, que require completar o estudo da paisaxe.

– En materia de minas e pirotecnia, informe do Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria sobre dereitos mineiros, do 2.8.2012; e informe do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Digital sobre artigos pirotécnicos e cartucharía, do 14.12.2016.

– Informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre a avaliación dos riscos no concello, do 25.8.2016:

– Informe favorable da Dirección Xeral de Comercio, do 8.6.2012.

– Informe favorable da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, do 20.7.2012, sobre a aprobación inicial, e do 16.9.2016, sobre a aprobación provisional.

– Informe favorable do Ministerio de Defensa, do 31.7.2012.

1.7. Aprobación provisional do PXOM, por acordo plenario do 10.2.2016, logo dos informes preceptivos do técnico municipal do 8.7.2016 e da secretaria-interventora do 4.2.2016, respecto da calidade técnica da ordenación proxectada e da conformidade do PXOM coa lexislación vixente.

1.8. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emitiu Orde do 10.7.2017 na cal se resolve non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM do Concello de Frades e se empraza o concello para redactar os documentos modificados precisos para emendar as deficiencias detectadas sinaladas.

1.9. O Concello Pleno aproba provisionalmente o 12.9.2017 o «Documento de aprobación definitiva» do Plan xeral de ordenación municipal e sométeo novamente á súa aprobación definitiva.

2. Análise e consideracións.

2.1. Conforme os fins e consideracións xerais contidos nos artigos 4 e 52 da LOUG e da determinación 3.1 das Directrices de ordenación do territorio (DOT), analizouse a congruencia e coherencia do modelo territorial proposto polo PXOM de Frades.

2.2. O plan determina, para un horizonte temporal de 20 anos, unha previsión dun incremento do parque de vivendas do concello de 315 novas vivendas (15 vivendas ao ano) das cales 129 se proxectan no solo urbano (6 viv/ano); e 186 en solo de núcleo rural, no suposto dun 70 % de colmatación do solo delimitado como tal.

2.3. Para a xustificación da consolidación dos núcleos rurais empregouse o método gráfico, recollido na Instrución 4/2011, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2.4. Logo de analizar o PXOM de Frades, redactado por Estudio Técnico Gallego, datado en agosto de 2017 e aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 12.9.2017, púidose verificar o cumprimento das deficiencias sinaladas na anterior Orde desta Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 10.7.2017.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

3. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Frades.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o Plan xeral de ordenación municipal de Frades no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio