Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2018 Páx. 10226

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 8 de febreiro de 2018 polo que se publica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de febreiro de 2018 polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (Tomiño), de clave PO/17/003.11, e o seu expediente de información pública.

O proxecto de trazado para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (Tomiño), de clave: PO/17/003.11, foi aprobado provisionalmente pola Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 7 de xullo de 2017 e, posteriormente, foi sometido aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas mediante Anuncio do 18 de xullo de 2017, publicado no Diario Oficial de Galicia do 4 de agosto de 2017.

Para os efectos anteriores, o proxecto de trazado estivo exposto ao público, durante trinta días hábiles, na Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, no Concello de Tomiño e na Deputación de Pontevedra.

Durante o período de información pública recibíronse alegacións, informes e certificados, que foron convenientemente analizados e aos cales se lles deu resposta no correspondente informe de alegacións asinado o pasado 16 de xaneiro de 2018.

Visto todo o que antecede e, en concreto, o informe de alegacións antes referenciado e os fundamentos xurídicos e técnicos expostos na proposta de acordo, elevada ao Consello da Xunta de Galicia pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, o Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do 1 de febreiro de 2018, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar, ao abeiro do artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o expediente de información pública e informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (Tomiño), de clave: PO/17/003.11, mantendo o trazado proposto como definitivo, coa seguinte consideración:

– En fase de proxecto de construción revisaranse os accesos das propiedades estremeiras, de xeito que ningunha parcela quede sen acceso como consecuencia da construción da nova vía.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, de 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Tomiño deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. O proxecto de construción que desenvolva o proxecto de trazado deberá axustarse ás indicacións recollidas nesta resolución.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Quinto. Este acordo farase público no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento».

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2018

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas