Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2018 Páx. 10288

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de febreiro de 2018 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2016/17.

A Orde EDU/2128/2011, do 15 de xullo (BOE do 28 de xullo), crea e regula os premios nacionais de formación profesional de grao superior establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No artigo 3 da citada orde establécese que poderá concorrer aos premios nacionais o alumnado que obtivese premio extraordinario de formación profesional de grao superior convocado na súa comunidade autónoma nos termos que se regulan nesa norma.

Co fin de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, facendo uso do establecido no artigo 4 da citada Orde EDU/2128/2011, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 29 de xuño),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior (procedemento ED311B) correspondentes ao curso 2016/17 para o alumnado que realizou estes estudos e que os rematou no ano 2017.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderanse conceder ata vinte e tres premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dotación para os premios será de 19.550 € con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2018 da Comunidade Autónoma de Galicia, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 € por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción e farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Estes premios extraordinarios de formación profesional de grao superior son compatibles con calquera outro premio. O alumnado premiado poderá concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter cursados estudos de formación profesional de grao superior no curso 2016/17 nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia e telos rematados no ano 2017.

2. Ter obtido unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50, nos termos establecidos no artigo 50 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia. Esta cualificación expresarase con dúas cifras decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

3. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Prazo, forma e lugar de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/as solicitantes.

As solicitudes (anexo I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Listaxe dos méritos que se desexen alegar relacionados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 12.1.b) desta orde e segundo o modelo do anexo II, xunto coa documentación xustificativa correspondente onde conste expresamente o número de horas de duración da actividade, a data de inicio, a data de finalización e o organismo que convoca.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Expediente dos estudos de formación profesional de grao superior cursados polo/a solicitante.

c) Certificado de estar ao corrente das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao corrente de pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao corrente de pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa, interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

Os centros públicos de educación dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos que está o expediente académico do alumnado de centros privados, enviarán a certificación académica dos estudos obxecto de baremo do alumnado que non teña todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE, na que se reflicta a cualificación final á que se refire o artigo 3.2 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a.

Esta certificación enviarase á dirección de correo electrónico premios@edu.xunta.es

Artigo 10. Emenda e mellora da solicitude

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, requiriranse os/as interesados/as para que, nun prazo de dez (10) días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non o faceren, consideraranse desistidos/as da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

Artigo 11. Xurado de selección

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección formado por:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Ata un máximo de seis, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou funcionarios dos corpos de inspectores de educación, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto.

O xurado poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles méritos que coide pertinentes.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) A cualificación final do ciclo formativo polo que se opta ao premio extraordinario valorarase de 0 a 6 puntos e outorgaranse 0,04 puntos por cada centésima que supere o 8,50.

b) Méritos relacionados co título profesional.

I. As actividades de formación conducentes ás unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais de nivel 3 que pertenzan a unha cualificación profesional da mesma familia profesional do ciclo formativo polo que se opta ao premio, as directamente relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), e as de prevención de riscos laborais valoraranse con 0,04 puntos por cada 10 horas de formación. Sumaranse as horas de todas as actividades e non se puntuará o resto do número de horas inferiores a 10. Cando as actividades só viñesen expresadas en créditos, entenderase que cada crédito equivale a 10 horas.

Os cursos, coa cualificación de apto, realizados nas escolas oficiais de idiomas correspondentes ás ensinanzas establecidas no artigo 3.1 do Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, valoraranse cada un con 0,52 puntos (130 horas).

Non se computarán as actividades de formación incluídas no propio ciclo formativo nin os créditos conducentes á obtención dun título universitario.

A valoración total máxima das actividades de formación será de 3 puntos.

II. A participación en proxectos ou programas europeos relacionados coa familia profesional correspondente valorarase con 0,25 puntos cada un ata un máximo de 0,5 puntos.

III. Os traballos de investigación, os proxectos de innovación, os premios, os concursos, as competicións de Formación Profesional e as publicacións relacionados coa familia profesional correspondente, valorarase cada un con 0,1 puntos ata un máximo de 0,5 puntos. No caso dos premios, concursos e competicións de Formación Profesional só se valorará ao primeiro e ao segundo gañador.

2. Para os efectos de valoración das alíneas I, II e III do punto 1.b) deste artigo, só se terán en conta os méritos realizados e obtidos entre o día 1 de setembro de 2015 e o 31 de decembro de 2017 e certificados por unha Administración pública ou entidade autorizada pola mesma.

3. A valoración final será a suma das valoracións dos puntos 1.a) e 1.b) deste artigo.

4. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos e por esta orde:

a) Cualificación final do ciclo formativo polo que se opta ao premio extraordinario.

b) Méritos relacionados co título profesional (artigo 12.1.b).I).

c) Méritos relacionados co título profesional (artigo 12.1.b).II).

d) Méritos relacionados co título profesional (artigo 12.1.b).III).

e) Sorteo.

5. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 13. Puntuacións provisionais

O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

O alumnado ou, se é o caso, os seus representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do anexo III dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, a reclamación poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación da reclamación, poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Ademais, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo premios@edu.xunta.es

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo xurado de selección á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de catro meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Obrigas dos/das gañadores/as

1. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado gañador debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos a dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo de anexo IV. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosfp; ademais, poderá solicitarse información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.es

Artigo 18. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Incompatibilidades

Queda excluído desta convocatoria e, polo tanto, non poderá participar nela, o persoal que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos tres anos anteriores a esta.

Disposición adicional. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Impugnación

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file