Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2018 Páx. 10274

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 1 de febreiro de 2018 pola que se convocan probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2018.

Na Orde do 16 de marzo de 2011, da Consellería de Economía e Industria (actualmente, Consellería de Economía, Emprego e Industria), establécese que a consellería competente regulará mediante orde o procedemento e a convocatoria para a realización dos exames encamiñados á obtención tanto dos carnés como de calquera outra habilitación profesional necesaria no ámbito da seguridade industrial.

O acordo de coordinación asinado o 9 de abril de 2010, entre a Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (actualmente Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), para establecer un procedemento co fin de que o proceso de obtención de determinados carnés profesionais se articule a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establece que esta última adoptará as medidas necesarias para que nos centros integrados de formación profesional ou naqueles outros dependentes desta consellería que se estableza, que impartan formación profesional, se realicen as xestións encamiñadas á obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais nas especialidades que conxuntamente se determinen.

Así mesmo, faculta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para realizar as convocatorias anuais para a obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais polo procedemento de exame.

En virtude do anteriormente exposto, co fin de regular a organización e o desenvolvemento dos exames para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer o procedemento que seguirá a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a realización dos exames encamiñados á obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais para o ano 2018 nas seguintes especialidades:

Carnés profesionais:

– Carné profesional en instalacións térmicas de edificios.

– Carné profesional de operador/a de guindastre torre.

– Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

– Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Habilitacións profesionais:

– Operador/a industrial de caldeiras.

– Instalador/a de gas, categoría A.

– Instalador/a de gas, categoría B.

– Instalador/a de gas, categoría C.

– Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.

– Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.

– Reparador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.

– Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.

– Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.

– Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.

– Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

O procedemento obxecto desta orde articularase en dúas convocatorias independentes, denominadas ordinaria e extraordinaria, en atención ao período do ano en que se desenvolvan.

Artigo 2. Requisitos das persoas aspirantes

Para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estaren en idade legal laboral ou teren a idade mínima que, de ser o caso, poida exixir a normativa sectorial correspondente.

b) Requisitos específicos que para cada especialidade se establezan na normativa vixente.

Artigo 3. Solicitudes

1. As persoas aspirantes deberán solicitar a súa admisión ás probas mediante instancia, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde. No caso de teren interese na obtención de máis dun carné profesional ou habilitación profesional, presentarán unha solicitude por cada un deles, xunto coa correspondente documentación xustificativa.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas en participar en calquera das especialidades deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Xustificante de liquidación de taxas (clave 32.07.01), consonte o establecido no artigo 6 desta orde.

2. As persoas interesadas en participar nas probas para a obtención dalgún dos catro carnés profesionais deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación de superación do curso teórico-práctico impartido por unha entidade recoñecida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

b) Certificado de estar a cursar un curso teórico-práctico impartido por unha entidade recoñecida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Será necesario presentar este certificado no caso de non ter rematado o devandito curso. Cumprirá presentar a certificación de superación o día da celebración da primeira parte da proba.

3. As persoas interesadas en participar nas probas para a obtención dalgunha das habilitacións profesionais de gases fluorados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación de superación do programa formativo para a manipulación de gases fluorados. O certificado do curso asociado á modalidade de certificado polo que se concorre á proba, malia non constituír un requisito para presentarse á proba, é imprescindible para a expedición do certificado persoal, despois de superada esta.

4. As persoas interesadas en participar nas probas para a obtención do carné de instalacións térmicas en edificios e das habilitacións profesionais de gases fluorados tamén deberán achegar coa solicitude:

a) Informe de vida laboral para a acreditación da experiencia laboral, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

b) Certificación de empresa segundo o anexo II, para acreditación da experiencia laboral. No anexo II, a experiencia laboral describirase mediante a relación de actividades desenvolvidas, nos termos recollidos na normativa da especialidade que corresponda.

5. As persoas interesadas en participar nas probas para a obtención dos carnés de guindastre torre e guindastre móbil autopropulsado, categorías A e B, tamén deberán achegar coa solicitude o seguinte:

a) Xustificación do título da ESO ou equivalente para efectos académicos ou profesionais, no caso de que fosen expedidos por outra comunidade autónoma.

b) Certificado médico e psicotécnico específico en vigor. Este certificado será expedido nos termos establecidos para cada carné, no Real decreto 560/2010, do 7 de maio, polo que se modifican diversas normas regulamentarias en materia de seguridade industrial.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, de non ser así, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Titulación ou estudos non universitarios requiridos, cando o estableza a especialidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Taxas

1. Xunto coa solicitude, deberase presentar xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas (importe de 39,14 euros), validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso. O modelo de impreso, así como os datos e os códigos que se deben indicar, son os seguintes:

Modelo A.

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Código 07.

Delegación de Servizos Centrais. Código 13.

Servizo de Xestión da Formación Profesional. Código 03.

Taxa. Denominación: capacitación profesional para o exercicio de actividades en materia de industria. Código 320701.

2. A non presentación dentro de prazo deste xustificante, no que debe figurar o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión da persoa aspirante. En ningún caso a presentación deste anexo suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

1. Para a convocatoria ordinaria, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 1 ao día 14 de marzo de 2018, ambos os dous incluídos.

2. Para a convocatoria extraordinaria, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 2 ao día 13 de xullo de 2018, ambos os dous incluídos.

Artigo 8. Admisión de solicitudes

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, coas causas de exclusión, na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

2. As persoas excluídas, así como as que non figuren nin nas relacións de admitidas nin nas de excluídas, disporán de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación, para a emenda de defectos.

3. Logo de transcorrido o prazo de reclamacións e revisadas estas, publicarase a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, coas datas, as horas, os lugares de realización dos exames e as causas de exclusión das persoas que non resultasen seleccionadas.

Esta listaxe publicarase na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

Artigo 9. Tribunais cualificadores

1. Constituirase, como mínimo, un tribunal para cada especialidade. Os membros titulares e suplentes do tribunal serán nomeados pola dirección do centro designado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Cada tribunal estará formado por un presidente ou unha presidenta e, como mínimo, dúas persoas que actuarán como vogais. Como secretario ou secretaria actuará o/a vogal de menor idade, no caso de que non haxa acordo. Cando cumpra, poderá formar parte do tribunal profesorado con destino noutro centro, sempre que pertenza á mesma familia profesional.

2. Logo da convocatoria do presidente ou da presidenta, constituirase o tribunal respectivo, coa asistencia da maioría simple dos seus membros, titulares ou suplentes. Na devandita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que corresponda para garantir o correcto desenvolvemento das probas.

3. A partir da súa constitución, para que o tribunal poida actuar validamente, requirirase a presenza dun mínimo de tres membros, dos cales un será obrigatoriamente o presidente ou a presidenta. Os membros titulares e os suplentes poderán actuar indistinta e concorrentemente.

4. O tribunal cualificador correspondente resolverá cantas incidencias se susciten no ámbito destas convocatorias. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, os tribunais terán a súa sede na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

5. Os membros dos tribunais percibirán as indemnizacións correspondentes segundo o establecido no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. O tribunal poderá dispor a incorporación de persoal asesor especialista para cada un dos carnés convocados, que lle prestará a súa colaboración ao tribunal nas especialidades técnicas de cada materia. Así mesmo, o tribunal poderá valerse da actividade de persoal auxiliar durante a realización dos exercicios.

Artigo 10. Desenvolvemento dos exames

1. A sede de realización dos exames para cada especialidade publicarase na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

2. Para a realización do exame, as persoas candidatas deberán ir provistas do documento oficial que acredite a súa identidade e bolígrafo negro ou azul.

3. Os exames estarán constituídos por dúas partes, e versarán sobre os coñecementos, contidos, etc., especificados na regulamentación de cada especialidade e que constitúen a materia de avaliación. O seu desenvolvemento realizarase xeralmente na mesma xornada:

a) Primeira parte. Exercicio teórico escrito consistente na resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal de cada especialidade. Poderá incluír cuestións sobre coñecementos tecnolóxicos e cálculos básicos no ámbito da competencia do carné profesional ou da habilitación profesional.

b) Segunda parte. Poderá consistir nun suposto práctico escrito ou nunha proba real de manipulación, manobra ou operación, e versará sobre a resolución dun problema ou de varios problemas, ou no seguimento de instrucións contextualizadas, segundo determine o tribunal, en relación cos requisitos prácticos propios de cada especialidade.

No suposto práctico escrito, cumprirá que se desenvolva o conxunto ou a secuencia de operacións ordenadas que dan lugar ao resultado final, ou a xustificación razoada da resposta, se se require na cuestión algún argumento de reflexión; en caso contrario, non se puntuará o exercicio.

Nesta proba, o tribunal cualificador poderá permitir o uso do regulamento técnico ou de calquera material adicional que considere necesario para o desenvolvemento da proba. A relación deste material comunicaráselles ás persoas participantes de cada especialidade, de ser o caso, a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

En calquera caso, poderase utilizar calculadora científica, excepto as que sexan programables ou con capacidade para almacenar e transmitir datos.

Para os carnés de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, a segunda parte consistirá nunha proba de demostración real de destreza na manobra e na operación co guindastre baixo as instrucións e as indicacións especificadas polo tribunal. Será condición imprescindible ter superada a primeira parte da proba para poder concorrer a esta segunda parte. O tribunal publicará a relación de persoas seleccionadas para realizar a segunda parte da proba e informará da data e do lugar de realización na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

Artigo 11. Cualificación dos exames

1. A puntuación mínima para superar cada parte corresponderá á metade do valor da puntuación máxima posible da devandita parte. Na parte teórica a nota formarase de acordo coa expresión: número de respostas correctas - (número de respostas incorrectas/3).

2. Os exames cualificaranse como «apto/a» ou «non apto/a». Para considerarse apto/a deberanse aprobar as dúas partes independentemente.

Artigo 12. Listaxes de cualificacións

1. O tribunal cualificador publicará a listaxe provisional de cualificacións na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

2. Disporase dun prazo de cinco días hábiles desde a publicación da listaxe provisional de cualificacións para formular reclamacións ante o presidente ou a presidenta do tribunal cualificador, que resolverá as reclamacións. Para garantir o anonimato e a obxectividade da corrección, non se permitirá, agás por circunstancias excepcionais que deberán estar claramente xustificadas, a revisión presencial dos exames.

3. Finalizado o prazo, o tribunal enviará a proposta da listaxe de cualificacións por especialidades ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, quen a elevará a definitiva mediante unha resolución. A listaxe definitiva de cualificacións publicarase na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

4. Contra a resolución definitiva poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes desde a súa publicación.

Artigo 13. Expedición de carnés profesionais e habilitacións profesionais. Notificacións

1. Logo de elevada a definitiva a listaxe, as persoas que resulten aptas recibirán o carné profesional ou a habilitación profesional correspondente.

2. Segundo o establecido no Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, a posesión do carné profesional de instalacións térmicas en edificios constitúe un requisito para a obtención do certificado persoal para a manipulación de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados. Xa que logo, ás persoas que, ao abeiro desta orde, superen as probas que dan lugar á obtención deste carné profesional, expediráselles de oficio o devandito certificado persoal.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou se deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou ao teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Arquivamento e destrución das probas

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será a encargada do arquivamento dos exames durante un mínimo de tres meses tras a súa finalización. Transcorrido este período poderá procederse á destrución das probas das que non se formule reclamación. No caso dos exames reclamados, a documentación conservarase durante un período de cinco anos.

Disposición adicional. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Alumnado», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta mesma Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxfp@edu.xunta.es.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file