Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2018 Páx. 10262

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

DECRETO 15/2018, do 25 de xaneiro, polo que se crea e se regula o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia.

I

A Comunidade Autónoma de Galicia conta con catrocentos noventa e sete ríos distribuídos por todo o seu ámbito territorial. A creación do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia xorde coa finalidade de responder á necesidade de recoñecemento e protección do enorme valor patrimonial, tanto social como ambiental, desta riqueza hidrográfica, así como a importancia que teñen na conservación tanto da flora como da fauna que dependen deles para a súa supervivencia. Recoñecer estes valores é esencial en toda sociedade sensible e responsable coas xeracións futuras.

Os factores que contribúen en maior medida á diminución da biodiversidade e a problemática principal que se atopa nos ríos na Comunidade Autónoma de Galicia preséntanse principalmente na alteración física á cal están sometidos, debido, sobre todo, ás infraestruturas, á perda e degradación dos hábitats, á invasión das zonas de inundación por todo tipo de construcións, á sobreexplotación, á contaminación e á introdución de especies non nativas.

A xestión desta situación obriga a abordar este feito dun modo transversal e interdisciplinar para poder obter información periódica e pormenorizada sobre o estado dos ríos galegos e promover a elaboración de plans directores para a promoción e valorización dos ríos como elementos destacados do patrimonio natural, económico e social galego.

II

Este decreto regula a creación do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia como un órgano colexiado adscrito á consellería competente en materia de ambiente. Conta coa participación, na súa composición, de representantes das consellerías que teñen relación nos seus ámbitos competenciais coa finalidade deste observatorio, de representantes da Administración local e coa representación dos organismos de bacía competentes no territorio galego, das tres universidades galegas, así como das principais entidades ecoloxistas que teñan como fins estatutarios a defensa dos ecosistemas fluviais e da Federación Galega de Pesca.

A Constitución española recoñece no seu artigo 45.2 que «Os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o ambiente, apoiándose na indispensable solidariedade colectiva», e o seu artigo 149.1.23 establece a competencia exclusiva do Estado para a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades que teñen as comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección.

O artigo 27.12 do Estatuto de autonomía, sinala que a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de aproveitamento hidráulico, canles e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 da Constitución española. Así mesmo, e neste mesmo senso, o artigo 27.30 establece a competencia para as normas adicionais de protección, conservación e mellora do ambiente e dos espazos naturais.

A Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos, no seu artigo 1, declara prioridade de interese xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, incluíndo a biodiversidade da flora e a fauna dos ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado. Declarase, así mesmo, a obriga das administracións públicas galegas para garantir a protección, conservación e mellora do patrimonio natural fluvial.

O artigo 5 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, atribúe a competencia a cada Administración pública, na súa propia área competencial, para a creación dos órganos administrativos propios das especialidades derivadas da súa xestión. No exercicio desta potestade, a Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de ambiente, en virtude das competencias que lle outorga o Decreto 167/2015, do 13 de novembro, en materia de ambiente, apreciou a necesidade de crear o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia, con carácter de órgano colexiado de asesoramento, apoio e consulta.

Por todo o anteriormente exposto, considérase que este decreto se adecua aos principios establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que establece no seu punto primeiro que, no exercicio da iniciativa lexislativa e a potestade regulamentaria, as administracións públicas actuarán de acordo cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

III

En relación coa súa estrutura, este decreto consta de catorce artigos, distribuídos en tres capítulos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, que leva por rúbrica «Disposicións de carácter xeral», regula o obxecto e ámbito de aplicación, a natureza e o réxime xurídico, a finalidade, adscrición e as funcións do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia.

O capítulo II, nomeado «Composición», está dedicado a regular a forma de nomear as persoas que van formar parte do Observatorio, distinguindo en artigos diferenciados as figuras das persoas titulares da Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría e vogalías e a duración do seu mandato.

O capítulo III, titulado «Normas básicas de funcionamento», regula as funcións dos membros do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia, así como o seu réxime de funcionamento.

Na disposición adicional primeira regúlanse os gastos de funcionamento que se poidan xerar coa posta en funcionamento do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia e na disposición adicional segunda regula o prazo máximo en que se deberá constituír o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia.

Na disposición derradeira primeira establecese a habilitación para o desenvolvemento normativo deste decreto e na disposición derradeira segunda regúlase o prazo para a entrada en vigor deste decreto.

Consonte o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, esta disposición foi sometida a trámite de audiencia, á información pública e conta con todos os informes correspondentes.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e cinco de xaneiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións de carácter xeral

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto a creación, como órgano consultivo, do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia, así como a regulación das súas funcións, composición e réxime de funcionamento.

2. O ámbito de aplicación é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Natureza e réxime xurídico

1. O Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia concíbese como un órgano colexiado ao cal, de acordo co principio de colaboración institucional, lle corresponde o asesoramento sobre o estado ambiental, económico-social e cultural dos ríos da Comunidade Autónoma de Galicia, a elaboración de informes e estudos, e a diagnose e proposta de medidas que axuden a definir as distintas políticas autonómicas de posta en valor dos ecosistemas fluviais de Galicia.

2. En todo o non regulado neste decreto seralle de aplicación o establecido na sección 3ª do capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na subsección primeira da sección terceira, do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 3. Adscrición do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia

O Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia adscríbese á consellería competente en materia de ambiente, a través da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, que lle prestara soporte persoal e material para exercer as súas funcións.

Artigo 4. Funcións

Serán funcións do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia:

1. Actuar como órgano de asesoramento, análise e difusión de información periódica relativa á situación dos ríos galegos.

2. Recoller e analizar a información sobre as medidas e actuacións postas en marcha desde as diferentes instancias, públicas e privadas.

3. Participar na elaboración dos plans directores para os ríos galegos nos cales se recollan as políticas autonómicas en torno á promoción e valorización dos ríos como elementos destacados do patrimonio natural, económico e social galego, así como informar respecto os seus contidos.

4. Difundir a importancia dos ríos e as súas contornas naturais e promover boas prácticas na interacción da cidadanía cara a eles.

5. Promover a colaboración entre todas as institucións implicadas encamiñada á posta en valor dos ríos galegos.

6. Actuar como foro de encontro interdisciplinar entre organismos públicos e as sociedades civil e do coñecemento.

7. Elaborar informes periódicos sobre a situación e a evolución das medidas adoptadas para a posta en valor dos ríos galegos.

8. Realizar cantas outras actuación lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento destas funcións.

CAPÍTULO II
Composición

Artigo 5. Composición

1. O Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia terá a seguinte composición:

a) Presidencia.

b) Vicepresidencia.

c) Secretaría.

d) Trinta e dous vogais.

2. A composición do Observatorio procurará unha participación equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 6. A Presidencia do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia

1. A Presidencia do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia correspóndelle a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal que impida o efectivo desenvolvemento das súas funcións pola persoa titular da Presidencia, esta será substituída pola persoa que exerza a Vicepresidencia.

3. Correspóndenlle á Presidencia as seguintes funcións:

a) Desempeñar a representación do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno e fixar a orde do día.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos.

g) Nomear e separar, se é o caso, os/as vogais propostos/as polos distintos departamentos e entidades.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes en relación coa súa condición.

Artigo 7. A Vicepresidencia

1. A Vicepresidencia do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia correspóndelle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

2. Correspóndenlle á Vicepresidencia as seguintes funcións:

a) Exercer as funcións atribuídas á persoa titular da Presidencia en caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou noutra causa legal.

b) Exercer aquelas funcións que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia.

c) Exercer cantas funcións sexan inherentes ao seu cargo e que estean relacionadas coas funcións do órgano.

Artigo 8. A Secretaría

1. A Secretaria do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia, correspóndelle a unha persoa funcionaria por proposta do organismo competente en materia de augas de Galicia, que será nomeada pola Presidencia.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituída pola persoa funcionaria que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.

3. Correspóndenlle á Secretaría as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións do Pleno, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da Presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos que deba ter en coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á Secretaría pola súa condición.

Artigo 9. Vogais

1. Os/as vogais do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia serán nomeados/as pola persoa titular da Presidencia, por proposta da consellería ou entidade que se especifica a continuación:

a) Catro persoas en representación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: dúas persoas designadas pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza; outra pola dirección xeral competente en materia de calidade e cambio climático e outra pola dirección xeral competente en materia de ordenación do territorio.

b) Unha persoa designada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Unha persoa designada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

d) Unha persoa designada pola Consellería de Política Social.

e) Dúas persoas designadas pola Consellería do Medio Rural.

f) Unha persoa designada pola Consellería do Mar.

g) Unha persoa en representación da Axencia Galega de Turismo.

h) Seis persoas en representación dos organismos de bacía competentes no territorio Galego: tres persoas en representación de Augas de Galicia pola demarcación de Galicia Costa; unha persoa en representación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola demarcación do Miño-Sil; da Confederación Hidrográfica do Douro pola demarcación do Douro; e da Confederación Hidrográfica do Cantábrico pola demarcación do Cantábrico.

i) Tres persoas en representación das universidades galegas (unha por cada unha das universidades).

j) Dúas persoas en representación de asociacións ecoloxistas que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa dos ecosistemas fluviais.

k) Unha persoa en representación da Federación Galega de Pesca.

l) Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias.

ll) Catro persoas en representación das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia, presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

m) Catro persoas en representación das organizacións empresariais intersectoriais mais representativas de Galicia.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou noutra causa legal a suplencia será exercida pola persoa designada como suplente pola entidade.

3. Correspóndenlle aos/ás vogais as seguintes funcións:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa antelación referida.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Non absterse nas votacións aqueles que pola súa calidade de autoridades ou persoal ao servizo das administracións públicas teñan a condición de membros do órgano colexiado.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Obter a información precisa para cumprir coas funcións asignadas.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

Artigo 10. Duración do mandato

1. As persoas integrantes do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia que teñan a dita condición por razón do seu cargo desempeñarán as súas funcións polo tempo que dure o exercicio deste.

2. O mandato da persoa titular da Secretaría e os/as vogais terá unha duración de catro anos a partir da data da sesión constitutiva, e entenderase prorrogado no tempo entre a súa finalización e o nomeamento dos novos membros.

CAPÍTULO III
Normas básicas de funcionamento

Artigo 11. Funcionamento

1. Para o cumprimento das funcións atribuídas, o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia funcionará en pleno e en grupos de traballo.

2. A Presidencia do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia poderá invitar a incorporarse ás sesións do Pleno ou dos grupos de traballo, con voz pero sen voto, as autoridades, funcionarios/as, técnicos/as, que considere conveniente que, por razón da súa experiencia ou coñecemento específico nas materias que se van tratar, poidan intervir.

Artigo 12. O Pleno

1. O Pleno estará composto pola totalidade dos membros que compoñen o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia, as cales, salvo a persoa que desempeñe a Secretaría, terán dereito a voto.

2. Para a válida constitución do Pleno, requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e Secretaría ou, de ser o caso, daquelas que as substitúan, e da presenza da metade, polo menos, dos seus membros.

3. O Pleno reunirase como mínimo unha vez ao ano, en sesión ordinaria, e, en sesión extraordinaria, cando sexa convocado pola persoa titular da súa presidencia, por propia iniciativa ou por petición de, polo menos, a metade dos seus membros.

4. Para que os acordos do Pleno sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos das persoas asistentes.

5. O Pleno emitira a súa opinión sobre aquelas cuestións que lle sexan trasladadas por parte da Presidencia.

6. Correspóndelle ao Pleno a elaboración e aprobación, por maioría cualificada de tres quintos dos seus membros, do regulamento de funcionamento do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia.

Artigo 13. Grupos de traballo

1. O Pleno do Observatorio poderá acordar a constitución, con carácter permanente ou temporal, de grupos de traballo, logo de aprobación por maioría cualificada de tres quintos dos seus membros.

2. O acordo de constitución dos grupos de traballo deberá especificar a súa composición, as funcións que se lle encomenden e, se é o caso, o prazo para a súa consecución.

Artigo 14. Actas

1. De cada sesión que teña lugar, a persoa titular da Secretaría redactará a correspondente acta, na cal se reflectirán as persoas asistentes, a orde do día, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou, as deliberacións e o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do Pleno, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.

3. Calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue, no acto ou no prazo que sinale a persoa titular da Presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, que se unirá á acta.

4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, que se unirá á acta no prazo das corenta e oito horas seguintes á finalización da sesión.

Disposición adicional primeira. Gastos de funcionamento

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio atenderá con cargo ao seu orzamento ordinario os gastos de funcionamento persoais e materiais deste órgano colexiado.

Disposición adicional segunda. Prazo de constitución do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia

A sesión constitutiva do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia terá lugar no prazo máximo de tres meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as normas, nas materias na súa competencia, para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xaneiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio