Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2018 Páx. 10505

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros bibliotecarios.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, de acordo co que establece o Estatuto de autonomía de Galicia nos artigos 32 e 27.18, exerce a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, así recollida no artigo 9 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, que foi desenvolvida a través da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

Consonte esta responsabilidade, a Consellería é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica do seu persoal. Por iso, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén realizando cursos de formación da instrución tanto básica como de perfeccionamento dos futuros bibliotecarios da Rede de bibliotecas de Galicia. Esta formación, esencialmente teórica, non quedaría rematada se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan non só a formación nas diversas áreas de traballo e servizos destes centros, senón tamén co contacto diario e directo dos/das bolseiros/as, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca, debidamente guiados por persoas con coñecementos e experiencia suficiente, como medio de promoción profesional.

Por esta razón, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, realiza un plan de preparación de profesionais para a Rede de bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros dependentes desta.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de bolsas de formación en biblioteconomía, con acompañamento de titor, para o tratamento técnico dos fondos, así como calquera outra actividade que permita a súa formación e coñecemento dos diversos servizos bibliotecarios.

2. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia (código de procedemento CT233A).

3. Os bolseiros recibirán a súa formación nas seguintes bibliotecas públicas: Biblioteca de Galicia, Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, Biblioteca Pública de Lugo, Biblioteca Pública de Ourense, Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e Biblioteca Pública Municipal de Ferrol (Central).

Serán coordinados e dirixidos pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela.

4. A formación comprenderá unha parte teórica e outra práctica que será impartida por persoal técnico bibliotecario.

Artigo 2. Número, duración e importe das bolsas

1. O número total de prazas convocadas será de trinta e cinco (35), que se adxudicarán mediante a aplicación do baremo indicado no artigo 10 desta convocatoria.

2. A bolsa terá unha duración máxima total de sete meses, contados desde a data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura e poderán ser prorrogadas dependendo do informe favorable do titor responsable e mais da existencia de crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento.

3. O número de horas diarias de formación será de 7 horas.

4. Financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe total de douscentos quince mil seiscentos euros (215.600 euros).

5. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse 9.324,7 euros en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por continxencias comúns e profesionais, con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.484.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

6. O importe individualizado de cada bolsa será de 880 euros brutos mensuais.

7. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no caso de que as bolsas concedidas non cubrisen a totalidade do crédito asignado, pode realizar unha nova convocatoria pública, nos mesmos ou en diferentes termos desta.

Artigo 3. Requisitos dos beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

– Titulación universitaria de licenciatura ou diplomatura en Biblioteconomía ou Documentación; grao en Información e Documentación; licenciatura ou grao en Historia ou Xeografía e Historia, Filoloxía ou Lingua e Literatura, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e Humanidades.

– Non percibir outra bolsa ou contrato remunerados durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

– Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, a xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.

– Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

– Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán achegar, para estes efectos, unha declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no referido artigo.

A concesión da bolsa será incompatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, de acordo co disposto no artigo 14.1.p) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Obrigas dos bolseiros

Ás persoas seleccionadas, logo de aceptaren as bolsas, seralles de aplicación o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, así mesmo, quedarán obrigadas a:

– Incorporarse aos centros a que sexan destinadas na data sinalada pola Secretaría Xeral de Cultura.

– Asistir aos centros onde resulten destinadas, de acordo coas directrices determinadas que fixen os responsables da execución do programa de formación teórica e práctica.

– Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

– Cumprir o compromiso de formación durante todo o período para o cal se lles concedeu a bolsa.

– Os beneficiarios deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 5. Presentación das solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes presentaranse no formulario normalizado anexo I. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Copia da certificación académica oficial completa, en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación.

– Copia dos documentos que acrediten os méritos alegados.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

c) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Instrución, avaliación e criterios de valoración

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas levaraa a cabo a Secretaría Xeral de Cultura.

O órgano competente para a instrución realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. As solicitudes serán analizadas e valoradas por unha comisión presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas, da que serán vogais a persoa titular do Servizo do Sistema de Bibliotecas e o/a director/a dunha das bibliotecas de xestión autonómica da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a ou laboral da Subdirección Xeral de Bibliotecas.

3. Esta comisión avaliará consonte os seguintes criterios:

3.1. Titulación académica:

– Licenciatura en Biblioteconomía e Documentación: 8 puntos.

– Diplomatura en Biblioteconomía: 6 puntos.

– Grao en Información e Documentación: 8 puntos.

3.2. Expediente académico:

Nota media do título universitario con que concorre á bolsa: sumarase a nota media do expediente ao cómputo global.

3.3. Formación complementaria:

– Máster, curso de experto ou especialización universitaria, curso de posgrao e diploma de estudos avanzados, en materia de biblioteconomía, organizados por organismos públicos, universidades e cun mínimo de 200 horas: 2,50 puntos.

– Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas a bibliotecas, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas: valoraranse ata un máximo de 5,75 puntos.

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 200 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

d) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 0,75 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

– Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas a bibliotecas impartidos por outros organismos: valoraranse ata un máximo de 0,75 puntos.

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 200 horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 0,30 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 0,20 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,05 puntos por curso, ata un máximo de 0,15 puntos.

d) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,02 puntos por curso, ata un máximo de 0,10 puntos.

– Impartición de cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas a bibliotecas, ata 1,50 puntos, en función das horas impartidas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

– Asistencia a congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas ás bibliotecas: 0,10 puntos por congreso, ata un máximo de 0,70 puntos.

– Presentación de comunicacións en congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas ás bibliotecas: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 1,25 puntos.

– Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas ás bibliotecas: 0,25 puntos por publicación, ata o máximo de 1,5 puntos. O mesmo mérito valorarase unha soa vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

– Cursos de galego: só se valorará o curso máis alto que se acredite ata o máximo de 3,5 puntos.

Celga 3 ou equivalente: 2,5 puntos.

Celga 4 ou equivalente: 3,5 puntos.

O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que se fará pública, para os efectos de notificación aos interesados, no portal da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (http://rbgalicia.xunta.gal), na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nas súas delegacións territoriais. Concederase un prazo de dez (10) días para presentar alegacións. Examinadas as alegacións aducidas, de ser o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar o solicitante ou solicitantes para os cales se propón a concesión da bolsa, especificando a puntuación total obtida na valoración dos méritos.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución da convocatoria correspóndelle ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e ditarase no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución. Publicarase no DOG e, así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (http://rbgalicia.xunta.gal), na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nas súas delegacións territoriais. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos. En todo caso, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá superar os cinco meses.

A resolución deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas, poderanse designar ademais os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se puidese formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. No caso de no aceptar a adxudicación da praza vacante entenderase que renuncia ao desfrute da bolsa.

2. No suposto de que non se dite ningunha resolución expresa dentro do prazo previsto para resolver, o sentido do silencio será negativo.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

De non se incorporaren no prazo que se determine para tal efecto na resolución da concesión sen causa suficiente, ou de demostrarse falsidade ou non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada, o secretario xeral de Cultura poderá propoñer o seguinte ou seguintes candidatos, por orde de puntuación, e quedará sen efecto o nomeamento das persoas que se atopen nalgunha destas situacións.

4. Unha vez outorgadas as bolsas, a Secretaría Xeral de Cultura poderá solicitarlles aos seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán entregar nun prazo non superior aos dez (10) días.

5. De acordo co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 16/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, segundo autorización do solicitante que figure na convocatoria correspondente.

7. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data de notificación aos interesados ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data de notificación.

8. Unha vez rematado o período de percepción da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación presentada.

Artigo 12. Pagamento das bolsas

1. O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación, e repartirase en sete (7) mensualidades, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, logo da certificación da Secretaría Xeral de Cultura de que a persoa beneficiaria realizou, de conformidade, as actividades formativas que son obxecto da bolsa.

2. Ás persoas beneficiarias das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao seu pagamento.

3. Así mesmo, os beneficiarios das bolsas están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13. Suspensión, renuncias, revogación e reintegro das cantidades

1. A Secretaría Xeral de Cultura poderá autorizar a interrupción temporal do desfrute da bolsa sempre que esta estea motivada por descanso por maternidade e/ou paternidade, debidamente acreditadas. O período interrompido poderase incrementar á data prevista de finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

2. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada polo menos con sete días de antelación á data establecida para a súa renuncia. Esta dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non realizada. A Secretaría Xeral de Cultura procederá ao chamamento de suplentes para cubrir estas prazas.

3. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Secretaría Xeral de Cultura a revogación da bolsa por falta de aproveitamento ou incumprimento das condicións sinaladas.

4. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Réxime xurídico

1. A inclusión dos bolseiros no réxime da Seguridade Social rexerase polo disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

2. En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da lei anterior. Con carácter supletorio será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 15. Carácter das bolsas

Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos desta, conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo coa Administración autonómica.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura, Monte Gaiás, 15007 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico
a sxc-subdireccion-bibliotecas.cceou@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

Autorízase ao secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

CT233A_53307_Completo_gl_2018_1.pdf
CT233A_53307_Completo_gl_2018_1.pdf