Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2018 Páx. 10681

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 1 de febreiro de 2018 pola que se prorroga a autorización temporal do centro privado estranxeiro Montessori Compostela, de Santiago de Compostela.

Por Orde do 29 de agosto de 2016 autorízase a apertura e funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Montessori Compostela, de Santiago de Compostela, para impartir as ensinanzas de nivel Infant (de 3 a 6 anos de idade) e o nivel Elementary (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

A titularidade do centro solicita unha prórroga temporal ata o 31 de agosto de 2018 e achega un certificado temporal de elixibilidade no proceso de acreditación da New England Association of Schools & Colleges (NEASC) para un máximo de 50 alumnos/as no nivel Pre-School Section (de 3 a 6 anos), que se corresponden co segundo ciclo da educación infantil, e de 100 alumnos/as no nivel Elementary Section (de 6 a 12 anos), que se corresponden coa etapa de educación primaria do sistema educativo de España.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga da autorización temporal

Prorrogar, ata o 31 de agosto de 2018, a autorización temporal do centro privado estranxeiro Montessori Compostela, para impartir as ensinanzas de Pre-School Section (Infantil 3 a 6 anos) para un máximo de 50 estudantes e as de Elementary Section (Primaria de 6 a 12 anos de idade) para un máximo de 100 estudantes do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: Centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Montessori Compostela.

Código do centro: 15033046.

Domicilio: rúa de Sar, 68 (Colexiata de Sar).

Código postal: 15702.

Localidade: Santiago de Compostela.

Concello: Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Titular: Montessori Compostela, S.L.

Artigo 2. Validez da prórroga da autorización temporal

A autorización temporal terá validez ata o 31 de agosto de 2018, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges. A partir de esta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada dos Estados Unidos de América.

Artigo 3. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria