Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2018 Páx. 10677

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 29 de xaneiro de 2018 pola que se aproban as táboas de avaliación documental de determinadas series documentais do patrimonio documental de Galicia e se dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, determina no seu artigo 19 que os documentos de titularidade pública serán avaliados e seleccionados para determinar a súa conservación ou eliminación de acordo co interese que presenten desde o punto de vista administrativo, xurídico, legal e histórico e os seus prazos de vixencia, acceso e conservación.

Os documentos de titularidade pública son patrimonio documental de Galicia desde a súa creación ou a súa acumulación, tal como establece a citada Lei de arquivos e documentos de Galicia e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xestión, custodia e acceso aos documentos de titularidade pública réxense polos principios desta normativa e son responsabilidade directa dos seus titulares.

A Lei de arquivos e documentos establece que non poderá eliminarse ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin. Con este obxectivo, o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia, establece o procedemento para seguir na avaliación para a selección de documentos.

No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas a ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental. Aprobadas, de ser o caso, as táboas de avaliación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, disporá a súa publicación no Diario Oficial de Galicia mediante un extracto, sen prexuízo de facelas públicas na páxina web da consellería.

De acordo con esta normativa e procedemento, as series documentais que se mencionan nesta orde foron presentadas ao Consello de Avaliación Documental de Galicia que, na súa sesión do 15 de marzo de 2017, emitiu o seu ditame a través das táboas de avaliación documental elevadas para a súa aprobación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

RESOLVO:

Primeiro

Aprobar as táboas de avaliación documental cuxos extractos se recollen no anexo a esta resolución e que corresponden ás seguintes series documentais, procedentes da Administración autonómica, ditaminadas polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na súa sesión do 15 de marzo de 2017:

• Expedientes de axudas do Fondo de Acción Social para o persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

• Expedientes de rexistro dos contratos laborais.

Segundo

Ordenar a publicación das táboas de avaliación documental das mencionadas series mediante un extracto no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Extractos das táboas de avaliación de series documentais

Táboa: 012.

– Código de serie: AA-260.

– Denominación: expedientes de axudas do Fondo de Acción Social para o persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

– Procedencia: Consellería de Facenda e Función Pública. Dirección Xeral de Función Pública. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais. Servizo de Relacións Laborais.

– Datas extremas da serie: 1985 (serie aberta).

– Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1985-2016.

– Resolución de aprobación:

Ditame do Consello de Avaliación Documental: sesión do 15 de marzo de 2017.

Acceso: restrinxido.

Transferencias:

* Ao arquivo central ao remate do ano da tramitación.

* Ao arquivo intermedio aos 5 anos da finalización do trámite.

* Ao arquivo histórico aos 10 anos, os resultantes da selección.

Selección: conservación parcial. Conservación dos expedientes xerais e dunha mostra de cinco expedientes tipo por convocatoria anual. Os restantes poderán ser eliminados aos cinco anos da súa tramitación.

Táboa: 013.

– Código de serie: AA-1301.

– Denominación: expedientes de rexistro dos contratos laborais.

– Procedencia: Consellería de Economía, Emprego e Industria. Secretaría Xeral de Emprego. Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral. Subdirección Xeral de Orientación Laboral.

– Datas extremas da serie: 1997 (serie aberta).

– Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1997-2016.

– Resolución de aprobación:

Ditame do Consello de Avaliación Documental: sesión do 15 de marzo de 2017.

Acceso: restrinxido.

Transferencias:

* Ao arquivo central ao remate do ano da tramitación.

* Ao arquivo intermedio aos 5 anos da finalización do trámite.

* Ao arquivo histórico aos 10 anos, os resultantes da selección.

Selección: eliminación total. Expedientes anteriores ao ano 2002, inclusive, aos 50 anos da finalización da súa tramitación. Expedientes posteriores ao ano 2002, aos 2 anos da finalización da súa tramitación.

En ambos os casos conservarase como mostra un 5 % das unidades de instalación.