Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2018 Páx. 10673

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 7 de febreiro de 2018 pola que se clasifica de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA).

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA), con domicilio na rúa do Porto, 25, Corrubedo, 15969 Ribeira.

Feitos:

1. Benito Blanco Avellano, secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA) foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 14 de xullo de 2017, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 2.044, por David Alan Chipperfield, que actúa representado por Benito Blanco Avellano.

Esta escritura rectificouse con outra outorgada tamén na Coruña o 27 de decembro de 2017, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número de protocolo 3.490.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto o estudo, a planificación e o desenvolvemento produtivo, económico e cultural dos espazos que integran a ría de Arousa e a comarca do Barbanza e os territorios que compoñen as rías atlánticas de Galicia.

O obxecto desta fundación cumprirase conciliando e incentivando todos os sectores e estamentos da sociedade, a comunidade científica e todas as institucións económicas e culturais relacionadas coa poboación e o territorio en que se concretará a actuación da fundación.

4. O padroado inicial da fundación está formado por sir David Alan Chipperfield, como presidente, Louise Dier, como vicepresidenta, e Benito Blanco Avellano, como vicepresidente segundo e secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia, a Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA), con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 6 de febreiro de 2018

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA), adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódese interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza