Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2018 Páx. 10687

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2018 pola que se publica o plan de formación para o primeiro semestre do ano 2018 para o persoal da Unidade da Policía Nacional en Galicia.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2018 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor na súa xuntanza do 1 de febreiro de 2018, de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, publícase a seguir a listaxe de cursos que compoñen o plan de formación para o primeiro semestre deste ano 2018 para o persoal da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia (UPA), cuxas bases se especifican no anexo I desta resolución.

Denominación curso

Horas

Nº prazas

Habilidades de comunicación nos centros escolares

16

20

Actualización en ambiente

4

25

Seminario técnico en materia de inspección ambiental

4

25

Lei de montes

4

25

Investigación de incendios

16

25

Actualización en materia de violencia de xénero

8

25

Menores

8

25

DESA

8

16

A Estrada, 9 de febreiro de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. Destinatarios

Persoal da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia en servizo activo.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de se considerar oportuno, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia con competencias directas na materia que se desenvolva e resérvanse expresamente prazas para eles.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Lugar e datas

Os cursos desenvolveranse nas instalacións da Agasp.

As datas de cada curso estableceranse, polo menos, cunha antelación de 20 días naturais á súa realización e comunicarase desde a Xefatura da UPA a todas as unidades para o coñecemento de todos/as os/as interesados/as.

Terceira. Solicitudes e criterios xerais de selección

As solicitudes faranse directamente á Xefatura da UPA, órgano encargado tamén da selección do alumnado.

Os criterios de selección para cada acción formativa serán os indicados pola Xefatura da UPA. En caso de non haber especificidade ningunha, atenderase a criterios de orde de inscrición e número de cursos realizados con anterioridade.

A Xefatura da UPA remitirá ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp a listaxe do alumnado participante en cada acción formativa, polo menos, 5 días hábiles antes do comezo de cada actividade, con todos os datos precisos para realizar a inscrición de xeito correcto.

Cuarta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, e poden realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior; en todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contando desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

Quinta. Certificación

Para poder superar os cursos, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao final deles no caso de que os ditos cursos figuren con aproveitamento.

Sexta. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir sen necesidade dunha nova publicación no DOG.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.