Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2018 Páx. 11073

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 20/2018, do 1 de febreiro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (Tomiño), de clave PO/17/003.11, no concello de Tomiño.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 7 de xullo de 2017 a Axencia Galega de Infraestruturas resolve aprobar provisionalmente o proxecto de trazado para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (Tomiño), de clave PO/17/003.11.

Segundo. Con data do 4 de agosto de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 148) o Anuncio de 18 de xullo de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (Tomiño), de clave PO/17/003.11, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido (convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño).

Terceiro. Despois da análise das alegacións, informes e certificacións presentadas, o 17 de xaneiro de 2018 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (Tomiño), de clave PO/17/003.11.

O dito proxecto construtivo ten por obxecto mellorar o calidade de vida no concello de Tomiño, xa que está a ter nos últimos anos un importante desenvolvemento urbanístico, o que supón un considerable aumento da súa poboación e do tránsito de vehículos. Isto fai necesario levar a cabo actuacións de transformación do espazo público co fin de crear un núcleo urbano preferentemente peonil e mellorar a seguranza viaria.

A estrada provincial EP-3102 Tomiño-Sabarís e a estrada autonómica PO-344 conflúen ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (concello de Tomiño). A confluencia das ditas estradas está xerando un grave problema de conexión de tránsito de vehículos en Tomiño, xa que preto se atopan unha serie de equipamentos públicos, como colexios, edificios administrativos, centros de saúde ou zonas deportivas.

A competencia para a execución da expropiación forzosa no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (Tomiño), de clave PO/17/003.11.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil dezaoito

O presidente
P.S. (Decreto 9/2018)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda