Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2018 Páx. 11150

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de febreiro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Cabaleiro, da parroquia de Cesantes, no concello de Redondela (Pontevedra), solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cesantes.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data do 20 de decembro de 2017, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Cabaleiro a favor dos veciños da CMVMC de Cesantes, parroquia de Cesantes, no concello de Redondela (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data de entrada do 3.5.2013, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Cesantes, no concello de Redondela, presenta unha solicitude de iniciación de clasificación dun monte comunal denominado Cabaleiro. Segundo a memoria que achega, trátase dunha parcela de 1,1 ha estremeira coa estrada N-550 que quedou excluída da clasificación do resto do monte Cabaleiro pola Resolución do Xurado do 30.5.2001, por estar dividida a citada parcela en cinco ocupacións consolidadas. O abandono hai anos, por parte dos seus ocupantes, da parcela situada máis ao norte, dunha extensión alegada de 4.226 m² e o seu uso posterior pola Comunidade de Montes de Cesantes é o motivo de solicitar a súa clasificación apelando á integridade do monte e achegando numerosa documentación histórica.

O 9.7.2013 o Servizo de Montes informa de que a planimetría fornecida pola comunidade solicitante permite identificar plenamente a parcela que non está clasificada, que linda polo leste co resto do monte Cabaleiro xa clasificado e que a parcela solicitada consta no catastro como «en investigación».

Segundo. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, en sesión do 8.2.2016, iniciar o expediente de clasificación do devandito monte.

Posteriormente, solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. Con data do 15.4.2013 recíbese o antedito informe preceptivo do Servizo de Montes.

Terceiro. A rexistradora da propiedade de Redondela certifica, en data do 9.11.2016, que co nome de monte Cabaleiro figuran dúas parcelas inscritas no Rexistro da Propiedade: unha a labradío de 6.000 m² a nome de Isidoro Andrade Cimadevila e María Teresa Caride Alonso, e outra a monte baixo de 381 m² a nome de Fernando Rodríguez Carrera e Rosa Carballido Martínez.

Cuarto. Á vista da documentación fornecida pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Redondela.

Parroquia: Cesantes.

Nome do monte: Cabaleiro.

Cabida: 4.226 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: monte veciñal Cabaleiro de Cesantes sen clasificar e área de descanso da estrada N-550 de Redondela a Pontevedra.

Sur: monte veciñal Cabaleiro de Cesantes sen clasificar, ocupado por Herminia Rey Lorenzo.

Leste: monte veciñal Cabaleiro de Cesantes clasificado polo Xurado Provincial o 30.5.2001.

Oeste: estrada N-550 de Redondela a Pontevedra.

Quinto. Realizáronse as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para abrir o período de audiencia. Ante a imposibilidade de realizar a notificación, por carecer de datos actualizados, a Isidoro Andrade Cimadevila e María Teresa Caride Alonso, propietarios dunha das leiras incluídas na certificación do Rexistro da Propiedade de Redondela, procedeuse á publicación dun anuncio de notificación por comparecencia como parte interesada, no Diario Oficial de Galicia o 27.2.2017 e no Boletín Oficial del Estado o 2.3.2017

Sexto. Os propietarios da outra parcela incluída na certificación do Rexistro da Propiedade de Redondela, Fernando Carrera Rodríguez e Rosa Carballido Martínez, presentaron unha alegación afirmando que da documentación que figura no expediente non se podía saber se o seu predio estaba afectado pola solicitude de clasificación. Tamén achegaron copia do contrato de compravenda e certificación do rexistro da súa leira.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro: «son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O aproveitamento a favor dos veciños de Cesantes queda acreditado no informe preceptivo do Servizo de Montes cando informa de que «a parcela está esquilmada... A parcela foi esquilmada pola Comunidade de Montes de Cesantes». Sobre o seu aproveitamento, o dito informe establece que está poboada de Pinus pinaster como especie principal e Eucaliptus globulus como secundaria.

Cuarto. O informe do Servizo de Montes especifica que «a antiga ocupación número 1 era unha cesión do Concello de Redondela a favor de Cándido Ramiro Cabaleiro Amoedo. A antiga edificación mencionada... demoleuse». As dúas leiras de nome monte Cabaleiro inscritas no Rexistro da Propiedade de Redondela non contan con referencia catastral e non se pode coñecer a súa situación concreta, pero non coinciden nin os actuais propietarios nin os anteriores, nin as extensións nin os estremeiros coa parcela solicitada de clasificación, polo que se desestima a alegación de Fernando Carrera Rodríguez e Rosa Carballido Martínez.

Quinto. O concello de Redondela non presentou alegacións á clasificación do citado monte, e soamente se limitou a remitir a certificación do secretario municipal (co visto e prace do alcalde) de que o anuncio relativo ao inicio do expediente estivo un mes exposto no taboleiro de anuncios do Concello, como é preceptivo. Este proceder leva implícito o recoñecemento do carácter veciñal do terreo obxecto do expediente por parte do Concello.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, de xeito unánime,

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte denominado Cabaleiro, a favor dos veciños da CMVMC de Cesantes, do concello de Redondela (Pontevedra), de acordo coa descrición reflectida no feito cuarto, e na planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 7 de febreiro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra