Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2018 Páx. 11456

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2018 pola que se convocan cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

O Decreto 104/2012, do 16 de marzo (DOG núm. 67, do 9 de abril), polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, modificado polo Decreto 35/2017, do 30 do marzo (DOG núm. 69, do 7 de abril), establece os requisitos que deben reunir os socorristas acuáticos para exercer a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, sendo requisito indispensable a inscrición no mencionado rexistro.

O artigo 10 do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, dispón que as persoas que realicen a inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia deben renovala cada catro anos actualizando a formación adquirida, mediante a acreditación da realización de cursos de formación continua dunha duración mínima de catro horas sobre cada un dos módulos teórico-prácticos asociados ás unidades de competencia da cualificación profesional correspondente.

Dentro das actividades programadas para o ano 2018, e conforme o establecido na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria de dous cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, conforme as seguintes bases:

Primeira. Actividade formativa

As actividades formativas serán as que se especifican no anexo desta resolución, na cal se indica tamén, de ser o caso, o número de edicións por curso, o número de horas lectivas, o número de prazas, as datas de realización e os horarios dos cursos.

Segunda. Obxectivos e contido

Obxectivos:

Actualizar a formación necesaria para a renovación da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia creado polo Decreto 104/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 35/2017, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

Contido:

1ª edición. Reciclaxe de socorrismo en instalacións acuáticas.

• Módulo MF0269_2. Natación (4 horas).

• Módulo MF0270_2. Prevención de accidentes en instalacións acuáticas (4 horas).

• Módulo MF0271_2. Rescate de accidentados/as no medio acuático (4 horas).

• Módulo MF0272_2. Primeiros auxilios (4 horas).

2ª edición. Reciclaxe de socorrismo en espazos acuáticos naturais.

• Módulo MF0269_2. Natación (4 horas).

• Módulo MF1082_2. Prevención de accidentes en espazos acuáticos naturais (4 horas).

• Módulo MF1083_2. Rescate de accidentados/as en espazos acuáticos naturais (4 horas).

• Módulo MF0272_2. Primeiros auxilios (4 horas).

Terceira. Destinatarios/as

Persoas inscritas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia que estean obrigadas a renovar a inscrición antes do 31 de decembro de 2018. Non obstante, poderán inscribirse aquelas que teñen que renovar a inscrición con posterioridade á data sinalada, pero só serán seleccionadas no caso de existiren prazas vacantes.

Cuarta. Exclusións

Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que obtiveron a inscrición de forma provisional no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia a través do establecido na disposición transitoria única do mencionado Decreto 104/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 35/2017, do 30 de marzo.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Agasp (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Horario: mañá e tarde.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios de selección

1. Nas dúas edicións do curso a selección realizarase tendo en conta a data de renovación da inscrición na correspondente sección do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, de xeito que a selección se establecerá por orde de antigüidade da renovación.

2. En caso de empate terase en conta a orde de presentación das solicitudes.

3. Na selección reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal ou por fax ao número 886 20 61 23, e cunha antelación de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo primeira. Faltas de asistencia

A asistencia á parte presencial do curso é obrigatoria, tal e como está regulado no artigo 16 do Regulamento de réxime interior da Agasp:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e en caso contrario penalizaranse disciplinariamente.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo segunda. Certificado de aproveitamento

Entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que superen a totalidade do curso e a proba presencial final.

Décimo terceira. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar, sen necesidade de nova publicación, o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, de ser o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 20 de febreiro de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO

Denominación do curso

Modalidade

Núm. de edicións

Horas lectivas

Prazas
por edición

Datas

Horario

Lugar

Reciclaxe de socorrismo en instalacións acuáticas

Presencial

1

16

54

17 e 18 de marzo de 2018

10.00 ás 14.00 horas

16.00 ás 20.00 horas

Agasp (A Estrada)

Reciclaxe de socorrismo en espazos naturais acuáticos

Presencial

1

16

32

4, 5 e 6 de maio de 2018

Venres: 16.00 ás 20.00 horas

Sábado: 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 20.00 horas

Domingo: 10.00 ás 14.00 horas

Agasp (A Estrada)