Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2018 Páx. 12097

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda o peche e a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Xunta de Galicia, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo pesqueiros, e do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Xunta de Galicia, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros.

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral está regulado polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG nº 48, do 9 de marzo), modificado polo Decreto 124/2016, do 8 de setembro (DOG nº 178, do 19 de setembro).

A necesidade de cobertura transitoria de postos de traballo das escalas de profesores numerarios e de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, así como o establecemento de novas especialidades na Orde da Consellería de Mar do 9 de maio de 2011 (DOG nº 185, do 27 de setembro), fixo necesaria a apertura destas listas que se fixeron efectivas mediante diversas resolucións da Dirección Xeral da Función Pública. Nas citadas resolucións establecíanse os requisitos que deberían posuír os solicitantes para seren admitidos/as nelas.

A Orde do 9 de maio de 2011 da Consellería de Mar, pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2008 pola que se establecen as materias que se imparten e as especialidades do profesorado dos centros de ensino pesqueiro e se regula a equivalencia para os efectos de docencia e o procedemento para a cobertura de carácter temporal de prazas de profesores numerarios e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros.

A dita Orde do 9 de maio de 2011 especifica, no punto un do seu artigo único, que para a elaboración das listas deberá exixírselles aos aspirantes que se inscriban estar en posesión dalgunha das titulacións consideradas como adecuadas para a especialidade ou materia de que se trate, ademais dos requisitos específicos para a especialidade do profesorado en cada materia. Estas titulacións e requisitos figuran recollidos nos cadros resumo incluídos como anexos I, II e III da orde.

Nesta mesma liña de requirimentos que se exixen, o artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE nº 106, do 4 de maio), dispón que «para exercer a docencia nas diferentes ensinanzas reguladas na presente lei será necesario estar en posesión das titulacións académicas correspondentes e ter a formación pedagóxica e didáctica que o Goberno estableza para cada ensino».

Para estes efectos, reunirán o requisito a que se refire o artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, aqueles candidatos que estean en posesión do título oficial de máster universitario que habilite para o exercicio das profesións de profesor de ensinanza secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional ou escolas oficiais de idiomas.

Estará dispensado da posesión do citado título ou, cando sexa o caso, da formación equivalente ao máster de Formación Pedagóxica e Didáctica o persoal aspirante que acredite ter, con anterioridade ao 1 de outubro de 2009, algún dos seguintes requisitos:

• Estar en posesión do título profesional de especialización didáctica, do certificado de aptitude pedagóxica (CAP) ou do certificado de cualificación pedagóxica.

• Estar en posesión do título de mestre, diplomado en profesor de educación xeral básica, mestre de ensino primario, licenciado en Pedagoxía ou en Psicopedagoxía. Así mesmo, tamén estarán exentos os que estivesen cursando algunha das tres anteriores titulacións e tivesen cursado 180 créditos destas na citada data do 1 de outubro de 2009.

• Ter impartido docencia durante dous cursos académicos completos ou, na súa falta, durante 12 meses exercidos en períodos continuos ou descontinuos, en centros públicos ou privados debidamente autorizados, nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, ou de bacharelato, ou de formación profesional, conforme o previsto na disposición transitoria cuarta do Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro.

En consecuencia, tendo en conta que segundo establece o artigo 5 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, o persoal interesado en formar parte das listas deberá acreditar que reúne os requisitos do grupo, escala ou especialidade no que desexa inscribirse, e que estes requisitos se modifican de acordo co establecido no artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro. Pechar as vixentes listas para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Xunta de Galicia, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo pesqueiros, e do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Xunta de Galicia, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo pesqueiros, relacionadas no anexo I.

Segundo. Abrir prazo de inclusión para a elaboración de novas listas para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Xunta de Galicia, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo pesqueiros, e do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Xunta de Galicia, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo pesqueiros, relacionadas no anexo I.

Terceiro. O prazo para a presentación das solicitudes de inclusión estará aberto desde o 1 de marzo ata o 15 de xullo de 2018.

Cuarto. As persoas interesadas en inscribirse nas novas listas deberá acreditar estar en posesión dos requisitos establecidos na Orde da Consellería de Mar do 9 de maio de 2011, e cumprir o requisito a que se refire o artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Quinto. O modelo de solicitude de inscrición está dispoñible no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>.

Sexto. As persoas actualmente inscritas nas listas que se pechan que cumpran cos requisitos establecidos no punto cuarto desta resolución poderán solicitar a súa incorporación á nova lista equivalente mediante escrito dirixido a:

Dirección Xeral da Función Pública

Consellería de Facenda

Edificio Administrativo San Caetano, 1, 2º

15781 Santiago de Compostela

Para que produza efectos, o dito escrito deberá vir acompañado da documentación compulsada que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos.

Sétimo. A presentación da solicitude de incorporación na nova lista a que se refire o punto sexto é obrigatoria para todos os actuais integrantes das listas que se enumeran no anexo I.

No suposto de que algún dos integrantes das citadas listas non presente a solicitude de incorporación no prazo recollido no punto terceiro, quedará definitivamente excluído para a correspondente lista unha vez que se fagan públicas as listas definitivas de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Con carácter transitorio, en canto non estean operativas as novas listas a que se refire o punto segundo desta resolución, para a cobertura de postos de traballo destas escalas e especialidades seguirán vixentes para chamamentos as actuais listas.

A selección realizarase por orde de prelación entre os aspirantes que posúan os requisitos establecidos no punto cuarto.

Noveno. Contra esta resolución, de conformidade co previsto nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pódese interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2018

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I
Escala e especialidade (persoal funcionario)

Subgrupo

Escala/especialidade

Denominación

A1

2093-01

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Dereito.

A1

2093-02

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Procesos de Cultivo Acuícola.

A1

2093-03

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Navegación Marítima.

A1

2093-04

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Pesca Marítima.

A1

2093-05

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Inglés Marítimo.

A1

2093-06

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Medicina Subacuática e Hiperbárica.

A1

2093-07

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Intervencións Subacuáticas e Hiperbáricas.

A1

2093-08

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Comunicacións.

A1

2093-09

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Máquinas e Instalacións Mariñas.

A1

2093-10

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Procesos Sanitarios.

A1

2093-11

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Formación e Orientación Laboral.

A2

2094-01

Escala de mestres de taller de Institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Traballos Técnicos de Mergullo.

A2

2094-02

Escala de mestres de taller de Institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en Máquinas e Produción.