Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 1 de marzo de 2018 Páx. 12245

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 26 de febreiro de 2018 pola que se establecen excepcións ás normas de condicionalidade de aplicación de xurros e esterco da Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Mediante a Orde do 6 de febreiro de 2018, da conselleira do Medio Rural (DOG do 12 de febreiro), regúlanse para o ano 2018 os pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

A dita orde recolle as boas condicións agrarias e ambientais da terra (BCAA) que, de acordo coa condicionalidade, deben cumprir os beneficiarios dos pagamentos directos, primas anuais de desenvolvemento rural e determinados pagamentos de apoio ao sector vitivinícola.

A norma estatal básica nesta materia, o Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, polo que se regulan as normas da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciban pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural, ou pagamentos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola, foi modificada polo Real decreto 980/2017, do 10 de novembro, no referente ao mantemento do nivel de materia orgánica no solo mediante prácticas adecuadas.

A modificación realizada polo Real decreto 980/2017 establece novas condicións que deben cumprir os beneficiarios das citadas axudas. Por unha parte, a prohibición de aplicar xurros nas superficies agrícolas, mediante sistemas de prato ou abano ou canóns, e, por outra, a obriga de enterrar os estercos sólidos despois da súa aplicación, no menor prazo de tempo posible, agás se a comunidade autónoma así o establece, nos tipos de cultivo mediante sementeira directa ou mínima labra, nos pastos e cultivos permanentes, e cando a achega do esterco sólido se realice en cobertoira co cultivo xa instalado.

Ademais de introducir as ditas prohibicións, a norma estatal prevé expresamente a existencia de particularidades das comunidades autónomas nesta materia que xustifiquen a non aplicación das novas condicións, habilitando expresamente as comunidades autónomas para establecer as correspondentes excepcións.

Polo que toca á nosa comunidade autónoma, o uso dos xurros como fertilizantes é unha das mellores opcións para o seu aproveitamento, dado que a súa aplicación en doses adecuadas achega nitróxeno e outros nutrientes, de maneira que non presenta riscos e si vantaxes respecto da fertilización mineral, axudando ao incremento de materia orgánica do solo.

A maiores, en Galicia, a distribución de xurros no campo realizouse tradicionalmente mediante o transporte en cubas con difusor en abano, de maneira que, no referente á tecnoloxía empregada para a fertilización con xurros, a práctica contrastada polas oficinas agrarias comarcais e as anotacións no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA), indican o escaso número de sistemas de inxección, tubos colgantes ou zapatas dispoñibles para a aplicación dos xurros, sistemas que serían os necesarios para aplicar de forma inmediata a norma estatal. Tendo en conta o anterior, o importante número de gandeiros e agricultores afectados e a escasa oferta e capacidade de subministración da maquinaria precisa polo sector industrial, o impacto desta aplicación inmediata e xeneralizada na nosa comunidade, adquirindo novas máquinas ou adaptando a práctica totalidade das existentes, non podería ser asumido polo sector.

Consecuentemente, de aplicarse na campaña de 2018 a norma estatal de condicionalidade ligada á aplicación de xurros, estes non se poderían utilizar como fertilizantes no campo galego, ao resultar imposible cumprir cos novos métodos de aplicación, o que podería determinar un prexuízo maior para o ambiente que o beneficio que poida derivar da aplicación inmediata da norma estatal.

Ademais, indicar que son varias as razóns polas que esa tecnoloxía de aplicación de xurros, exixida pola aplicación inmediata da norma estatal, non se implantou maioritariamente na nosa comunidade, sendo basicamente razóns orográficas, climáticas, e socioeconómicas. É por iso que a aplicación das novas prohibicións estatais exixe a realización de determinados estudos e, en todo caso, un período razoable de implantación.

Polas razóns expostas, e mentres non se ultiman os estudos que permitan ter en conta as especiais circunstancias da nosa comunidade e das súas explotacións agrarias, resulta absolutamente necesario facer uso da posibilidade que establece a norma estatal de non aplicar na nosa comunidade os novos criterios de condicionalidade establecidos polo Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro.

Ademais, respecto do esterco, e polo que toca á nova redacción da BCAA 6, que establece que «Os estercos sólidos deberán enterrarse despois da súa aplicación no menor prazo de tempo posible», a Orde do 6 de febreiro de 2018 xa establece determinadas excepcións, máis resulta necesario engadir outra máis, tamén derivada da situación actual da nosa comunidade autónoma.

Polo tanto, e con base nas particularidades que concorren na Comunidade Autónoma de Galicia, procede mediante a presente orde introducir excepcións á prohibición da norma estatal de aplicación de xurros mediante sistemas de prato ou abano, así como á obriga de enterramento inmediato do esterco, de conformidade coa realidade das explotacións agrarias galegas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. As excepcións á norma da BCAA 6 recollida no punto 2 do anexo VII da Orde do 6 de febreiro de 2018, en relación coa aplicación de xurro nas superficies agrícolas, para os beneficiarios dos pagamentos e axudas establecidas no seu artigo 23, son as seguintes:

1. A aplicación de xurros ou fraccións líquidas de dexeccións non se poderá efectuar con sistemas de aspersión con canón, a partir da data de publicación desta orde.

2. O resto de aplicacións de xurro con sistemas de abano, poderase realizar mentres non se resolvan os condicionantes que deron lugar á súa excepción.

Segundo. Engádese unha nova excepción ás establecidas na norma da BCAA 6 recollida no punto 2 do anexo VII da Orde do 6 de febreiro de 2018, en relación co enterramento dos estercos sólidos despois da súa aplicación, exceptuándose de tal obriga cando o uso do esterco se corresponda coas prácticas tradicionais.

Terceiro. Dispoñer a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural