Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2018 Páx. 12660

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de febreiro de 2018 pola que se concede autorización definitiva ao centro privado estranxeiro Coruña British School, da Coruña.

Mediante a Orde do 16 de febreiro de 2016 autorízase a apertura e o funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Coruña British School, da Coruña, para impartir as ensinanzas de Nursery (3 anos de idade) ata o curso de Year 1 (5 a 6 anos de idade) do Currículo nacional de Inglaterra e País de Gales.

No certificado de inspección, o British Council sinala que se pode conceder unha autorización plena para un máximo de 150 postos escolares, desde o curso de Nursery (3 anos de idade) ata o curso Year 1 (5 a 6 anos de idade) do Currículo nacional de Inglaterra; ensinanzas que se corresponden co segundo ciclo da educación infantil do sistema educativo de España.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización de ensinanzas

Conceder a autorización definitiva ao centro privado estranxeiro Coruña British School, para impartir as ensinanzas de Nursery (3 anos de idade) ata o curso de Year 1 (5 a 6 anos de idade) do Currículo nacional de Inglaterra, para alumnado español e estranxeiro, 150 postos escolares.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro.

Denominación específica: Coruña British School.

Código do centro: 15032984.

Titular: O Castro British School A Coruña, S.L.

Enderezo: r/ Roma nº 1.

Localidade: A Coruña.

Concello: 15008 A Coruña.

Provincia: A Coruña.

Artigo 2. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria