Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2018 Páx. 12662

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de marzo de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal das empresas incluídas no ámbito de aplicación do convenio colectivo para o sector de hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra, que se desenvolverá os días 7, 14, 21, 26 e 27 de marzo de 2018.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (Diario Oficial de Galicia número 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante unha norma con rango de orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CC.OO., UGT e CIG comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o persoal dos centros incluídos no ámbito de aplicación do convenio colectivo provincial para o sector de hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra, e que se desenvolverá durante toda a xornada laboral dos días 7, 14, 21, 26 e 27 de marzo de 2018.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada afecta os/as traballadores/as das empresas e centros incluídos no ámbito de aplicación do convenio colectivo provincial do sector e, así mesmo, desenvolverase en varias datas e durante toda a xornada dos días aos que se estende a declaración da folga.

De acordo co anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía no que atinxe aos doentes e usuarios asistidos nos devanditos centros, e ao propio tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito aos doentes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde, conducen á adopción dos seguintes criterios reitores para a determinación dos servizos mínimos nas institucións afectadas:

A) Persoal facultativo:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Paritorios.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, se é o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

3. Cobertura da actividade cirúrxica nos pacientes, tanto hospitalizados como ambulatorios, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde; en especial, procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas médicas, a atención indefectible dos pacientes hospitalizados e as altas clínicas.

5. No ámbito de consulta así como as interconsultas dos pacientes hospitalizados que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, ao criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os pacientes desprazados.

6. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes, e as que se refiren aos pacientes hospitalizados que, ao criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos doentes con neoplasias malignas.

7. Garantirase a dispensación de sangue, medicamentos e de produtos sanitarios, que segundo o criterio do persoal facultativo sexan necesarias.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

B) Persoal sanitario non facultativo:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables.

– Atención aos paritorios.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos pacientes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito de consultas estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os pacientes desprazados.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos pacientes hospitalizados que, ao criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

C) Persoal non sanitario:

1. Urxencias: o 100 % do persoal.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

3. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ao/á paciente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

4. Servizos de admisión e arquivo: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

5. Atención ao paciente: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

6. Servizos de mantemento: un número equivalente aos domingos ou festivos.

7. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente ao dos domingos e festivos ou ata o 50 % dos efectivos da quenda.

8. Limpeza: ata o 50 % dos efectivos da quenda.

9. Hostalaría: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, ou ben un 60 % dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Coa finalidade de garantir o adecuado mantemento do servizo, servirase, con carácter xeral, un único menú aos pacientes que non requiran dieta médica especial.

10. Condutores/as: o mesmo número de efectivos que o dos domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

11. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos pacientes.

– Persoal: o número imprescindible para garantir as incidencias e xestións derivadas da folga e, como máximo, ata o 40 % dos efectivos da quenda.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

– Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes e ata un 25 % dos efectivos da quenda.

D) Outras áreas de traballo ou servizos:

Establecerase, con carácter xeral, un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a dirección da respectiva institución e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse adecuadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola respectiva empresa e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

No anexo desta resolución recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (Boletín Oficial del Estado número 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Centro: Centro Médico Pintado, S.L.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

1

1

1

Persoal sanitario non facultativo

2

2

2

Persoal non sanitario

4

4

-

Centro: Centro Médico Quirúrgico Concheiro-Raconsa, S.L.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

2

3

1

Persoal sanitario non facultativo

3

4

2

Persoal non sanitario

4

4

-

Centro: Clínica Residencia El Pinar, S.L.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

4

1

1

Persoal sanitario non facultativo

8

7

3

Persoal non sanitario

8

5

-

Centro: Hestia Santa María.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

1

1

1

Persoal sanitario non facultativo

6

5

4

Persoal non sanitario

5

3

-

Centro: Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

8

8

3

Persoal sanitario non facultativo

31

26

18

Persoal non sanitario

20

19

2

Centro: Laboratorio F. Lema y J. Bandín, S.L. (Vithas Lab).

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

2

1

-

Persoal sanitario non facultativo

7

5

1

Persoal non sanitario

-

-

-

Centro: Centro Médico El Castro Vigo, S.A.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

3

3

3

Persoal sanitario non facultativo

6

6

3

Persoal non sanitario

4

4

1