Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2018 Páx. 12624

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 febreiro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de cen (100) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de máster que se inicien no ano 2018 nunha universidade galega (PR911A).

A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, así como as políticas de emigración e retorno en Galicia, segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do dito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a vivir e traballar na súa propia terra.

Con este programa de bolsas, a Secretaría Xeral da Emigración ofértalles aos/ás galegos/as universitarios/as residentes no estranxeiro a posibilidade de adquirir unha especialización académica de máster nunha universidade galega, coa finalidade de que amplíen a súa formación e adquiran competencias e habilidades que favorezan a súa inserción laboral e futuro profesional en Galicia con maiores garantías de éxito.

Os másteres ofertados intégranse nas áreas de Arte e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñería e Arquitectura; seleccionáronse en función das posibilidades dunha maior empregabilidade e son de interese para o desenvolvemento do sector produtivo industrial, de servizos, así como o da información e coñecemento de Galicia.

A través deste programa preténdese tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e experiencias profesionais internacionais que acheguen estes/as galegos/as con formación universitaria, que residiron ou naceron no estranxeiro, e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación con esta comunidade autónoma.

Estas bolsas constitúen unha axuda económica para a realización destes estudos de máster en Galicia cunha duración dun curso académico (60-72 créditos) ou dun curso e medio (90 créditos). Os importes fixáronse en función dos gastos que deberán afrontar os/as bolseiros/as para poder acadar os obxectivos das bolsas, tendo en conta os gastos de desprazamento desde o seu país de residencia, as taxas administrativas e académicas de matrícula, así como o custo do aloxamento e manutención.

Para o desenvolvemento deste programa é primordial contar coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como das tres universidades galegas da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, mediante a súa participación na selección dos/das beneficiarios/as a través da súa presenza na comisión de valoración dos expedientes.

Para a avaliación da nota media dos expedientes académicos universitarios das titulacións obtidas no estranxeiro aplicarase o establecido na Resolución do 18 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España, pola cal se actualiza a relación de escalas de cualificación dos estudos ou títulos universitarios estranxeiros e as equivalencias ao sistema de cualificación das universidades españolas, publicadas mediante as resolucións do 21 de marzo de 2016 e de 20 de xuño de 2016.

Por outra banda, dado que as persoas destinatarias das bolsas residen no estranxeiro e teñen que organizar o seu traslado a Galicia con antelación suficiente, co fin de que coñezan canto antes a súa concesión prevese a tramitación do procedemento de concesión das bolsas pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (5 días) os prazos.

Así mesmo, dada a súa condición de titulados/as universitarios/as e as especiais circunstancias que se poderían presentar nos países en que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento, de conformidade co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 31 da Lei 2/2007, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cen (100) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no ano 2018 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento.

2. Os másteres universitarios para os cales se conceden as bolsas son só os sinalados na lista do anexo I desta resolución, onde se recolle a universidade galega e o campus en que se imparten, así como o número de créditos ECTS de cada un deles.

3. Para a concesión destas bolsas é necesario que se acredite de xeito previo estar matriculado/a nun máster dos sinalados na dita lista do anexo I, nun mínimo de 60 créditos ECTS e modalidade presencial.

4. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código PR911A.

Artigo 2. Financiamento

Esta convocatoria terá carácter plurianual e para a concesión destas subvencións destinarase un total de 860.625 euros con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.3 –Bolsas de excelencia para a mocidade do exterior– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2018 e 2019, por importe de 500.000 euros para a anualidade 2018 e 360.625 euros para a anualidade 2019. A concesión destas subvencións quedará condicionada aos ditos límites orzamentarios.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas axudas os/as cidadáns/ás galegos/as residentes no exterior cunha titulación universitaria de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a.

Artigo 4. Requisitos

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar na data da presentación de solicitudes:

a) Ser menor de 40 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir no estranxeiro.

d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia no estranxeiro inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

e) Ser emigrante nacido/a en Galicia, ou ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha destas persoas e que nacese no estranxeiro.

f) Ter rematado e estar en posesión dalgunha titulación universitaria de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico/a, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a ou outra declarada equivalente de forma expresa.

2. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar na data da presentación de solicitudes ou con posterioridade a esta, pero sempre con carácter previo á concesión da bolsa:

a) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculado/a a un concello galego.

b) Estar matriculado/a no curso 2018/19 nun máster universitario dos ofertados nesta convocatoria e sinalados no anexo I desta resolución, dun mínimo de 60 créditos na modalidade presencial. Para os másteres cunha duración total de 90 créditos, a matrícula dos 30 créditos restantes, correspondentes ao curso 2019/20, realizarase e acreditarase no ano 2019.

3. Para poderen acreditar o requisito sinalado no parágrafo anterior, de estar matriculado/a no curso 2018/19 nun máster universitario, os/as solicitantes deben realizar con carácter previo o proceso de solicitude de admisión nun ou en varios másteres dos ofertados nesta convocatoria, nas universidades galegas que prefiran, coa antelación necesaria para poderen presentar o xustificante de matrícula. Cada universidade establece diferentes prazos de admisión e deben estar en contacto directo con elas para informarse dos programas de máster da súa área de interese, así como dos requisitos e da documentación que deben presentar.

Para estes efectos, para ser admitido/a nunha universidade, no caso de títulos estranxeiros de estudos de países alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deberase tramitar a solicitude de equivalencia na universidade galega onde se pretenda cursar o máster. Non será necesario no caso de que o título estea xa homologado a un título universitario oficial español ou a outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro Estado membro do EEES e que faculten para o acceso a estudos de máster.

Esta admisión por parte das universidades non implicará, en ningún caso, a homologación do título estranxeiro de que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que non sexan os de cursar os estudos de máster.

Artigo 5. Período de desfrute

As bolsas terán a duración correspondente aos cursos académicos necesarios para a realización da totalidade dos créditos de que conste o máster:

– Os másteres de 60 ou 72 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico, o período de desfrute será de setembro de 2018 a xullo de 2019.

– Os másteres de 90 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico e medio, o período de desfrute será, ademais do sinalado no parágrafo anterior, un cuadrimestre de setembro de 2019 a febreiro de 2020.

O desfrute da bolsa estará condicionado a que se imparta o título oficial de máster para o cal se realizou a matrícula.

Artigo 6. Dotación e compatibilidade

1. A dotación total da bolsa para a realización do máster nunha universidade galega será a seguinte, segundo a súa duración e o país de procedencia do solicitante:

Dotación total da bolsa

Nº créditos ECTS

Nº cursos

Europa

Resto países

60-72

1

7.000 €

7.650 €

90

1,5

10.500 €

11.475 €

2. Coa contía asignada, o/a beneficiario/a deberá afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar o máster. En concreto:

a) Gastos de preinscrición, administrativos e de matrícula na universidade.

b) Viaxe desde o seu país de procedencia.

c) Aloxamento e manutención en Galicia.

d) Subscrición dun seguro médico, de ser o caso.

3. Esta bolsa é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institución ou ente público para cursar os estudos de máster oficial.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, que figura como anexo II desta resolución a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuren na aplicación informática e incorporar os documentos requiridos no artigo 9 desta resolución. Rematado este proceso, deberán confirmar a solicitude, que comporta a súa presentación, e procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Unha vez confirmada a solicitude, non poderá ser modificado ningún dos datos cubertos no formulario.

2. Dentro deste formulario, deberán cubrir:

a) A declaración do máster ou másteres e universidades correspondentes en que solicitou ou vai solicitar a súa admisión dos ofertados nesta convocatoria.

b) A memoria de motivación para realizar un máster en Galicia, importancia para a súa propia especialización académica e interese de desenvolver a súa carreira profesional nesta comunidade autónoma.

3. As persoas solicitantes residentes en Cuba e que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no formulario de solicitude (anexo II).

4. A presentación da solicitude da bolsa implicará a aceptación do disposto na presente resolución e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para a obtención da subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Para calquera información adicional, os/as interesados/as poderanse dirixir ao correo electrónico retorno.emigracion@xunta.gal

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 31 de maio de 2018 ás 24.00 horas (hora peninsular española).

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán presentar vía electrónica, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade español).

b) Documentación acreditativa da residencia actual no estranxeiro.

c) Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia: nacemento en Galicia, ou da residencia nesta comunidade autónoma de xeito continuado durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar ou, de ser o caso, ser descendentes dalgunha destas persoas, e do seu nacemento no estranxeiro.

e) Para as persoas solicitantes nacidas no estranxeiro, documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), ou calquera outra documentación acreditativa deste aspecto.

f) Título universitario que dea acceso ao máster ou certificado que acredite que o título está en trámite.

g) Certificado do expediente académico de finalización de estudos universitarios:

1) No caso de titulacións españolas, deben presentar o certificado do expediente académico do título universitario realizado no cal conste a nota media na escala numérica de 0-10.

2) No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, ademais do certificado do expediente académico no cal conste a nota mínima aprobatoria deben presentar o documento de declaración de equivalencia das notas medias de estudos e títulos universitarios realizados no estranxeiro aos correspondentes españois, que se realizará en liña a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de España (MECD).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

6. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos no seguinte documento elaborado pola Administración pública:

a) DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de inicio e achegar o documento correspondente.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Artigo 11. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución pola cal se resolve a convocatoria destas bolsas, coa lista de persoas beneficiarias, a lista de suplentes, a lista de reserva , así como a lista de solicitudes denegadas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://www.emigracion.xunta.gal) as seguintes listas: as listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, a lista de candidatos ordenada polas puntuacións outorgadas, a lista de persoas beneficiarias das bolsas, a lista de suplentes, a lista de reserva, así como a lista de solicitudes denegadas.

Estas publicacións, tanto no DOG como na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, producirán efectos de notificación aos interesados.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio realizarase de xeito electrónico a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Artigo 13. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das bolsas e correspóndelle ao secretario xeral da Emigración ditar a correspondente resolución.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, e unha vez examinadas estas e a documentación complementaria, a Secretaría Xeral da Emigración exporá as listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, en que sinalará os motivos de exclusión, a través da súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración.

3. As persoas excluídas disporán dun prazo de cinco días hábiles para que emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno ou persoa que designe.

b) Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa que designe.

– Os/as vicerreitores/as das tres universidades galegas competentes na materia ou persoas que designen.

– Un/unha funcionario/a ou persoal laboral da Secretaría Xeral da Emigración.

c) Secretaría: un/unha funcionario/a ou persoal laboral da Secretaría Xeral da Emigración.

3. A comisión de valoración constituirase na sede da Secretaría Xeral da Emigración. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

4. Todos os membros terán dereito a voto.

Artigo 15. Criterios de avaliación e procedemento de selección

1. Para a concesión das bolsas realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e establecerase unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente. A puntuación máxima será de 22 puntos conforme o seguinte baremo:

a) Nota media do expediente académico do título universitario que dá acceso ao máster: ata 20 puntos.

Para a verificación da declaración de equivalencia, das titulacións obtidas no estranxeiro, na cal se revisan os datos consignados na declaración cos do expediente académico, a comisión de valoración poderá designar unha subcomisión para o efecto como órgano asesor técnico que realice estas comprobacións, a cal realizará unha proposta que elevará á comisión de valoración co resultado desta verificación.

b) Vinculación con Galicia: ata 2 puntos.

1) Nacido/a en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos antes de emigrar: 2 puntos.

2) Fillos/as dos sinalados no punto anterior nacidos/as no estranxeiro: 1,5 puntos.

3) Outras persoas descendentes dos sinalados no punto b.1): 1 punto.

3. Á vista, de ser o caso, da proposta da subcomisión de valoración da verificación das notas medias e unha vez avaliados o resto dos méritos acreditados documentalmente, a comisión de valoración emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada establecendo unha lista de candidatos ordenada polas puntuacións outorgadas. Para o caso de empate na puntuación obtida, daráselle prioridade a quen teña unha nota media máis alta no expediente académico; en segundo lugar, á maior vinculación con Galicia e, en terceiro lugar, á maior idade da persoa solicitante.

4. A lista de candidatos/as ordenada polas puntuacións outorgadas publicarase na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración para que a partir desta data de publicación e ata o día 10 de agosto de 2018 ás 24.00 horas (hora peninsular española) os/as potenciais beneficiarios/as acrediten estar matriculados/as nun máster dos recollidos no anexo I.

Non se poderá modificar o máster en que se matriculasen, coa excepción do suposto previsto no artigo 18.2 desta resolución.

Artigo 16. Resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión avaliadora, e unha vez presentados os xustificantes da matrícula nos másteres, formulará a correspondente proposta de resolución.

A proposta de resolución provisional, debidamente motivada, notificaráselles ás persoas interesadas, mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://www.emigracion.xunta.gal), co fin de que no prazo de cinco días presenten as alegacións oportunas. No caso de que no procedemento non se teñan en conta outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas, poderase prescindir deste trámite de audiencia e, neste caso, a proposta de resolución terá o carácter de definitiva, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, quen ditará a resolución que corresponda.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a resolución que terá o seguinte contido:

a) Lista de persoas beneficiarias das bolsas.

O número máximo de persoas adxudicatarias será de cen (100) e corresponderase con aquelas que, tendo xustificado a súa matrícula nun máster dos ofertados nesta convocatoria, obtivesen as maiores puntuacións. Na dita resolución indicarase o máster que realizarán nas universidades correspondentes e os importes concedidos.

b) Lista de suplentes.

Formada por aquelas persoas solicitantes que acreditasen estar matriculadas nun máster e non fosen adxudicatarias, ordenada pola puntuación outorgada, para o caso de renuncia ou baixa dalgunha persoa adxudicataria.

c) Lista de reserva.

Sempre e cando queden bolsas sen adxudicar ou a lista de suplentes non sexa suficiente para cubrir as posibles renuncias, poderase establecer unha lista de reserva para aquelas persoas que no prazo establecido no artigo 15.4 aínda non acreditasen estar matriculadas nun máster. Neste caso, deberán achegar o xustificante de matrícula como data límite o día 21 de setembro de 2018 ás 24.00 horas (hora peninsular española).

d) Lista de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

3. Non obstante o anterior, a resolución de concesión estará condicionada á existencia de crédito suficiente para os distintos exercicios orzamentarios.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o secretario xeral da Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Aceptación ou renuncia

1. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para o cal se poderá utilizar o modelo do anexo III.

2. No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. No caso de que as persoas adxudicatarias renuncien á bolsa ou causen baixa por calquera outro motivo, poderán ser substituídas pola persoa seguinte en orde de puntuación que figure na lista de suplentes ou, na súa falta na lista de reserva.

Artigo 18. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de seis meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderase entender desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias destas bolsas poderán solicitar a modificación da resolución de concesión e cambiar o máster para o cal se lles concedeu a bolsa, sempre que teña o mesmo número de créditos que o concedido e unicamente no caso dos seguintes másteres da Universidade de Santiago de Compostela, que teñen criterios de selección específicos e nos cales a súa admisión e prazo de matrícula na convocatoria ordinaria se pode atrasar ata o mes de setembro: máster en Acuicultura, máster en Investigación Biomédica, máster en Dirección e Xestión Contable e Financeira, máster en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, Psicoloxía Xurídica-Forense e Intervención Social e máster en Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos: Big Data.

3. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 20. Xustificación e pagamento da bolsa

1. O pagamento da bolsa farase unha vez publicada a resolución de concesión das bolsas no DOG e logo da incorporación ás actividades do máster.

2. O aboamento realizarase en dous ou tres pagamentos en función do número de créditos de que conste o máster.

a) O aboamento da bolsa dos másteres de 60 créditos (un curso académico) realizarase en dous pagamentos:

1) No primeiro prazo aboarase un importe de cinco mil euros (5.000 euros). Deberase achegar, antes do 31 de outubro de 2018, a seguinte documentación:

– Xustificante que acredite a realización da viaxe.

– Certificación da conta bancaria aberta en España na cal figure como titular.

– Declaración responsable de non ter débedas pendentes coa Administración tributaria estatal e autonómica, así como coa Seguridade Social, e declaración de que non ten concedidas outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos (anexo IV).

2) No segundo prazo aboarase o importe restante da bolsa concedida (2.000 euros para persoas procedentes de Europa e 2.650 euros para o resto de países). Deberase achegar, antes do 30 de abril de 2019, a seguinte documentación:

– O resultado das cualificacións académicas obtidas no primeiro cuadrimestre, no cal debe acreditar que se superaron o 60 % dos créditos cursados nese cuadrimestre.

– Declaración responsable de non ter débedas pendentes coa Administración tributaria estatal e autonómica, así como coa Seguridade Social, e declaración de que non ten concedidas outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos (anexo IV).

b) O aboamento da bolsa dos másteres de 90 créditos (un curso e medio académico) realizarase en tres pagamentos:

1) Os dous pagamentos, correspondentes ao curso 2018/19, faranse do mesmo xeito recollido para os másteres de 60-72 créditos (un curso académico).

2) O terceiro pagamento, correspondente ao curso 2019/20, 30 créditos (medio curso académico), será dun importe de 3.500 euros para persoas procedentes de Europa e 3.825 euros para o resto de países). Para este terceiro pagamento deberán achegar, antes do 31 de outubro de 2019, a seguinte documentación:

– Xustificante que acredite a realización da matrícula no máster para os créditos do curso 2019/20.

– O resultado das cualificacións académicas obtidas no curso anterior, no cal debe acreditar que se superaron o 80 % dos créditos.

– Declaración responsable de non ter débedas pendentes coa Administración tributaria estatal e autonómica, así como coa Seguridade Social, e declaración de que non ten concedidas outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos (anexo IV).

1º pagamento

2º pagamento

3º pagamento

Total

Data límite de achega de documentación xustificativa

31.10.2018

30.4.2019

31.10.2019

Nº créditos

Europa

Resto
países

Europa

Resto
países

Europa

Resto
países

Europa

Resto países

60-72

5.000 €

2.000 €

2.650 €

7.000 €

7.650 €

90

5.000 €

2.000 €

2.650 €

3.500 €

3.825 €

10.500 €

11.475 €

3. A non presentación da documentación nos prazos establecidos comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da bolsa, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

Artigo 21. Obrigas dos/das beneficiarios/as

As persoas beneficiarias das bolsas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a:

a) Incorporarse ao máster na universidade correspondente e residir durante o curso académico completo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede, asistir as actividades lectivas e superar a totalidade dos créditos.

c) Informar sobre as súas actividades académicas e achegar dous informes co visto e prace do/da seu/súa titor/a ao rematar cada semestre (febreiro e xuño) e copias das cualificacións obtidas.

d) Comunicar o enderezo para os efectos de notificacións, correo electrónico e teléfono de contacto en Galicia, así como os cambios que se poidan producir neles.

e) Comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración a renuncia á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

f) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como titular.

g) Responsabilizarse da busca de aloxamento en Galicia e da xestión da viaxe.

h) Aqueles/as que non posúan algún tipo de cobertura sanitaria durante o tempo que dure a súa estancia en Galicia, deberán subscribir unha póliza de seguro de asistencia sanitaria privada.

i) Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan nesta comunidade autónoma.

j) Asistir ás reunións ou actividades que organice a Secretaría Xeral da Emigración para o desenvolvemento do programa.

k) Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

l) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

m) Subministrar á Secretaría Xeral da Emigración, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Secretaría Xeral da Emigración das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de perda de dereito ou do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

– Calquera outro incumprimento se considerará incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Devolución voluntaria da bolsa

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte do/da beneficiario/a.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación, así como para informalas doutros programas da Administración pública. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración; praza de Mazarelos, 15, 15703 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a retorno.emigracion@xunta.gal

Así mesmo, o solicitante autorízalle á Secretaría Xeral da Emigración a cesión de datos ás universidades do Sistema universitario de Galicia, así como a aqueles organismos do sector público e aos distintos axentes necesarios na tramitación deste programa.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial as persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Artigo 27. Recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2018

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

Denominación do máster

Universidade onde se imparte

Número de créditos

ECTS

Universidade da Coruña

UDC

Universidade de Santiago de Compostela

USC

Universidade de Vigo

UVIGO

Campus

Campus

Campus

Artes e Humanidades

Servizos Culturais

Lugo

60

Tradución Multimedia

Vigo

60

Tradución para a Comunicación Internacional

Vigo

60

Ciencias

Acuicultura

A Coruña

Santiago*

Vigo

90

Bioloxía Mariña

A Coruña

Santiago

Vigo

90

Biotecnoloxía Avanzada

A Coruña

Vigo

90

Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental

Ourense

60

Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental

A Coruña

60

Física

Santiago

60

Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias

Lugo

90

Investigación Química e Química Industrial

A Coruña

Santiago

Vigo

60

Matemáticas

Santiago

60

Química Orgánica

Santiago

60

Técnicas Estatísticas

A Coruña

Santiago

Vigo

90

Ciencias da Saúde

Asistencia e Investigación Sanitaria

A Coruña

60

Atención Sanitaria, Xestión e Coidados

Santiago

60

Discapacidade e Dependencia

A Coruña

60

Investigación Biomédica

Santiago*

60

Investigación e Desenvolvemento de Medicamentos

Santiago

60

Nutrición

Ourense

60

Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental

Lugo

90

Psicoloxía Educativa: Desenvolvemento e Aprendizaxe

Santiago

60

Xerontoloxía

A Coruña

Santiago

90

Ciencias Sociais e Xurídicas

Administración Integrada de Empresas e Responsabilidade Social Corporativa

Vigo

60

Comercio Internacional

Vigo

60

Contabilidade Superior e Auditoría de Contas

A Coruña

60

Desenvolvemento Económico e Innovación

Santiago

60

Dirección de Actividades Educativas na Natureza

Lugo

60

Dirección de Arte en Publicidade

Pontevedra

60

Dirección de Empresas

Lugo

60

Dirección de Empresas

Santiago

60

Dirección de pemes (Pequenas e Medianas Empresas)

Vigo

60

Dirección e Administración de Empresas

A Coruña

60

Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde

Ourense

60

Dirección e Xestión Contable e Financeira

Santiago*

60

Finanzas

Vigo

60

Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde

A Coruña

Pontevedra

60

Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario

Santiago

60

Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social

Vigo

60

Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos

A Coruña

90

Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns

Ferrol

60

Psicoloxía Aplicada

A Coruña

60

Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, Psicoloxía Xurídica-Forense e Intervención Social

Santiago*

60

Psicopedagoxía

A Coruña

60

Socioloxía Aplicada: Investigación Social de Mercados

A Coruña

60

Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas

Santiago

60

Xestión do Desenvolvemento Sostible

Vigo

60

Xestión e Dirección Laboral

Ferrol

Santiago

Vigo

60

Xestión Empresarial do Deporte

Ourense

60

Enxeñaría e Arquitectura

Bioinformática para Ciencias da Saúde

A Coruña

90

Dirección de Proxectos

Lugo

60

Dirección Integrada de Proxectos

A Coruña

60

Edificación Sostible

A Coruña

60

Eficiencia e Aproveitamento Enerxético

Ferrol

72

Enerxía e Sostenibilidade

Vigo

60

Enxeñaría Ambiental

Santiago

90

Enxeñaría da Automoción

Vigo

60

Enxeñaría Informática

A Coruña

90

Enxeñaría Mariña

A Coruña

60

Enxeñaría Química e Bioprocesos

Santiago

90

Matemática Industrial

A Coruña

Santiago

Vigo

90

Mecatrónica

Vigo

60

Prevención de Riscos Laborais

Vigo

60

Procesos de Deseño e Fabricación Mecánica

Vigo

60

Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos: Big Data

Santiago*

60

Xestión Ambiental na Industria

Vigo

60

Xestión e Tecnoloxía de Estruturas e Instalacións

Vigo

60

(*) Máster da Universidade de Santiago de Compostela (USC) con criterios de selección específicos (véxase o artigo 19.2 da convocatoria).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file