Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2018 Páx. 12684

III. Outras disposicións

Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2018 pola que se dá publicidade do acordo do Tribunal sobre a data de comezo de exercicio das súas funcións.

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, modificada pola Lei 1/2015, do 1 de abril, baixo a rúbrica Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, creou tal órgano administrativo colexiado e especializado, que actuará con independencia funcional no exercicio das súas competencias.

No Diario Oficial de Galicia do 21 de febreiro de 2018 consta a publicación dos acordos do Consello da Xunta de Galicia do 8 de febreiro de 2018, por proposta do conselleiro de Facenda, polo que se nomean presidente e vogais do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

O convenio de colaboración entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a Comunidade Autónoma de Galicia sobre atribución de competencia de recursos contractuais do 7 de novembro de 2013 (BOE de 25 de novembro), posteriormente prorrogado (BOE do 25 de novembro de 2016), dispón na súa cláusula novena que tal convenio deixará de estar vixente a partir da mesma data en que o órgano creado comece a exercer as súas funcións. Engade que de producirse tal circunstancia, os asuntos de que estea a coñecer o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais no momento de producirse o cambio de competencia seguirán baixo o seu coñecemento ata a súa resolución, sen prexuízo de que a responsabilidade de velar pola execución das resolucións ditadas se asuma polo novo órgano creado.

Para tal efecto, o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez constituído, adoptou o acordo de establecer como data de comezo do exercicio das súas funcións, previstas no artigo 35 bis da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, o 2 de abril de 2018, unha vez realizadas todas as actuacións necesarias para tal fin. En virtude disto, só a partir do 2 de abril de 2018, tal día incluído, poderán presentarse os recursos, reclamacións, cuestións de nulidade e solicitude de medidas cautelares naquel precepto previstos perante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Tribunal terá a súa sede en Santiago de Compostela, e estará incluído no ámbito do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia para as funcións de rexistro que precise (situado no Edificio Administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela). Asemade, no momento en que comece a exercer as súas funcións disporá dunha páxina web, onde se proporcionará a información e servizos electrónicos nas materias da súa competencia.

Na súa virtude, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia dará comezo ao exercicio das funcións que ten atribuídas pola Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, o día 2 de abril de 2018, tal día incluído.

Segundo. O Tribunal terá a súa sede en Santiago de Compostela, e estará incluído no ámbito do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia para as funcións de rexistro que precise (situado no Edificio Administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela).

Terceiro. No momento en que comece a exercer as súas funcións o Tribunal disporá dunha páxina web, onde se proporcionará a información e servizos electrónicos nas materias da súa competencia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2018

Santiago Valencia Vila
Presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública
da Comunidade Autónoma de Galicia