Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 8 de marzo de 2018 Páx. 13844

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 1 de marzo de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

De conformidade co establecido no Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 (Diario Oficial de Galicia núm., 47 do 10 de marzo), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir dez (10) prazas do corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, polas quendas de promoción interna e de acceso libre. O sistema selectivo será o de oposición e irá seguido dun período de prácticas.

I.1.1. O número total de prazas para a quenda de promoción interna é de tres (3).

O número de prazas para a quenda de acceso libre é de sete (7).

As prazas reservadas ao sistema de promoción interna que non se cubran acumularanse á quenda de acceso libre.

I.1.2. De conformidade co Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, do total de prazas convocadas reservarase unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. Esta cota de reserva aplicarase ao sistema de acceso libre.

Se esta praza non se cubrir, acumularase á quenda de acceso libre.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes da quenda de acceso libre, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, chamamentos, exercicios e relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar o proceso elaborarase unha relación única na que se incluirán todas as persoas aspirantes que superasen todas as probas selectivas, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que tivesen optado.

I.1.3. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas: acceso libre, promoción interna e discapacidade. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídas nas listas provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude quedarán definitivamente excluídas.

As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.2, opten ás prazas reservada para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo entenderase que non optan por esta reserva.

De ser o caso, as aclaracións ou as correccións realizaranse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de admitidas.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a LEPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas nos procesos selectivos, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna.

I.2.1.1. Idade: non exceder idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se for ocaso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de Dereito da Unión Europea.

I.2.1.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C1 da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes de carácter facultativo).

I.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, computados desde o ingreso ou desde a integración nel, como persoal funcionario nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C1 da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes facultativos) desde o que participen.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de familiares (artigos 167 e 176 da LEPG).

I.2.1.5. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes de españois e de nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de Dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

I.2.3. Non poderán participar no proceso selectivo as persoas que xa pertencen á escala de funcionarios obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e deberán aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que esixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estas poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro e no Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a persoa solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta de pagamento: consonte o sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción, a persoa solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada, dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

• Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar onde conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses antes á data da convocatoria.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nas oficinas de Correos e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta de pagamento: a persoa solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento electrónico:

• Sen certificado dixital: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

• Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para a devolución da taxa aboada as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, de luns a venres das 8.30 ás 20.00 horas, e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e número do DNI, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das peticións de corrección entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participaren no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que figura no anexo I e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio: consistirá na resolución por escrito dun cuestionario de cen (100) preguntas tipo test, máis cinco (5) de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será correcta, correspondentes á parte I do programa que figura como anexo I desta orde.

O exercicio terá unha duración máxima de cento vinte (120) minutos.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de dez (10) puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada resposta incorrecta se descontará un terzo dunha pregunta correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A realización deste exercicio non terá lugar antes dos dez (10) meses posteriores a data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio: as persoas aspirantes deberán resolver por escrito un suposto práctico proposto polo tribunal que será o resultante do sorteo levado para o efecto entre dous elixidos previamente por este, sobre as materias incluídas na parte II do programa que figura como anexo I desta orde.

O exercicio terá unha duración máxima de douscentos corenta (240) minutos.

Para o desenvolvemento deste exercicio as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios. En relación con estes, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas en cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante.

Este exercicio cualificarase de 0 a 35 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de dezasete puntos e medio (17,50) puntos .Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos esixidos para acadar a puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Este exercicio constará de dúas probas sobre as materias comprendidas na parte III do programa que figura como anexo I:

– Primeira proba: consistirá na resolución por escrito dun cuestionario de dez (10) preguntas proposto polo tribunal sobre as materias comprendidas na parte III do programa que figura como anexo I.

O tempo máximo de duración será de noventa (90) minutos.

– Segunda proba: consistirá no desenvolvemento por escrito de dous (2) temas de tres (3) extraídos ao chou de entre os comprendidos na parte III do programa.

O tempo máximo de duración será de cento oitenta (180) minutos.

O exercicio cualificarase de 0 a 35 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de dezasete puntos e medio (17,50). Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos esixidos para acadar a puntuación mínima. Esta cualificación total obterase pola suma da correspondente á primeira proba que se cualificará de 0 a 17,50 puntos e da segunda proba que se cualificará de 0 a 17,50 puntos, suma que non poderá ter lugar se a cualificación obtida en calquera das partes do exercicio fose inferior a 8,75 puntos, caso en que non se superará o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.4. Cuarto exercicio: consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas das que só unha delas será a correcta, máis tres (3) preguntas de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega.

O exercicio terá unha duración de corenta (40) minutos.

O cuestionario deberá obrigatoriamente recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua: léxico, sintáctico e gramatical correspondentes ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, posúan o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 34, do 19 de febreiro).

Por cada resposta incorrecta descontarase un terzo dunha pregunta correcta.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas esixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Os documentos que xustifiquen as exencións (orixinais ou fotocopias cotexadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

Na quenda de promoción interna e para a exención da realización deste exercicio, xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes na que figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

II.1.1.5. Ao remate das probas que consistan na contestación dun cuestionario, cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido dos exercicios e as respostas correctas no mesmo lugar no que se realizaron e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

II.1.1.6. As persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 240, do 19 de decembro), poderán optar por conservar a puntuación obtida nel e acceder directamente ao segundo exercicio.

Na vindeira convocatoria destas probas poderán acceder directamente ao segundo exercicio as persoas aspirantes que aproben o primeiro na presente, conservando a cualificación obtida

II.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación iniciarase alfabeticamente pola primeira persoa aspirante da letra «S», consonte a Resolución do 29 de xaneiro de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 28, do 11 de febreiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución do 13 de xaneiro de 2015 da Consellería de Facenda (Diario Oficial de Galicia núm. 16, do 26 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2015.

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, as que integran o tribunal e as designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como persoal colaborador.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal para acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización dun exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas, publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no lugar onde se realicen as probas e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal. Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarao á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento. No caso de que non se acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano que convoca, que publicará a orde que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

II.2. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Para asegurar a cobertura das vacantes, de se produciren renuncias das persoas que superaron o proceso selectivo antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano que convoca poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación as propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poden ser nomeados persoal funcionario de carreira.

III. Período de prácticas.

III.1. As persoas aspirantes que superen a fase de oposición con mellor orde de prelación, ata un número igual ao de prazas convocadas, realizarán un período de prácticas que, igualmente, deberán superar con aproveitamento como requisito indispensable para obter o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

As prácticas terán como finalidade a preparación das persoas aspirantes para o exercicio das funcións específicas tanto da especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria como da especialidade de contabilidade e intervención.

Durante este período, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, e demais disposicións de aplicación.

III.2. O período de prácticas terá unha duración de dous (2) meses e regularase por resolución ditada para ese efecto.

III.3. O período de prácticas valorarase como apto ou non apto, sendo necesario para superalo obter o resultado de apto.

III.4. As persoas aspirantes que non superen o período de prácticas perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, por resolución motivada da autoridade que efectuase a convocatoria por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e logo de informe favorable da comisión de persoal.

III.5. Unha vez rematado o período de prácticas e ata que se proceda ao seu nomeamento como persoal funcionario de carreira, as persoas aspirantes continuarán prestando servizos como persoal funcionario en prácticas.

IV. Tribunal.

IV.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, o artigo 60 do TRLEBEP e o artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

IV.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta de 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor dos previstos na base IV.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte ao establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

IV.3. A autoridade que convoca publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

IV.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

IV.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus integrantes, con presenza, en todo caso da Presidencia e da Secretaría.

IV.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

IV.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da Secretaría e o visto e prace da Presidencia.

IV.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, agás aqueles en que estea prevista a lectura pública, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes as que corresponden os resultados obtidos.

IV.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

IV.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios ás dos restantes aspirantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se, durante a realización das probas, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo o que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

IV.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base IV.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

IV.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

IV.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

IV.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

V. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario en prácticas e de carreira.

V.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

1) Puntuación obtida nos exercicios pola súa orde de realización.

2) Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

3) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

V.2. Unha vez rematados todos os exercicios da oposición, o tribunal publicará relación separada de aspirantes que a superaron pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre, con indicación da puntuación acadada en cada un dos exercicios. Na mesma resolución proporá, dentro de cada quenda, o seu nomeamento como persoal funcionario en prácticas.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da dita resolución, as persoas aspirantes disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

a) Fotocopia cotexada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo de que foi separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e, de ser o caso, da Administración correspondente.

V.3. Quen tiver a condición de persoal funcionario de carreira da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, estará exenta de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

V.4. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación, ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2, non poderán ser nomeadas persoal funcionario en prácticas, e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

V.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas mediante orde da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no DOG de acordo coa puntuación obtida nos exercicios da oposición. O nomeamento terá efectos desde a data do inicio do período de prácticas ao que se refire a base III.

V.6. Unha vez finalizado o período de prácticas, o tribunal fará públicos os resultados obtidos nel e a orde de prelación das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo de acordo co establecido na base II.2.

V.7. A petición de destinos por parte do persoal funcionario en prácticas que superou o período de prácticas deberá realizarse unha vez rematado este, logo da oferta daqueles.

V.8. As persoas aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre as da quenda de acceso libre para cubrir as vacantes correspondentes, consonte o artigo 22.2 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

No sistema de promoción interna, as persoas aspirantes que superen o presente proceso selectivo tomarán posesión da praza que viñeran desempeñando con carácter definitivo, cando esta, de conformidade cos requisitos esixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por persoal funcionario pertencentes aos corpos ou escalas a que accedan, segundo o disposto no artigo 80 da LEPG.

V.9. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base II.2.

V.10. As persoas que superasen o proceso selectivo nomearanse persoal funcionario de carreira mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública. Esta orde publicarase no DOG e indicará o destino adxudicado de acordo coa puntuación obtida.

V.11. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

VI. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2018

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I
Programa do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2,
escala técnica de finanzas

Parte I. Dereito civil e mercantil. Dereito constitucional e administrativo. Dereito autonómico. Economía xeral.

Tema 1. O concepto de persoa. Clases de persoas. Persoas naturais: nacemento e extinción. Persoas xurídicas: concepto, natureza e clases. Constitución e extinción das persoas xurídicas. Capacidade xurídica e capacidade de obrar. Adquisición e perda da nacionalidade española. Veciñanza civil.

Tema 2. Organización económica da sociedade conxugal. O sistema económico-matrimonial no Código civil e na Lei do dereito civil de Galicia. As capitulacións matrimoniais. A sociedade de gananciais. O réxime de participación nas ganancias. O réxime de separación de bens.

Tema 3. Os dereitos reais: concepto e clases. Diferenzas entre os dereitos reais e os dereitos de crédito. A propiedade. Modos de adquirir e perder a propiedade. A posesión. O usufruto. A servidume. As comunidades de bens. O rexistro da propiedade. Principios hipotecarios.

Tema 4. Os dereitos reais de garantía: concepto e clasificación. Hipoteca. Peñor. Hipoteca mobiliaria e peñor sen desprazamento. Anticrese.

Tema 5. A obriga: concepto e clases. Fontes da obriga. Proba das obrigas. Concorrencia e prelación de créditos. Extinción das obrigas. Influencia do tempo nas relacións xurídicas.

Tema 6. O contrato: concepto e clases. Elementos dos contratos. Xeración, perfección e consumación dos contratos. Ineficacia dos contratos. Interpretación e forma dos contratos.

Tema 7. A compravenda: concepto e elementos. Contido da compravenda. A permuta. O contrato de arrendamento: concepto e clases. O arrendamento de predios urbanos. O arrendamento de predios rústicos.

Tema 8. A doazón: concepto e clases. Elementos da doazón. Efectos da doazón. Revogación e redución de doazóns. A sucesión mortis causa: concepto e clases. A herdanza: concepto e situacións en que pode atoparse a herdanza.

Tema 9. Aceptación da herdanza. Herdeiro e legatario. Dereito de acrecer. Colación e partición da herdanza. A sucesión testamentaria: concepto, caracteres e clases de testamentos. Sucesión forzosa. A sucesión intestada. A sucesión contractual: Pactos sucesorios. Desheredación. Preterición. Especial referencia ao dereito civil de Galicia.

Tema 10. A contabilidade mercantil. Contabilidade formal: libros obrigatorios. Requisitos dos libros. Conservación dos libros. Eficacia probatoria. Comunicación e exhibición dos libros. Contabilidade material: contas anuais. Verificación, auditoría e depósito de contas.

Tema 11. A empresa mercantil. O empresario individual: capacidade e prohibicións. Proba, adquisición e perda da calidade de empresario. Exercicio do comercio por persoa casada. O empresario estranxeiro. O Rexistro Mercantil.

Tema 12. As sociedades mercantís: concepto e clasificación. Requisitos de constitución das sociedades mercantís. A sociedade unipersoal. A sociedade irregular. Nacionalidade das sociedades. As sociedades colectivas e comanditarias. A sociedade de responsabilidade limitada: principais notas do seu réxime xurídico. As sociedades profesionais.

Tema 13. A sociedade anónima: concepto e caracteres. Fundación. Escritura social e estatutos. Accións e obrigas. Órganos da sociedade anónima.

Tema 14. A disolución das sociedades mercantís. Liquidación e división. Transformación, fusión e escisión das sociedades mercantís.

Tema 15. Os títulos valores: concepto e clasificación. Os títulos nominativos, á orde, ao portador e de tradición. A letra de cambio: concepto e requisitos formais. O endoso. A aceptación. O pagamento da letra. As excepcións cambiarias.

Tema 16. As obrigas mercantís: características xerais. Os contratos mercantís: concepto e clases. Perfección, forma e proba dos contratos mercantís. Influencia da alteración das circunstancias nos contratos mercantís. A prescrición no dereito mercantil.

Tema 17. O concurso: orzamento subxectivo e obxectivo. O auto de declaración de concurso. Efectos sobre acredores, créditos e contratos. Determinación da masa activa, masa pasiva e os créditos contra a masa. O convenio: contido e os seus efectos. Efectos da apertura da fase de liquidación. As causas de conclusión do concurso. A cualificación do concurso.

Tema 18. Os contratos bancarios en xeral. Exame da conta corrente, apertura de crédito, préstamos e desconto bancario. Depósitos en bancos. O peñoramento de valores. Créditos documentarios.

Tema 19. Institucións da Unión Europea: o Parlamento Europeo, o Consello Europeo, o Consello, a Comisión, o Tribunal de Xustiza, o Banco Central e o Tribunal de Contas. O ordenamento xurídico comunitario: fontes.

Tema 20. O orzamento da Unión Europea. Os instrumentos financeiros. Fondos estruturais e iniciativas comunitarias.

Tema 21. A Constitución española de 1978: características e estrutura. Os dereitos e deberes fundamentais. A Coroa. As Cortes Xerais. O Goberno. O poder xudicial. O Tribunal Constitucional. A reforma constitucional.

Tema 22. Políticas públicas para a igualdade de xénero. Disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Políticas contra a violencia de xénero. A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Tema 23. As fontes do dereito administrativo. A Constitución. Leis orgánicas. Leis ordinarias. Disposicións do Goberno con forza de lei: decretos leis e decretos lexislativos. O regulamento: concepto, caracteres e clases. Límites dos regulamentos. Regulamentos ilegais.

Tema 24. Concepto de Administración pública. Tipos de entes públicos. Formas de xestión dos servizos públicos. O principio de legalidade. A autotutela da Administración. A Administración electrónica: dereito e obriga de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Instrumentos para o acceso electrónico ás administracións públicas: sedes electrónicas, canles e punto de acceso, identificación e autenticación. Asistencia no uso de medios electrónicos ós interesados. O goberno aberto, especial referencia á transparencia e o acceso á información pública, á participación na rendición de contas e ó bo goberno.

Tema 25. As potestades administrativas: concepto e clases. O acto administrativo: concepto e caracteres. Diferentes clasificacións dos actos administrativos.

Tema 26. Elementos do acto administrativo: suxeito, obxecto, fin e forma. A motivación e comunicación dos actos administrativos. O silencio administrativo.

Tema 27. Eficacia do acto administrativo. Executoriedade dos actos administrativos. Validez e invalidez do acto administrativo. Revisión de oficio dos actos administrativos.

Tema 28. Os contratos administrativos (I). Normativa reguladora de los contratos del sector público. Ámbito subxectivo e obxectivo de aplicación. Órganos de contratación. O contratista: aptitude para contratar. Clasificacións dos contratos. O obxecto do contrato, o prezo e a súa revisión. Prazo de duración. As garantías no contrato administrativo. A preparación dos contratos. Procedementos de selección do adxudicatario. A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia.

Tema 29. Os contratos administrativos (II). Invalidez dos contratos e recurso especial en materia de contratación. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia. A execución do contrato. Efectos e cumprimento. Causas de extinción. Cesión dos contratos e subcontratación. Rexistros oficiais.

Tema 30. A responsabilidade patrimonial das administracións públicas: réxime vixente. Requisitos para que proceda a indemnización. Responsabilidade das autoridades e funcionarios. Requisitos. Prazo de reclamación e procedemento.

Tema 31. O procedemento administrativo: concepto e fins do procedemento. Ámbito de aplicación da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas. Características, elementos e fases do procedemento administrativo común. Trazos esenciais das especialidades do procedemento administrativo común.

Tema 32. Os recursos administrativos: concepto e clases. Principios xerais do procedemento administrativo en vía de recurso. O recurso de alzada. O recurso potestativo de reposición.

Tema 33. A xurisdición contencioso-administrativa: natureza, extensión e límites. Órganos da xurisdición contencioso-administrativa. As partes no proceso contencioso-administrativo: capacidade, lexitimación e defensa. Idea xeral do proceso contencioso-administrativo. A sentenza. Recursos contra sentenzas.

Tema 34. A organización territorial do Estado na Constitución española de 1978. As comunidades e cidades autónomas. Os estatutos de autonomía. Distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas.

Tema 35. Os ordenamentos autonómicos. Relación co ordenamento estatal. Vías de acceso á autonomía. Os estatutos de autonomía: caracteres, contido e procedemento de reforma.

Tema 36. A autonomía galega: orixe e evolución. O Estatuto de autonomía de Galicia: estrutura e contido. Bases fundamentais da autonomía galega: o territorio, os símbolos. A lingua e a cultura galega. O recoñecemento da galeguidade. A condición de galego. Os dereitos dos cidadáns galegos: garantías.

Tema 37. Organización política das comunidades autónomas. As institucións de autogoberno de Galicia: descrición. Sede. A Administración de xustiza en Galicia.

Tema 38. O Goberno da Comunidade Autónoma. A Xunta de Galicia e a súa Presidencia.

Tema 39. O Parlamento de Galicia. Sistema electoral. Funcións do Parlamento: control parlamentario da acción do Goberno. O Valedor do Pobo.

Tema 40. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. O réxime xurídico do exercicio das súas competencias.

Tema 41. O ordenamento xurídico de Galicia: leis de Galicia. Decretos lexislativos. Regulamentos. Aplicación do dereito galego. Supletoriedade do dereito estatal. As leis estatais marco, de transferencia e de delegación.

Tema 42. A Administración pública de Galicia. As consellerías: organización e estrutura. A Administración periférica. A Administración institucional.

Tema 43. A consellería competente en materia de facenda: organización e competencias. A Axencia Tributaria de Galicia: organización e competencias. As oficinas liquidadoras e de distrito hipotecario.

Tema 44. O emprego público na Comunidade Autónoma de Galicia. Persoal funcionario. Sistemas de acceso. Provisión de postos de traballo. Promoción e situacións administrativas dos funcionarios. Os dereitos e deberes dos funcionarios. Réxime disciplinario. Persoal laboral. O convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Tema 45. As entidades locais: a súa regulación na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Tema 46. A actividade económica. Sistemas económicos. Tipos de organización da actividade económica. Funcións dun sistema económico.

Tema 47. A renda nacional: concepto e métodos de estimación. A contabilidade nacional. Natureza e fins. A análise input-output. Relacións sectoriais.

Tema 48. O diñeiro: concepto e funcións do diñeiro. Demanda e oferta do diñeiro. Formación do tipo de xuro.

Tema 49. A estrutura institucional do sistema financeiro español. O Banco de España. Entidades oficiais de crédito. A banca privada. As caixas de aforro. As cooperativas de crédito. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Parte II. Contabilidade e cálculo financeiro.

A) Contabilidade.

a. Normalización contable española. Plan Xeral de Contabilidade español. Modelos normais de contas anuais.

b. Resolucións do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

c. Contabilidade das operacións societarias.

B) Cálculo financeiro.

a. Leis financeiras de capitalización simple e composta; lei de desconto simple comercial. Equivalencia de capitais. Tipos de xuros efectivos e nominais.

b. Operacións financeiras en réxime de capitalización composta. Equilibrio financeiro. Saldos financeiros. Custos e rendementos.

c. Rendas, préstamos e empréstitos. Operacións con valores.

Parte III. Dereito financeiro, orzamentario e tributario.

Tema 1. O dereito financeiro: concepto e contido. A Facenda pública na Constitución española.

Tema 2. O dereito orzamentario: concepto e contido. O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Principios xerais, recursos e obrigas da Comunidade Autónoma.

Tema 3. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma: elaboración, aprobación. Estrutura orzamentaria. Os créditos orzamentarios.

Tema 4. As modificacións orzamentarias. Modificación dos créditos iniciais. Gastos plurianuais. Anulación de remanentes. Incorporación de créditos. Créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Anticipos de tesouraría. Créditos ampliables. Transferencias de créditos. Ingresos que xeran crédito.

Tema 5. O gasto público: concepto. Principios constitucionais. Procedemento de execución do gasto público. Xestión dos gastos de persoal. A Seguridade Social dos empregados públicos.

Tema 6. Xestión de gastos contractuais. Nacemento de obrigas. Cumprimento, recoñecemento da obriga, xustificación e extinción.

Tema 7. Xestión de gastos de transferencias. Subvencións: concepto, natureza e clasificación. Procedemento de concesión e pagamento. Reintegro. Infraccións administrativas en materia de subvencións. O delito subvencional.

Tema 8. O tesouro público. Funcións e competencias. A xestión de pagamentos. Pagamentos para xustificar e anticipos de caixa fixa. Ingresos orzamentarios. Previsións. Fases de execución do orzamento de ingresos. Lei xeral de estabilidade orzamentaria. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de endebedamento, avais e seguros.

Tema 9. O Plan xeral de contabilidade pública. Principios contables, contas anuais e normas de valoración. A conta xeral da Comunidade Autónoma. Documentos que a integran. Formación e remisión. Exame e comprobación. Aprobación.

Tema 10. O control interno da actividade económico-financeira do sector público autonómico. Concepto, clases e ámbito. O control previo de legalidade de ingresos, de gastos e pagamentos. O control financeiro. Concepto. Regulación e principios xerais. Clases. Informes de control: clases e efectos. O control externo da actividade económico-financeira do sector público estatal. O control parlamentario. O control do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

Tema 11. O dereito tributario: concepto e contido. Fontes. A Lei xeral tributaria: principios xerais.

Tema 12. Os tributos: concepto, fins e clases. A relación xurídico-tributaria. Feito impoñible. Non suxeición e exención. Devindicación. Prescrición. A aplicación da norma tributaria. Interpretación, cualificación e integración. A analoxía. O conflito na aplicación da norma tributaria. A simulación.

Tema 13. As obrigas tributarias: a obriga tributaria principal, a obriga tributaria de realizar pagamentos á conta, as obrigas entre particulares, as obrigas tributarias, as obrigas tributarias accesorias e formais. As obrigas e deberes da administración tributaria. Os dereitos e garantías dos obrigados tributarios. Colaboración social na aplicación dos tributos. Utilización das novas tecnoloxías da información. Carácter reservado dos datos con transcendencia tributaria.

Tema 14. Os obrigados tributarios. Suxeitos pasivos. Sucesores. Responsables solidarios e subsidiarios. Outros obrigados tributarios. A capacidade de obrar. Representación. Domicilio fiscal. A declaración censal. O deber de expedir e entregar facturas.

Tema 15. Elementos de cuantificación da obriga tributaria principal e da obriga de realizar pagamentos á conta. Base impoñible: concepto, métodos de determinación. Base liquidable. Tipo de gravame. Cota tributaria. Comprobación de valores. A débeda tributaria.

Tema 16. A aplicación dos tributos; concepto e órganos competentes. A información e a asistencia aos obrigados tributarios. A consulta tributaria. O número de identificación fiscal. A asistencia mutua: concepto. Os procedementos administrativos en materia tributaria: proba, notificacións, obriga de resolución e prazo de resolución. As liquidacións tributarias.

Tema 17. Actuacións e procedementos de xestión tributaria. Iniciación. Declaracións. Autoliquidacións. Comunicacións de datos. Procedemento de devolución iniciado mediante autoliquidación, solicitude ou comunicación de datos. Procedemento iniciado mediante declaración. Procedemento de verificación de datos. Procedemento de comprobación de valores. Procedemento de comprobación limitada.

Tema 18. A recadación (I). A recadación. Actuacións e procedementos. Órganos de recadación: organización da xestión recadatoria da Xunta de Galicia. Extinción das débedas: o pagamento e outras formas de extinción. Obrigados ao pagamento. Garantías da débeda tributaria. Aprazamentos e fraccionamentos.

Tema 19. A recadación (II). A recadación en período executivo. Procedemento de constrinximento. Carácter do procedemento. Fases: iniciación, embargo de bens e dereitos, alleamento e termo do procedemento. Terzarías. Procedemento fronte a responsables e sucesores.

Tema 20. A inspección dos tributos: órganos, funcións e facultades. Documentación das actuacións da inspección. Procedemento de inspección: normas xerais. Iniciación e desenvolvemento. Terminación das actuacións inspectoras. Disposicións especiais.

Tema 21. A potestade sancionadora en materia tributaria. Principios. Suxeitos responsables. Concepto e clases de infraccións e sancións tributarias. Cuantificación das sancións tributarias pecuniarias. Extinción da responsabilidade. Procedemento sancionador en materia tributaria: iniciación, instrución e terminación.

Tema 22. Delitos contra a facenda pública. Descrición dos tipos penais contra a facenda pública. A responsabilidade civil. Actuacións e procedementos de aplicación dos tributos en supostos de delito contra a Facenda pública. O procedemento de recuperación de axudas de Estado que afecten ó ámbito tributario.

Tema 23. A revisión dos actos de carácter tributario en vía administrativa: procedementos especiais de revisión. O recurso de reposición. As reclamacións económico-administrativas: actos impugnables. Procedementos. Órganos de resolución. Suspensión de actos impugnados.

Tema 24. O imposto sobre a renda das persoas físicas (I): natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Suxeición ao imposto: aspectos materiais, persoais e temporais. Determinación da capacidade económica sometida a gravame: rendementos e ganancias e perdas patrimoniais. Clases de rendas. Integración e compensación de rendas.

Tema 25. O imposto sobre a renda das persoas físicas (II). Base impoñible e liquidable. Reducións. Adecuación do imposto ás circunstancias persoais e familiares do contribuínte. Cálculo do imposto estatal. Gravame autonómico. Cota diferencial. A tributación familiar. Réximes especiais. Declaracións, pagamentos á conta e obrigas formais.

Tema 26. O imposto sobre a renda de non residentes: natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Elementos persoais. Suxeición ó imposto. Rendas obtidas mediante establecemento permanente. Rendas obtidas sen mediación de establecemento permanente. Gravame especial sobre bens inmobles de entidades non residentes.

Tema 27. O imposto sobre o patrimonio das persoas físicas. Natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Feito impoñible. Suxeito pasivo. Exencións. Base impoñible e liquidable. A débeda tributaria. Xestión do imposto.

Tema 28. O imposto sobre sociedades (I): natureza e ámbito de aplicación. O feito impoñible. Exencións. Suxeito pasivo. Base impoñible.

Tema 29. O imposto sobre sociedades (II): período impositivo e devindicación do imposto. Tipo de gravame e cota íntegra. Deducións para evitar a dobre imposición. Bonificacións. Deducións por investimentos. Pagamento fraccionado. Réximes tributarios especiais: especial referencia aos incentivos fiscais para as empresas de reducida dimensión. Xestión do imposto.

Tema 30. O imposto sobre sucesións e doazóns (I): feito impoñible: presuncións. Suxeito pasivo e responsables. Base impoñible. Comprobación de valores. A base liquidable. A tarifa. A débeda tributaria. Devindicación e prescrición.

Tema 31. O imposto sobre sucesións e doazóns (II): normas especiais sobre o dereito de usufruto, uso, habitación, substitucións, fideicomisos, reservas, partición e excesos de adxudicación, repudiación, renuncia e doazóns. Obrigas formais. Xestión do imposto.

Tema 32. O imposto sobre o valor engadido (I). Concepto e natureza. Feito impoñible e supostos de non suxeición. Exencións. Deslindamento do IVA co imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Lugar de realización do feito impoñible. Devindicación do imposto. Suxeitos pasivos e responsables. Repercusións.

Tema 33. O imposto sobre o valor engadido (II). A base impoñible. A débeda tributaria: tipos impositivos. Liquidación, deducións, devolucións. Réximes especiais. Xestión do imposto.

Tema 34. O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (I): transmisións patrimoniais onerosas: feito impoñible, suxeito pasivo, base impoñible e cota tributaria. Regras especiais.

Tema 35. O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (II): operacións societarias: feito impoñible, base impoñible, suxeito pasivo e cota tributaria. Actos xurídicos documentados. Principios xerais e tributación dos documentos administrativos, mercantís e notariais. Disposicións comúns: beneficios fiscais, comprobación de valores, devindicación, prescrición, obrigas formais, xestión e devolución.

Tema 36. A tributación sobre o xogo: taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias; taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar. Imposto sobre actividades do xogo.

Tema 37. Os impostos especiais. Os impostos especiais de fabricación: disposicións comúns e principais normas reguladoras; o imposto sobre hidrocarburos; o imposto especial sobre a electricidade. Outros impostos especiais: o imposto especial sobre determinados medios de transporte.

Tema 38. Os tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia: os impostos ambientais; as taxas da Comunidade Autónoma de Galicia. Os prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tema 39. O financiamento das comunidades autónomas. Principios. Sistemas de financiamento das comunidades autónomas de réxime común. Réxime da cesión de tributos. Órganos e formas de relación entre o Estado e as comunidades autónomas.

Tema 40. Financiamento das facendas locais. Recursos das facendas locais. Recursos dos municipios. Os impostos municipais. Recursos das provincias e outras entidades locais.

ANEXO II

D/Dª ..., con domicilio en ..., e con DNI/pasaporte ... declara, para efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se atopa en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso á dita escala.

..., ... de ... de 201...

ANEXO III

D/Dª ..., con domicilio en ..., e con DNI/pasaporte ... declara, para efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(País e localidade) ..., ... de ... 201...