Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 8 de marzo de 2018 Páx. 13779

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 15 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións aos obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de formación de aprendices e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN201K).

A Constitución española establece no artigo 130.1 a necesidade de atender á modernización e desenvolvemento dos sectores económicos, particularmente, entre outros, a artesanía, co fin de equiparar a vida de todos os españois.

A nosa comunidade autónoma asumiu competencias exclusivas en materia de artesanía no artigo 27.17 do Estatuto de autonomía de Galicia. A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán en virtude das citadas competencias e establece a creación do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de carácter público e voluntario, como instrumento que permite coñecer a dimensión de cada grupo artesanal e o alcance da acción administrativa circunscrita ao ámbito xeográfico da nosa comunidade. Tamén creou a Comisión Galega de Artesanía como órgano institucional de colaboración entre a Administración autonómica e o sector artesán e a Fundación Centro Galego da Artesanía e o Deseño para dotar ao sector dunha infraestrutura especializada e desenvolver programas que incidan na súa mellora.

O Decreto 218/2001, do 7 de setembro, refunde a normativa vixente en materia de artesanía que desenvolve a dita lei e a Orde do 12 de abril de 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, revisa a relación de actividades artesás recollidas no anexo IV do decreto.

O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de artesanía.

A importancia das actividades artesanais en Galicia reside non só nun plano social ou cultural, con que se adoitan identificar, senón que constitúen actividades con capacidade de xeración de emprego e riqueza desde o punto de vista económico. Abranguen, ademais, unha lista longa de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder de xeito eficaz ás exixentes demandas do mercado actual.

É preciso seguir a traballar na mellora do grao de profesionalidade e competitividade do sector, non só desde o punto de vista da rendibilidade da actividade, tamén para garantir a pervivencia dos oficios.

Tendo en conta o potencial da artesanía para xerar autoemprego como un dos mellores viveiros empresariais de novos creadores procede impulsar desde a Administración autonómica accións e incentivos que permitan asegurar a remuda xeracional mediante a promoción e a estruturación da formación, propiciando as vocacións persoais e a divulgación das técnicas artesanais e contribuíndo a novas formas de cooperación.

Cómpre, polo tanto, proceder ao establecemento das bases e á convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co obxecto de incentivar a realización de acordos de formación, teórica e práctica, que formalicen os obradoiros artesáns con aprendices e iniciar procesos de transmisión dos oficios.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de artesanía, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de períodos de formación, teórica e práctica de aprendices durante un período máximo de 12 meses e se procede á súa convocatoria.

2. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito de 1.000.000,00 € que será imputado á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.2 «Potenciación da capacitación artesanal» que conta con crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2018. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, previa aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez recibida a solicitude, esta será tramitada de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, e será resolto no prazo de 2 meses, contados desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. O vencemento do prazo máximo sen ditar e notificar resolución expresa lexitima os interesados para entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 3. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN201K, poderase obter información na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e na Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria (http://www.xunta.gal/ceei), na súa epígrafe de axudas ou subvencións ou en www.artesaniadegalicia.gal.

b) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo:

https://sede.xunta.gal

c) No teléfono 981 54 55 99 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) Nos teléfonos 881 99 91 71 ou 881 99 91 75 da Fundación Centro Galego da Artesanía e Deseño.

e) Nos enderezos electrónicos cei.dxc.axudas@xunta.es e centro.artesania@xunta.es

f) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 5. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1º. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2º. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2018.

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións aos obradoiros artesanais para incentivar a realización de acordos de formación con aprendices de oficios artesáns (código de procedemento IN201K)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar a realización de acordos de períodos formativos de carácter non laboral entre obradoiros artesáns e aprendices, que contribúan a asegurar a continuidade dos oficios e a súa remuda xeracional (código de procedemento IN201K).

2. Os obradoiros beneficiarios, subscribirán acordos cos aprendices, co contido establecido no artigo 4. A formación terá unha duración mínima de 6 meses e máxima de 12 meses e a xornada será, como mínimo de 20 horas semanais e máximo de 40 horas semanais. As actividades iniciaranse no prazo máximo dun mes desde a notificación da concesión da subvención e realizaranse no obradoiro baixo a dirección e supervisión dun titor que será o titular do obradoiro ou persoa en quen delegue, que deberá ter a formación e experiencia necesarias para a correcta formación do aprendiz. O obradoiro deberá expedir un certificado ao bolseiro acreditativo das horas, período e contidos da formación ao finalizar o período de formación.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder dos límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

Artigo 2. Contías

1. O importe da subvención, que se aboará ao obradoiro, non excederá das seguintes contías mensuais:

– 1,2 veces o IPREM mensual vixente se a formación ten unha duración de 20 horas semanais.

– 1,5 veces o IPREM mensual vixente se a formación ten unha duración de 40 horas semanais.

– O obradoiro percibirá, adicionalmente, unha contía fixa de 200 € mensuais, para as cotizacións sociais dos bolseiros, e gastos en funxibles e materiais que se realicen durante a práctica dos aprendices.

Poderán subscribirse acordos cunha duración entre 21 e 39 horas semanais. Nese suposto, o importe da subvención concedida será incrementado proporcionalmente en función do número de horas pactado entre o obradoiro e o aprendiz.

2. Os obradoiros aboarán aos bolseiros as seguintes cantidades, con carácter mensual, como mínimo:

– 1,2 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando a formación teña unha duración de 20 horas semanais.

– 1,5 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando a formación teña unha duración de 40 horas semanais.

Cando os acordos teñan unha duración entre 21 e 39 horas, o obradoiro aboará o importe correspondente incrementado proporcionalmente.

3. Cada obradoiro poderá solicitar subvención, con carácter xeral, para o financiamento de 1 acordo cun aprendiz. Se o obradoiro ten como mínimo 6 traballadores empregados, poderá subvencionar ata 2 acordos.

4. A duración da formación subvencionable terá un mínimo de 6 meses e máximo 12 meses, sen prexuízo de que as partes, de forma privada e en exercicio da autonomía da súa vontade, decidan prorrogar a súa colaboración.

5. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, supere o 100 % do investimento subvencionable.

6. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería e entes dependentes, para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os obradoiros artesanais, sexan persoas físicas, xurídicas ou comunidades de bens que figuren inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

2. Non poderán concorrer á presente convocatoria os solicitantes que se atopen nalgún suposto dos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Acordos

No acordo que subscriban o obradoiro e o aprendiz, anexo III, recollerase como mínimo:

1. Identificación das partes.

2. Obxecto do acordo.

3. Duración total, data de inicio, xornada diaria e horarios.

4. Obradoiro onde se realizarán as actividades.

5. Identificación do titor e sistema de avaliación.

6. Remuneración que percibirá o aprendiz.

7. Data e sinaturas do titular do obradoiro e o aprendiz.

Artigo 5. Aprendiz

Poderán ser aprendices os que, tendo plena capacidade de obrar, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter nacionalidade española ou dun dos países membros da Unión Europea e estar domiciliado/a na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar en posesión do título de grao en Belas Artes, dun ciclo formativo de grao superior ou grao medio de Artes Plásticas e Deseño, dun ciclo formativo de grao superior ou grao medio de formación profesional directamente relacionados con algunha actividade artesanal segundo a Clasificación nacional de actividades económicas (código CNAE-2009) recollidas no anexo I da Orde do 12 de abril de 2017 da Consellería de Economía, Emprego e Industria, publicada no DOG núm. 79, do 25 de abril de 2017.

3. Non ser beneficiario de calquera outra subvención ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.

4. Non estar desempeñando ningunha actividade retribuída no momento da sinatura do acordo e ata a finalización da formación.

5. Non ter enfermidade nin incapacidade que impida o desenvolvemento da actividade obxecto do acordo.

6. Non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Programa do proxecto formativo

O programa será confeccionado polo obradoiro e incluirá, como mínimo, os seguintes aspectos:

• Competencias que se van transmitir.

• Fases temporais en que se dividirá o período.

• Actividades que se realizarán en cada fase da formación.

• Establecemento de indicadores que permitan medir os resultados das actividades en cada fase, que poderán consistir en probas de avaliación ou número de ensaios con éxito, entre outros. En todo caso, serán representativos, claros e directamente relacionados cos obxectivos.

• Obxectivos intermedios que se pretenden acadar en cada fase temporal, entendidos como a suma de varias actividades relacionadas.

Este programa, que se presenta xunto coa solicitude, deberá ser debidamente cumprimentado e presentado á consellería cando finalice o período formativo, como parte da xustificación final da subvención tal e como exixe o artigo 17.

Artigo 7. Solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de setembro de 2018, salvo esgotamento de crédito, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal da Consellería de Emprego e Industria e que suporá o peche do prazo e a inadmisión das solicitudes que se presenten con posterioridade.

As solicitudes (anexo II) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para: as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional e as persoas representantes dunha das anteriores. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación, sen prexuízo do disposto no punto 2.

a) Documento acreditativo de poder bastante de representación da entidade solicitante, de ser o caso.

b) Acordo asinado entre o titular do obradoiro e o bolseiro segundo modelo do anexo III.

c) Programa do proxecto formativo, co contido establecido no artigo 6.

d) Vida laboral do aprendiz actualizada á data da sinatura do acordo.

e) Declaración responsable do aprendiz do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 5, segundo modelo do anexo IV.

f) Certificado de discapacidade do aprendiz, de ser o caso, cando esta sexa recoñecida por outra comunidade autónoma.

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos dos obradoiros artesanais incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante e da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

b) Certificacións emitidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa AEAT, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Atriga.

Tamén se poderán consultar os seguintes datos das persoas aprendices:

a) DNI/NIE.

b) Título oficial universitario.

c)Título oficial non universitario.

d) Certificado de discapacidade expedido polo órgano competente da Xunta de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución ao conselleiro, e corresponde ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre os solicitantes. De acordo co establecido no artigo 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todos aqueles beneficiarios que cumpran cos requisitos.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 7.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución que se elevará ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria quen ditará a correspondente resolución, delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo pola Orde do 16 de xuño de 2016, DOG núm. 131. A resolución de concesión adxudicará a subvención ao obradoiro artesán e fixará a súa duración e a súa contía, e entenderase ditada polo órgano delegante.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 2 meses contados desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Cando venza o prazo máximo sen ditar e notificar a resolución expresa os interesados entenderán desestimada a súa solicitude.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicidade

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria (http://www.xunta.gal/ceei).

Artigo 14. Pagamento

O aboamento da subvención farase efectivo transcorrido o prazo de 10 días desde a notificación da resolución de concesión previsto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Consistirá nun pagamento único do total do incentivo ao obradoiro na conta bancaria que este indique na súa solicitude no anexo II.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou en calquera momento se a resolución non for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, de conformidade co disposto polo artigo 21.5 da Lei 9/2007, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

3. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da mesma lei.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Aboar mensualmente, nos 5 primeiros días de cada mes, a contía neta que lle corresponda ao aprendiz, así como asumir os dereitos e as obrigas en materia de Seguridade Social establecidos no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro. O obradoiro será o único responsable do impago ao aprendiz, sen prexuízo da exixencia da responsabilidade por parte da Administración por incumprimento da execución das súas obrigas tal e como se establece no artigo seguinte.

b) Destinar a axuda ás finalidades para as cales se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedinte e facilitarlles á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, o exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Subministrar á Administración, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por esta das obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

f) Dar publicidade da subvención nas actividades que realice o obradoiro, como cursos, publicacións, encontros, e tamén se lle dará publicidade nas redes sociais e páxina web, se a ten, facendo referencia á convocatoria e á orixe.

Artigo 19. Xustificación final da subvención

Os obradoiros deberán presentar, no prazo dun mes desde a data do remate do período de formación:

1. Copia dos xustificantes bancarios das transferencias mensuais realizadas aos aprendices, debidamente selados, física ou electronicamente, pola entidade financeira.

2. Vida laboral do aprendiz actualizada á data de finalización da bolsa e xustificantes dos gastos correspondentes á contía fixa de 200 € mensuais, mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil.

3. Memoria do programa presentado coa solicitude, descrito no artigo 6, debidamente cuberto, onde se indicarán os obxectivos, intermedios e finais acadados e as competencias adquiridas. Tamén se achegarán fotografías, mostras ou vídeos onde se amosen diferentes momentos da formación e os partes de asistencia diarios de entrada e saída do aprendiz.

Transcorrido o prazo anterior sen presentar a anterior documentación, requirirase ao obradoiro para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. Se non a presenta no dito prazo, seralle de aplicación o disposto no artigo seguinte.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase o reintegro total ou parcial da cantidade percibida no suposto de falta de xustificación final do cumprimento do proxecto formativo, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes. En especial, producirase o reintegro total da subvención cando o obradoiro incumpra a súa obriga de aboar mensualmente a retribución ao aprendiz.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial, sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecerá a obriga de reintegro.

4. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 21. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que consideren oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases se aplicará o regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, no Regulamento (CE) nº 1407/2013 da Comisión, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file