Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 9 de marzo de 2018 Páx. 14318

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 2 de marzo de 2018 pola que se modifica a Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se convocan subvencións para o financiamento de programas de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta, e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión (código de procedemento TR302A).

A Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se convocan subvencións para o financiamento de programas de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta, e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión (código de procedemento TR302A), determina no número 1 do seu artigo 41 que as entidades beneficiarias poderán executar os programas de formación desde a data de notificación da resolución de concesión da subvención ata o 30 de setembro de 2018.

No artigo 60.1 da orde preceptúase que a xustificación dos gastos anteriores ao 1 de decembro de 2017 deberá realizarse antes do 15 de decembro de 2017 e a do resto dos gastos deberá realizarse antes do 30 de outubro de 2018.

Por outra banda, o artigo 11.4, relativo á realización das prácticas non laborais, sinala que, para determinados certificados de profesionalidade que pola súa natureza presenten dificultades para o cumprimento do antedito prazo poderá solicitarse á Administración competente unha autorización para a súa ampliación, debendo estar, en todo caso, finalizado o 30 de setembro de 2018.

Atendendo ás dificultades existentes para a adecuada selección do alumnado que vai cursar as accións formativas subvencionadas, estase atrasando o seu inicio e, polo tanto, a súa finalización; por iso, coa finalidade de posibilitar unha mellor execución das accións formativas financiadas, procédese á ampliación do prazo de execución e xustificación establecido na convocatoria.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase:

1. A data limite do ámbito temporal de execución das liñas de actuación establecidas na convocatoria, que será ata o 30 de novembro de 2018.

2. O prazo máximo para a presentación da xustificación final das accións formativas previsto no artigo 60.1, que quedará establecido no 30 de decembro de 2018.

3. O prazo para a realización das prácticas non laborais referidas no artigo 11, número 4, que deberán estar finalizadas, en todo caso, o 30 de novembro do 2018.

Artigo 2

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria