Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 9 de marzo de 2018 Páx. 14402

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2017, polo que se aproba definitivamente o proxecto da repotenciación do parque eólico Cabo Vilano como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 23 de novembro de 2017, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Repotenciación parque eólico Cabo Vilano. Setembro 2017. Camariñas (A Coruña), promovido por Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan Eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no Concello de Camariñas queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado repotenciación do parque eólico Cabo Vilano.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente.

A continuación, analízase a normativa urbanística vixente dos termos municipais afectados, e propóñense as modificacións que compatibilizan os usos do parque eólico cos previstos no plan vixente, mentres non se adecúe ao proxecto sectorial.

Así mesmo, proponse a normativa para incluír cando se modifique, revise ou se adapte ás seguintes leis:

• Lei 2/2002, do 30 de decembro de 2002, de ordenación e protección do medio rural de Galicia e as súas modificacións. Esta lei queda derrogada pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, de solo de Galicia.

• Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, modificada no seu artigo 10 pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, de solo de Galicia.

1.1. PXOM de Camariñas.

O solo en que se realizarán as obras mencionadas no proxecto está clasificado como solo rústico no Plan xeral de ordenación municipal de Camariñas (PXOM Camariñas), coas proteccións reflectidas no plano 20955I03499 «Planta xeral. Clasificación solo segundo PXOM (Camariñas)» e na táboa seguinte:

Aeroxerador

Código

Categoría

CV01

RPEN

Rústico de protección de espazos naturais

RPCO

Rústico de protección de costas

RPIN

Rústico de protección de infraestruturas

CV02

RPEN

Rústico de protección de espazos naturais

RPPA

Rústico de protección paisaxística

RPIN

Rústico de protección de infraestruturas

1.2. Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Neste caso, e conforme o artigo 34, punto 2.e) da Lei 2/2016 consolidada, considérase o solo en que se sitúa o parque eólico como solo rústico de protección de infraestruturas por corresponder esta categoría «aos terreos rústicos destinados á instalación de infraestruturas e ás súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de plan urbanístico e de ordenación do territorio».

Tal e como se indica no artigo 35, entre os usos posibles en solo rústico inclúese:

• Repotenciación: punto 2.m): infraestruturas de abastecemento, tratamento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos, e instalacións de xeración ou infraestruturas de produción de enerxía.

Ademais, no artigo 38 da presente lei indícase que o devandito uso está permitido por autorización administrativa.

Por tanto, e tendo en conta a clasificación do solo como solo rústico de protección de infraestruturas, as obras que se realizarán englóbanse na categoría de usos permitidos (remítese ao plano 20955I03496 Planta xeral sobre plan municipal vixente).

1.3. Plan de ordenación do litoral de Galicia.

En canto ao Plan de ordenación territorial aprobado polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro (en diante POL), os terreos en que se atopa o parque eólico están situados nunha área de protección continua costeira e de protección descontinua da rede de espazos naturais e de espazos de interese (remítese ao plano 20955I03502 Planta xeral. Clasificación solo segundo POL).

Segundo esta normativa os espazos onde se situarán os dous aeroxeradores serán os que se indican a continuación.

– CV 01. Espazos naturais-Espazos de interese.

– CV 02. Espazos naturais-Espazos de interese.

Tal e como se indica no artigo 35 da Lei do solo ou no artigo 46 da POL, clasifica os usos e actividades permitidas nas zonas afectadas e protexidas por este instrumento de ordenación territorial; no punto 2.m) recolle as infraestruturas de abastecemento, tratamento e saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos e as instalacións de xeración ou infraestruturas de produción de enerxía.

De acordo cos artigos 54, 58 e 59 da citada POL, este uso é compatible nas zonas de protección costeira, espazos de interese e espazos naturais, respectivamente.

Os usos compatibles son aqueles en cuxa tramitación debe constar preceptivamente o informe do organismo competente en materia de ordenación do territorio e paisaxe.

O artigo 47.4 establece, ademais, que non necesitan autorización previa, para os efectos do POL, as infraestruturas, dotacións e instalacións previstas nun proxecto sectorial aprobado ao abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Da mesma forma, as zonas de protección costeira, espazos de interese e espazos naturais afectados ata agora por aeroxeradores que se vaian suprimir e non se atopen na zona de nova afección non terán a cualificación de solo rústico de especial protección de infraestruturas.

2. Proposta da normativa.

Cando se revise o Plan municipal do Concello de Camariñas e/ou se adapte á Lei  2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano «Planta xeral sobre plan modificado pola adecuación», cualificándoas simultaneamente á súa que se cualificarán actual como solo rústico de protección de infraestruturas coa seguinte normativa:

2.1. Ámbito.

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas nos planos como solo rústico de protección de infrestruturas exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial, sen alterar o resto do plan co uso permitido de parques eólicos.

As zonas de protección costeira, espazos de interese e espazos naturais afectados ata agora por aeroxeradores que se vaian suprimir e non se atopen na zona de nova afección de solo rústico de protección de infraestruturas suprimirán a dita cualificación.

2.2. Uso do solo.

O uso permitido ou autorizable é o de parques eólicos e someterase a un estudo de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e á aprobación dun proxecto sectorial de conformidade co Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Os usos compatibles do terreo serán os do aproveitamento existente coas seguintes restricións co fin de garantir que non se vai alterar o potencial eólico e con iso o funcionamento e rendemento enerxético do parque eólico:

• Prohibición de levantar edificacións, coa excepción do edificio de control, a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

• Prohibición de plantar árbores a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

2.3. Condicións de edificación.

Tal e como se comentou anteriormente, o equipamento requirido para realizar a interconexión do parque coa rede de distribución existente aloxarase no interior dun edificio existente (antigo CT-1) denominado centro de interconexión (CI-01), de acordo coa lexislación vixente.

Actualmente existen dous edificios moi próximos, un é o CT-1 pertencente a GNFR e outro é un centro de conexión da empresa distribuidora (Unión Fenosa Distribución) de menores dimensións.

Preténdese utilizar a planta actual do edificio existente (CT-1) para incorporar as dúas instalacións de ambas as empresas nun mesmo edificio.

Por tanto, dividirase o edificio existente en dúas partes fisicamente separadas e con accesos totalmente independentes, unha para uso exclusivo de GNFR e outra para uso exclusivo da empresa distribuidora, tendo en conta a separación de actividades de xeración e distribución, de acordo coa lexislación vixente.

2.4. Eficacia

De acordo co establecido no artigo 24 da Lei 10/1995, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25, á marxe de cando adecúen o plan, implica para o concello afectado a obrigación de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

2.5. Prazo.

A adecuación do plan urbanístico vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse coa redacción e tramitación:

• Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, que obviamente pode ser expresamente para esta adaptación.

• Da revisión do plan urbanístico municipal vixente.

3. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

De acordo co establecido na modificación do Plan sectorial eólico de Galicia, as obras e instalacións do parque eólico obxecto deste proxecto sectorial cualifícanse expresamente como de carácter territorial e, en consecuencia, quedan exentas das autorizacións urbanísticas a que se refire o artigo 11.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e, en consonancia con este, o artigo 36.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, de uso do solo de Galicia.