Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2018 Páx. 15223

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA).

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Rede de Innovación Arousa (en diante, RIA) dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. Benito Blanco Avellano, secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación RIA foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 14 de xullo de 2017, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 2.044, por David Alan Chipperfield, que actúa representado por Benito Blanco Avellano.

Esta escritura rectificouse con outra outorgada tamén na Coruña o 27 de decembro de 2017, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número de protocolo 3.490.

Terceiro. A Fundación RIA, segundo establece o artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto e finalidade o estudo, a planificación e o desenvolvemento produtivo, económico e cultural dos espazos que integran a ría de Arousa e a comarca do Barbanza e os territorios que compoñen as rías atlánticas de Galicia, entre outros.

O obxecto desta fundación cumprirase conciliando e incentivando todos os sectores e estamentos da sociedade, a comunidade científica e todas as institucións económicas e culturais relacionadas coa poboación e o territorio en que se concretará a actuación da fundación. E, en particular, desenvolver actividades cara ao cumprimento dos fins fundacionais, entre outras, a preservación do medio natural.

Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da fundación está composto por David Alan Chipperfield, en calidade de presidente; Louise Dier, en calidade de vicepresidenta primeira; e Benito Blanco Avellano, como vicepresidente segundo e secretario.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías eleva o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia, a Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA), con base nas materias que constitúen o seu obxecto e finalidade fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de febreiro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 35, do 19 de febreiro) clasificouse de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA) e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación RIA, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias conferidas polo Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA).

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa concordante de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2018

María Jesús Lorenzana Somoza
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e
Ordenación do Territorio