Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2018 Páx. 15401

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 27 de febreiro de 2018 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2017/18.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa determina que o sistema educativo orientarase, entre outros fins, á consecución do pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades dos alumnos, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal e ao desenvolvemento da capacidade dos alumnos para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

A Orde EDU/2058/2010, do 13 de xullo, pola que se regulan os premios nacionais de bacharelato establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón, no artigo 3, que poderá concorrer a estes premios, logo de inscrición, o alumnado que obtivera Premio Extraordinario de Bacharelato na súa Comunidade Autónoma e no artigo 4.1 que as administracións educativas competentes poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus respectivos ámbitos de competencias.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios extraordinarios de bacharelato.

En consonancia co anterior, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en conformidade co establecido no artigo 4.1 da citada Orde EDU/2058/2010, do 13 de xullo, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia, os premios extraordinarios de bacharelato (procedemento ED311A) para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2017/18 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, ten como obxecto o recoñecemento do especial aproveitamento do alumnado que cursou na Comunidade Autónoma de Galicia calquera das modalidades de bacharelato establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder un máximo de 20 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 1.000 €, con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.480.1 do ano 2018 cunha dotación global de 20.000 €.

3. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de bacharelato.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais da contía económica, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico, anotaralle nel a distinción.

5. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2018/19.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2017/18 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.

2. Ter obtido unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75. A nota media calcularase de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de xuño de 2015).

3. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Prazo e forma de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día 2 de maio de 2018.

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/as solicitantes.

As solicitudes (anexo I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Expediente dos estudos de bacharelato cursados polo/a solicitante.

c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día de pago coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día de pago coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Procedemento dos centros educativos

Os centros públicos de educación dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos que está o expediente académico do alumnado de centros privados enviarán a certificación académica de bacharelato do alumnado que non teña todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE, na que se reflicta a cualificación final á que se refire o artigo 3.2 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a.

Esta certificación enviarase ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.es

Artigo 9. Emenda e mellora da solicitude

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, requiriranse os/as interesados/as para que, nun prazo de dez (10) días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non o faceren, consideraranse desistidos/as da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

Artigo 10. Realización da proba para a obtención do premio

1. O alumnado deberá realizar unha proba que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade, realizándose de forma simultánea nas distintas sedes.

2. Serán admitidos ás probas, condicionalmente, os alumnos e as alumnas que na data da súa celebración estivesen pendentes de resolución de emenda da solicitude de inscrición.

3. A celebración da proba terá lugar o día 22 de xuño de 2018 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria https://www.edu.xunta.gal

4. Os candidatos e as candidatas deberán realizar as probas, con carácter xeral, na provincia á que pertenza o centro educativo no que se atope o seu expediente académico. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar cambios de sede por causas debidamente xustificadas.

5. Para a realización das probas os candidatos e as candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

Artigo 11. Estrutura da proba

1. A proba estruturarase en dúas partes:

1.1. Primeira parte, para desenvolver en dúas horas:

1.1.1. Análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario.

1.1.2. Resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente.

1.2. Segunda parte, para desenvolver nunha hora:

Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado a elixir entre as seguintes: Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Fundamentos da Arte II.

2. Os exercicios da proba cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal.

3. A puntuación de cada parte da proba obterase mediante a suma das puntuacións das materias que a compoñen.

4. A puntuación total será a suma das puntuacións obtidas en cada parte da proba. Para aspirar ao premio extraordinario, o alumnado deberá obter, como mínimo, 5 puntos en cada unha das materias da proba e 21 puntos ou máis na puntuación total.

5. O número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, polo que, no caso de empate entre candidatos e candidatas, darase preferencia á mellor nota media á que se refire o artigo 3.2 desta orde; despois, á cualificación da primeira parte da proba e, finalmente, á cualificación da segunda parte desta. De persistir o empate, o tribunal procederá a realizar un sorteo.

Artigo 12. Tribunal

1. Para elaborar, supervisar e avaliar a proba a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa designará un tribunal composto por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de educación.

O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de educación.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. O tribunal responsabilizarase da elaboración e do desenvolvemento das probas, da corrección e cualificación dos exercicios, da elaboración das actas e da proposta de concesión dos premios, así como da resolución das reclamacións que ás cualificacións se produzan.

3. Para os efectos de colaboración co tribunal na aplicación e na corrección das probas, poderanse constituír comisións técnicas integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de inspectores/as de educación, de catedráticos/as de ensino secundario e/ou de profesores/as de ensino secundario, especialistas nas distintas materias que compoñen as probas.

Artigo 13. Puntuacións provisionais

1. O tribunal fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

2. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderá presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do anexo II dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, a reclamación poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación da reclamación poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Ademais, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo premios@edu.xunta.es

3. As probas sobre as que se solicitase esta reclamación serán revisadas por un profesor ou profesora especialista distinto ao/a que realizou a primeira corrección.

4. A puntuación final resultará da media aritmética das puntuacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que existise unha diferenza de 2 ou máis puntos entre elas, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección e a puntuación final será a media aritmética das tres.

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo tribunal a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A relación de alumnado premiado comunicarase á Dirección Xeral de Planificación e Xestión Educativa do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Obriga dos/as gañadores/as

1. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado gañador debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos a dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo de anexo III. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosbac; ademais poderá solicitarse información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.es

Artigo 18. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica Edificio Administrativo San Caetano. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Efectos económicos do tribunal e das comisións técnicas de realización das probas

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2011, o tribunal e as comisións técnicas de realización ateranse á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Impugnación

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file