Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2018 Páx. 15395

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convocan os Premios do Deporte Galego do ano 2017.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no seu artigo 5.1, letra e), establece entre as competencias da Administración autonómica a de realizar as convocatorias de ámbito autonómico para o outorgamento de premios ou distincións e outras actuacións de fomento do deporte.

Conforme esta habilitación normativa e competencial, a Secretaría Xeral para o Deporte establece, con esta resolución, os Premios do Deporte Galego do ano 2017, que recoñecerán publicamente os máis destacados axentes do ámbito deportivo de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e categorías

Convócanse os Premios do Deporte Galego do ano 2017, que serán concedidos nas seguintes categorías:

1. Premio á mellor deportista feminina.

2. Premio á mellor deportista feminina con discapacidade.

3. Premio ao mellor deportista masculino.

4. Premio ao mellor deportista masculino con discapacidade.

5. Premio ao mellor equipo feminino.

6. Premio ao mellor equipo masculino.

7. Premio ao mellor equipo de deportistas con discapacidade.

8. Premio á mellor entidade na promoción do deporte de base.

9. Premio ao/á mellor adestrador/a.

10. Premio ao/á mellor árbitro/a xuíz/a.

11. Premio ao mellor labor informativo.

12. Premio ao mellor evento deportivo.

13. Premio ao patrocinio deportivo.

14. Premio deportista revelación.

15. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

16. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

17. Premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

Xunto a estas categorías, por proposta e por resolución do xurado, poderán outorgarse mencións especiais.

Artigo 2. Presentación de candidaturas

1. Os propoñentes poderán presentar unha candidatura por categoría.

2. Poderán formular propostas as entidades deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os concellos galegos, así como calquera outro organismo ou entidade pública ou privada radicados na Comunidade Autónoma, os membros do xurado e as persoas físicas relacionadas coa actividade física e o deporte galego, empregando o anexo dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte: http://deporte.xunta.gal/. A presentación de candidaturas implica a total aceptación desta resolución ou do resultado do xurado.

3. A documentación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado para o procedemento PR004A (Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, seleccionando como destinataria a Presidencia e Secretaría Xeral para o Deporte.

4. Opcionalmente, poderanse presentar as candidaturas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. As persoas interesadas só poderán optar por unha das vías de presentación.

7. O anexo para a presentación de candidaturas estará dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte http://deporte.xunta.gal/.

Artigo 3. Prazo de presentación

O prazo para a presentación de candidaturas rematará aos dez días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 4. Xurado

O xurado cualificador estará presidido pola secretaria xeral para o Deporte e serán vogais o titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas, a presidencia dunha entidade galega vencellada ao mundo do deporte que será designada pola secretaria xeral para o Deporte, as persoas titulares das xefaturas de servizo provinciais de Deportes, a xefatura de Deportes da CRTVG e outros tres vogais designados pola presidenta do xurado entre o persoal ao servizo da Secretaría Xeral para o Deporte ou da Fundación Deporte Galego. Actuará como secretario/a un funcionario designado pola secretaria xeral para o Deporte de entre as persoas que se atopan ao servizo desta secretaría xeral, que terá, entre outras funcións, a de recibir, clasificar e ordenar a documentación que deba someterse á consideración do xurado. O secretario do xurado terá voz e voto nas reunións do xurado.

O acordo do xurado polo que se outorguen os diferentes premios será publicado na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

A actividade do xurado non será retribuída.

Artigo 5. Entrega dos premios

Os Premios do Deporte Galego do ano 2017 serán outorgados de forma solemne nun acto público en que se fará entrega aos galardoados dun trofeo e dun diploma acreditativo do premio que lles corresponda.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2018

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte