O día 8 de xaneiro de 2018, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 12 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (procedemento MR605A).
No seu artigo 24 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar.
Dado que a dotación orzamentaria desa orde ascende á cantidade de 700.000,00 euros para o ano 2018 e 6.300.000,00 euros para o ano 2019, e posto que esa dotación é insuficiente tendo en conta o importe das solicitudes recibidas, cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria das anualidades 2018 e 2019 para a concesión das mencionadas axudas.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,
DISPOÑO:
Artigo 1. Incremento de crédito
1. Ampliar a dotación orzamentaria asignada á Orde do 12 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018, con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 13.02.713B.770.0 por importe de 5.075.000,00 euros, nas seguintes anualidades:
– Ano 2018: 507.500,00 euros.
– Ano 2019: 4.567.500,00 euros.
Como resultado desta ampliación, o orzamento total asignado á presente orde é o seguinte:
– Ano 2018: 1.207.500,00 euros na aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0.
No código de proxecto 2016 00209: 1.035.000,00 euros.
No código de proxecto 2016 00210: 172.500,00 euros.
– Ano 2019: 10.867.500,00 euros na aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0.
No código de proxecto 2016 00209: 9.315.000,00 euros.
No código de proxecto 2016 00210: 1.552.500,00 euros.
Como consecuencia tamén se modifica a distribución do crédito establecida no punto 1, alínea b) do artigo 10 como segue:
b) Dentro de cada tipo de beneficiario, segundo o tipo de traballo, distribúese o crédito do seguinte xeito:
b.1. Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).1º (rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa antes da actuación inferior a 15 cm): 5.175.000,00 euros.
b.2. Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).2º (rozas e podas en masas de coníferas): 5.175.000,00 euros.
b.3. Actuacións incluídas no artigo 5.1.b).1º (tratamentos silvícolas de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio inferior a 20 cm): 862.500,00 euros.
b.4. Actuacións incluídas no artigo 5.1.b).2º (rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros): 862.500,00 euros.
Esta dotación poderá ser incrementada con fondos comunitarios, do Estado, ou da Comunidade Autónoma.
2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes
O incremento de crédito previsto no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 12 de decembro de 2017 (DOG núm. 5, do 8 de xaneiro de 2018).
Artigo 3. Recursos
A presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada potestativamente en reposición no prazo dun mes desde a súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.
Disposición derradeira
Esta orde terá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural