Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 21 de marzo de 2018 Páx. 16641

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 14 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a participación pública o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

No ano 1993 declarábase o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, mediante o Decreto 29/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 35, do 22 de febreiro), e aprobouse o seu Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) de acordo co Decreto 32/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 37, do 24 de febreiro). Este parque natural abranguía unha superficie de 20.920 ha, repartidas entre os concellos de Entrimo, Lobios e Muíños. Seguindo os preceptos da lexislación vixente naqueles momentos, no ano 1998 aprobábase mediante o Decreto 155/1998, do 28 de maio (DOG nº 107, do 5 de xuño), o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xures, de acordo co disposto no Decreto 155/1998.

O marco legal no momento da aprobación deste PORN e da declaración do parque natural era a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, que constituía a lexislación estatal básica, vixente ata decembro de 2007. Desta forma, a estrutura e contidos do PORN da Baixa Limia-Serra do Xures son previos á actual lexislación ambiental.

No ano 2001, a Xunta de Galicia, facendo uso das facultades que lle outorga o artigo 27.30 do Estatuto de autonomía para establecer normas adicionais sobre protección do medio, aproba a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que é o marco normativo galego para a conservación dos espazos naturais e da biodiversidade. Esta norma, no seu artigo 34, establece o contido mínimo dos plans reitores de uso e xestión, que desenvolverán as directrices emanadas do PORN e as previsións de actuacións da Administración no seu ámbito de aplicación, segundo establece o artigo 33. Tamén se instaura que estes plans prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación do territorio. Así mesmo, determina que a vixencia máxima do Plan reitor de uso e xestión (en diante, PRUX) será de seis anos e que será obrigatorio revisalos ao final de cada período ou antes se fose necesario.

Por outra banda, no contexto da política de conservación da Unión Europea, coa aprobación da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre, abordáronse os traballos de deseño da Rede Natura 2000 en Galicia. Neste senso, o territorio delimitado polo Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xures formou parte da proposta galega á Rede Natura 2000, integrando a zona especial de conservación (ZEC) Baixa Limia (código ZEC ES 113001) e na zona de especial protección para as aves (ZEPA) Baixa Limia-Serra do Xurés (ZEPA código ES0000376).

Na actualidade é a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a que establece o réxime xurídico básico da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural, da cal salientamos os seguintes aspectos:

Sobre o contido das normas reguladoras dos espazos naturais protexidos, o artigo 29.2. di que se se solapan nun mesmo lugar distintas figuras de espazos protexidos, as normas reguladoras destes, así como os mecanismos de planificación, deberán ser coordinados para unificarse nun único documento integrado, co obxecto de que os diferentes réximes aplicables en función de cada categoría conformen un todo coherente.

No seu artigo 31.5. establece a necesidade de elaborar plans reitores de uso e xestión para os parques naturais que aprobará o órgano competente da Comunidade Autónoma.

Por último, en relación coa Rede Natura 2000, a lei recolle no artigo 46, a conveniencia de realizar un plan de xestión específico para os lugares, así como a necesidade de que os lugares de interés comunitario (LIC) designados sexan declarados oficialmente como zonas especiais de conservación (ZEC) polos gobernos autonómicos.

A principios do ano 2009, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés (Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés). Parcialmente modificado polo Decreto 401/2009, do 22 de outubro, polo que se declara o ámbito territorial do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés). Inclúe unha superficie de 29.345 ha, repartidas entre os concellos de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín.

Obedecendo a estas premisas, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran ZEC os LIC de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 como instrumento de planificación e xestión para os espazos naturais incluídos no seu ámbito de aplicación.

O artigo 24 do plan director establece que naqueles territorios incluídos no seu ámbito territorial que, pola súa condición de parque nacional ou parque natural, posúen un plan de ordenación dos recursos naturais, o plan director considérase complementario dos obxectivos, directrices e normas incluídos nos ditos instrumentos de planificación. En particular, será aplicable a zonificación do plan director, sen prexuízo da zonificación que se recolla nos instrumentos de ordenación específicos como consecuencia do planeamento de maior detalle, que se manterá en vigor. Atenderase entón á regulación de usos previstos, sen prexuízo da aplicación das limitacións específicas que se recollan no PORN.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso a xustiza en materia de ambiente establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento inicial do Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, durante un prazo de 20 días hábiles, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou enderezo de correo electrónico parques.naturais@xunta.gal, poñendo no asunto: PRUX PN XURÉS.

Segundo. Durante o citado prazo, o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Ourense, avenida da Habana, 79, 5º, 32071 Ourense.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018

Ana María Díaz López
Directora Xeral de Patrimonio Natural