Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 23 de marzo de 2018 Páx. 16866

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de febreiro de 2018 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Musical de Xinzo.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Musical de Xinzo, con domicilio no centro cultural de Xinzo, lugar de Portela, s/n, 36891 Xinzo, Ponteareas.

Feitos:

1. Francisco Jesús Represas Carrera, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Musical de Xinzo, constituíuse en escritura pública outorgada en Ponteareas o 11 de xullo de 2017, ante o notario Álvaro Lorenzo Fariña Domínguez co número de protocolo 1734, pola Asociación Banda de Música Xuvenil de Xinzo, representada para este acto polos membros da xunta directiva: Francisco Jesús Represas Carrera, Blanca Represas Alonso, Silvia Fernández Táboas, Segunda Carrera Iglesias, Ana María Acebedo Varela e Manuel Collazo Francisco.

Esta escritura foi emendada e complementada por outra outorgada ante o mesmo notario, en Ponteareas o 26 de xaneiro de 2018, co núm. 246 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, son fins da Fundación:

• Promocionar as actividades culturais e musicais en todas as ordes.

• Fomentar a sensibilización musical mediante a organización de concertos, actividades, recitais, representacións, edicións e publicacións.

• Conservar e fomentar o patrimonio artístico musical e folclórico galego, especialmente o referido á zona de Ponteareas e arredores.

• Contribuír a desenvolver e potenciar cantas actividades sexan posibles para fomentar e instruír na arte musical a poboación que así o requira.

• Axudar ao desenvolvemento das escolas de música e de diversos tipos de formacións musicais como corais, grupos de música de cámara, grupos folclóricos, etc.

• Fomentar o desenvolvemento das bandas de música.

• Protexer e apoiar os integrantes das bandas de música para que se poidan formar de maneira que, de cara a un futuro, incrementen as súas posibilidades de ter unha saída profesional no ámbito musical.

• Ofrecer e facilitar o acceso de toda a poboación a unha formación non regrada, práctica e teórica, dentro do campo musical.

• Fomentar a organización de concertos, festivais, encontros e outras actividades culturais, sociais e educativas, organizadas por diferentes institucións, públicas ou privadas.

• Fomentar a igualdade de xénero.

• Fomentar a creación e difusión cultural da lingua galega.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Francisco Jesús Represas Carrera como presidente, Blanca Represas Alonso como vicepresidenta, María del Carmen Represas Alonso como secretaria, Silvia Fernández Táboas como tesoureira, e por Segunda Carrera Iglesias, Ana María Acebedo Varela e Manuel Collazo Francisco, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural, da Fundación Musical de Xinzo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e ao considerar que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de febreiro de 2018,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Musical de Xinzo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza