Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 23 de marzo de 2018 Páx. 16869

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de marzo de 2018 pola que se clasifica de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación do Campo Galego.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación do Campo Galego, con domicilio na rúa Recinto Ferial, Edificio Museo-Auditorio, s/n, 36540 Silleda (Pontevedra).

Feitos:

1. Manuel Iglesias Pérez, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación do Campo Galego constituíuse en escritura pública outorgada en Silleda o 15 de marzo de 2018, ante o notario Manuel Barros Gallego, co número de protocolo 306, pola Fundación Jorge Jove, representada para este acto polo seu presidente Ángel Antonio Jove González, e por Abanca Corporación Bancaria, S.A., representada por José Antonio Seoane Gómez. Esta representación foi ratificada en escritura pública outorgada na Coruña ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán o 16 de marzo de 2018 co número 646 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, son fins da Fundación:

– Dignificar o campo galego.

– Fomentar o campo galego como unha opción de traballo.

– Promover e desenvolver o estudo e a investigación histórica da mecanización agraria, na súa faceta científica, técnica, industrial, comercial e turística así como das consecuencias que a súa implantación tivo no ámbito histórico, cultural, sociolóxico e económico.

– Fomentar a recuperación, restauración, conservación, exhibición e uso de todo tipo de mecanización agraria de carácter histórico, así como mostrar a historia do campo galego e a súa evolución nas súas diferentes facetas actuais ou as que no futuro se institúan.

– Fomentar a formación de profesionais implicados nestes sectores, así como a difusión pública de estudos e iniciativas que contribúan ao coñecemento pola opinión pública destas actividades.

– Fomentar o desenvolvemento en Galicia de actividades museísticas, culturais e sociais relacionadas co mundo do campo e a mecanización agraria.

– A cooperación ao desenvolvemento do progreso económico e social.

– Fomentar a autoestima do traballador do campo, así como proxectar cara á sociedade en xeral o recoñecemento do labor que realiza calquera persoa que traballa en ou para o campo.

– Contribuír coas súas actividades de forma decidida a reducir o despoboamento do campo, como seria ameaza á perda de cultura, patrimonio material e inmaterial, biodiversidade e capacidade produtiva.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Manuel Iglesias Pérez como presidente, José Ramón Iglesias Canda como secretario, a Fundación Jorge Jove representada por Ángel Antonio Jove González, Abanca Corporación Bancaria, S.A. representada por Jesús Combarro Pereira, o Concello de Silleda representado por Manuel Cuíña Fernández pola súa condición de alcalde, a Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica representada por Marcos Vázquez Marey, Ángel Antonio Jove González e Luis Seoane Labandeira como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación do Campo Galego, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Medio Rural.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 19 de marzo de 2018,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación do Campo Galego, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Medio Rural.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza