BDNS (Identif.): 390207.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. De acordo co establecido no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, as beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións que cumpran co obxecto destas axudas e co resto de requisitos establecidos nesta resolución.
2. As empresas beneficiarias deben acreditar un cadro medio de traballadores en alta de polo menos cinco traballadores, e elaborar e difundir toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da comunidade autónoma no ano natural anterior ao da convocatoria.
3. Quedan excluídos da concesión de axudas:
a) Os boletíns interiores de institucións, as publicacións de partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.
b) As empresas que emitan a través do sinal de televisión.
c) As que, ao longo do ano anterior ao da convocatoria, incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.
d) As empresas radiofónicas cun modelo de programación secuencial e repetitivo cuxas emisións se baseen en contidos musicais.
e) As entidades sen personalidade xurídica e/ou sen ánimo de lucro.
Segundo. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura, e efectuar a convocatoria para o ano 2018.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Terceiro. Bases reguladoras
As bases reguladoras están establecidas na Resolución do 7 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.
Cuarto. Importe
A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo ás aplicacións 04.20.151A.470.1, por importe de 790.000,00 euros, e 04.20.461A.470.1, por importe de 1.186.777,00 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2018
Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios