Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17902

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2018 pola que se convoca, para a anualidade de 2018, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

O día 23 de setembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 20 de setembro de 2016 pola que se crea o Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Este fondo ten como finalidade posibilitar o financiamento das entidades locais no desenvolvemento das súas competencias en relación cos deberes de rehabilitación e conservación para que, ao mesmo tempo, se converta nun instrumento eficaz para impulsar a rehabilitación e a conservación do patrimonio construído, evitando, na medida do posible, a súa deterioración ata chegar a unha situación de ruína que obrigue á demolición.

No ordinal cuarto da citada resolución establécese que o Instituto Galego da Vivenda e Solo publicará anualmente a resolución de convocatoria en que se fixará o procedemento, as condicións e os criterios para o acceso ao financiamento, total ou parcial, das actuacións con cargo ao Fondo de cooperación e nas cales se abrirá un prazo de presentación de solicitudes.

En consecuencia, e segundo o disposto no artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade de 2018, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el (código de procedemento VI438A).

Segundo. Crédito orzamentario

1. O Fondo de cooperación está dotado, para esta convocatoria, cun importe de 7.598.300 €, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.821.60, correspondente á anualidade 2018 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Terceiro. Concellos destinatarios do financiamento

Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación os concellos de menos de 50.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes no 1 de xaneiro de 2018, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

Cuarto. Características das actuacións que se van financiar

1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:

a) As promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a lexislación urbanística en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.

b) As de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.

c) A adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

2. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.

3. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro (4) anos nos supostos previstos nas letras a) e b) do número 1, e de dous (2) anos para os casos establecidos na letra c). Estes prazos empezarán a contarse desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.

Quinto. Condicións de financiamento

1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 25 % do total do importe con que está dotado o Fondo de cooperación. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.

2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder oito (8) anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.

3. O importe que vai repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de outubro de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Sétimo. Solicitudes para acceder ao Fondo de cooperación

1. Os concellos que desexen acceder ao Fondo de cooperación deberán presentar unha solicitude que deberá ir dirixida á Dirección Xeral do IGVS, segundo o modelo que figura como anexo I a esta resolución.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. As solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Oitavo. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar o acceso ao Fondo de cooperación no cal se indique a actuación obxecto de financiamento, o importe solicitado, unha proposta do prazo de reposición da cantidade solicitada, o importe que se satisfará con cargo ás distintas anualidades e a designación da persoa habilitada para realizar os trámites ante a Administración.

b) Memoria descritiva da actuación para que se solicita o financiamento, asinada polo correspondente responsable municipal, na cal se detalle o orzamento total, desagregado por capítulos de obra, o seu prazo de execución ou, de ser o caso, a data para a adquisición do inmoble, así como toda a información que permita constatar que a actuación constitúe un dos supostos de financiamento previstos no ordinal cuarto.

A memoria incluirá unha reportaxe fotográfica do inmoble que se pretende adquirir, no suposto de adquisición de inmobles ou, para o caso de rehabilitacións, documentación gráfica representativa da actuación, como fotografías, infografías ou montaxes dixitais, nas cales se poida apreciar o estado inicial e final do inmoble logo da actuación.

c) Xustificación do órgano municipal competente da proposta do prazo de reposición da cantidade solicitada, de acordo co principio de sustentabilidade financeira.

d) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de permitir a compensación e retención das achegas vencidas e non ingresadas con cargo ao Fondo de cooperación local, para o caso de que non se reintegren as cantidades nos prazos previstos na resolución e no posterior convenio de financiamento.

e) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, os importes das anualidades previstas na resolución e no posterior convenio de financiamento.

f) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de non compensar as amortizacións pendentes coas contías que, por calquera outro concepto, puidese deberlles a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades públicas instrumentais pertencentes ao seu sector público.

g) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de que o inmoble que se pretende adquirir vai ser obxecto de rehabilitación, para o caso de adquisición dun inmoble.

h) Reportaxe fotográfica da actuación realizada no momento de presentar a solicitude e certificado do órgano municipal competente no cal se indique que nesa data as actuacións non están rematadas, con indicación da súa porcentaxe de execución, no suposto de que as actuacións estean iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o caso de que algún dos concellos presente a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que o faga electronicamente. Nestes casos, considerarase como data de presentación da documentación complementaria aquela en que fose presentada por vía electrónica.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirirlles a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.

5. No caso de que os documentos que se vaian presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido por esta, deberán seguirse, para os efectos da súa presentación, as instrucións que figuran no enderezo https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos incluídos en documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Número de identificación fiscal (NIF) do concello solicitante.

b) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante.

2. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar no correspondente cadro habilitado para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

Décimo. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica do Fomento do IGVS.

2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS a resolución do procedemento de acceso ao Fondo de cooperación.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segundo. Instrución do procedemento

1. O procedemento iniciarase de oficio mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos no ordinal sétimo ou non foi acompañada da documentación relacionada no ordinal oitavo, requirirase o concello solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Admitidas as solicitudes, o IGVS comprobará que a actuación se axuste aos requisitos previstos nesta resolución e poderá solicitar do concello os informes complementarios e a documentación que considere precisa.

4. Unha vez finalizada a fase de instrución, remitirase unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para a adopción da correspondente resolución.

Décimo terceiro. Resolución e recursos

1. As resolucións ditaranse por rigoroso orde de entrada das solicitudes ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Para estes efectos, considerarase como data de entrada da solicitude aquela en que esta estiver validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta convocatoria.

2. A resolución poderá acordar a inadmisión, a estimación ou a desestimación da solicitude de acceso ao Fondo de cooperación.

3. As resolucións de estimación establecerán as actuacións que se financiarán, a contía de que se vai dispor con cargo ao Fondo de cooperación e o prazo e as condicións de reintegro.

4. O prazo máximo para ditar e notificar as resolucións de acceso ao financiamento será dun (1) mes. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. A eficacia das resolucións estimatorias quedará demorada á sinatura dos correspondentes convenios de financiamento. Para esta sinatura, os concellos interesados deberán acreditar o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o cal se realizará mediante a presentación dunha declaración responsable da Secretaría Municipal ante o IGVS.

6. Contra as resolucións ditadas neste procedemento poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo cuarto. Convenios de financiamento

1. A aprobación do acceso ao Fondo de cooperación materializarase mediante a sinatura do correspondente convenio entre o IGVS e o concello destinatario do financiamento, segundo o modelo que figura como anexo II a esta resolución.

2. A sinatura do convenio de financiamento terá lugar nun prazo non superior a un (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución de aprobación de acceso ao financiamento.

A sinatura do convenio suporá a íntegra aceptación polo concello do contido da resolución de acceso ao Fondo de cooperación.

De non asinarse o convenio por causas imputables ao concello, este perderá o dereito ao acceso ao financiamento solicitado, que se declarará mediante a correspondente resolución.

Décimo quinto. Disposicións do Fondo de cooperación

1. A disposición das cantidades con cargo ao Fondo de cooperación efectuarase mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado polo concello na súa solicitude. A dita disposición non devindicará xuros.

Os concellos asinantes deberán ingresar na conta indicada polo IGVS no convenio de financiamento os importes fixados na resolución, conforme os prazos de reposición.

2. O concello poderá, en calquera momento, amortizar, total ou parcialmente, o importe pendente da disposición, e deben comunicalo previamente ao IGVS mediante a presentación, cunha antelación mínima de quince (15) días naturais e máxima de sesenta (60) días, tamén naturais, á data en que se queira facer efectiva a amortización anticipada, do anexo III desta resolución.

As amortizacións non poderán ser por unha contía inferior a cincuenta mil euros (50.000 €), agás que o concello queira reintegrar anticipadamente a totalidade do importe da disposición e esta for inferior á dita cantidade.

O importe amortizado aplicarase proporcionalmente ás anualidades seguintes a aquela en que se realice a amortización.

O IGVS comunicará ao concello as cantidades que se aboarán en cada anualidade como consecuencia da amortización.

3. No suposto de que o concello non repoña as cantidades acordadas dentro dos prazos fixados na resolución, as citadas cantidades consideraranse vencidas, líquidas e exixibles, para os efectos da súa posible compensación con cargo ao Fondo de Cooperación Local. Neste caso, así como en calquera outro en que se incumpran as obrigas asumidas polo concello, o IGVS poderá resolver o convenio de financiamento, o que comportará a obriga do concello de devolver a totalidade da cantidade percibida e de aboar os correspondentes xuros legais, calculados desde o día seguinte ao da transferencia das cantidades, así como a imposibilidade de que o concello poida obter unha nova disposición con cargo ao Fondo de cooperación, mentres non se produza o reintegro efectivo das ditas cantidades.

Décimo sexto. Xustificación das actuacións obxecto de financiamento

O cumprimento por parte do concello das finalidades obxecto do financiamento deberá acreditarse ante a Dirección Xeral do IGVS mediante a presentación por vía electrónica dun certificado do órgano competente do concello acreditativo da finalización das actuacións ou, se é o caso, da adquisición do inmoble obxecto de financiamento. O prazo para presentar este documento será de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da data de finalización do período de execución da actuación ou, se for o caso, de adquisición do inmoble.

Décimo sétimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá aos concellos interesados avisos da posta á disposición das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

2. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

3. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS efectuará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas entidades solicitantes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar os concellos interesados sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a planificacion.igvs@xunta.gal.

Décimo noveno. Eficacia da resolución

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO II

Convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello de... para o acceso ao fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Santiago de Compostela, ... de... de 2018

REUNIDOS

Dunha parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), con NIF Q6550004C e domicilio en Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela (A Coruña), representado por Ethel María Vázquez Mourelle, conselleira de Infraestruturas e Vivenda, nomeada polo Decreto 148/2016, do 13 de novembro (DOG núm. 217, do 14 de novembro), en virtude das atribucións que lle confire a súa calidade de presidenta do IGVS, segundo o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS (DOG núm. 147, do 5 de agosto).

Doutra parte,...

As partes recoñécense mutuamente capacidade legal suficiente para outorgaren o presente convenio de colaboración e, para tal efecto,

MANIFESTAN

I. O IGVS é o organismo autónomo adscrito á Consellería de Infraestruturas e Vivenda encargado de realizar a política de vivenda e solo da Xunta de Galicia, co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, segundo dispón o artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, e pode, para o cumprimento destes fins, establecer convenios con entes públicos ou privados.

II. O artigo 80.2.d) e e) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece que o municipio exercerá, en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma nas materias de «ordenación, xestión, execución e disciplina urbanística; a promoción e xestión de vivendas; os parques e xardíns; a pavimentación de vías públicas urbanas e a conservación de camiños e vías rurais»; «o patrimonio histórico-artístico».

III. As partes asinantes son conscientes de que son moitas as edificacións existentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopan en estado de abandono e desocupación e nas cales as persoas propietarias desatenden o seu deber de conservación e que, asemade, as administracións locais, e de xeito especial os concellos máis pequenos, non teñen capacidade para asumir a execución subsidiaria, no caso de incumprimento dos/das propietarios/as, polo que dificilmente poden rematar os expedientes iniciados co obxecto de exixir o cumprimento do citado deber.

Por outra parte, o IGVS considera conveniente facilitar a participación dos concellos nas intervencións públicas en materia de rehabilitación e rexeneración urbanas, de tal xeito que poidan acometer actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio, en prol de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que poidan dispor dunha vivenda digna e adecuada.

IV. O 23 de setembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución da presidenta do IGVS do 20 de setembro de 2016 pola que se crea o Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

V. O procedemento de acceso ao Fondo de cooperación foi convocado, para a anualidade de 2018, mediante a Resolución da presidenta do IGVS do 15 de marzo de 2018 e, en virtude de resolución do director xeral do IGVS do... de... de 2018, aprobouse a solicitude formulada polo concello asinante deste convenio para o acceso ao Fondo de cooperación, a cal deberá materializarse mediante a sinatura do presente convenio de financiamento.

Polas razóns anteriores, as partes comparecentes acordan formalizar o presente convenio de colaboración, que levan a efecto en virtude das seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto

O presente convenio ten por obxecto definir os termos da colaboración e os compromisos mutuos das partes asinantes, co obxectivo do financiamento con cargo ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (no sucesivo, Fondo de cooperación) da seguinte actuación:

Obxecto:

Orzamento total:

Importe do financiamento:

Prazo de reposición:

Segunda. Obrigas das partes

O IGVS comprométese a:

a) Financiar a actuación descrita na cláusula primeira, mediante a disposición da cantidade de... a favor do concello asinante deste convenio.

b) Transferir o referido importe ao concello, nos termos establecidos na cláusula terceira deste convenio.

Pola súa banda, o concello asinante deste convenio asume os seguintes compromisos:

a) Destinar as cantidades aboadas con cargo ao Fondo de cooperación á execución da actuación obxecto de financiamento.

b) A repoñer, no número de conta..., con indicación do seu concepto, a cantidade percibida con cargo ao Fondo de cooperación no prazo de... anos, contados desde o día seguinte ao da data de formalización do presente convenio, mediante o ingreso dos seguintes importes.

Anualidade 2019:

Anualidade 2020:

Anualidade 2021:

Anualidade 2022:

Anualidade 2023:

Anualidade 2024:

Anualidade 2025:

Anualidade 2026:

As anteriores cantidades poderanse modificar no suposto de que o concello amortice o importe pendente da disposición, en virtude do establecido na cláusula cuarta deste convenio.

c) A xustificar as actuacións obxecto de financiamento, nos termos previstos na cláusula quinta.

d) A incluír nos orzamentos dos seus exercicios seguintes..., con cargo aos ingresos correntes, as anualidades previstas neste convenio para a reposición de fondos.

e) A permitir a compensación e retención das achegas vencidas e non pagadas con cargo ao Fondo de cooperación local, para o suposto de que o concello non repoña as cantidades acordadas dentro dos prazos fixados na resolución ou incumpra calquera outra das obrigas previstas no convenio de financiamento.

f) A ingresar no citado número de conta a totalidade da cantidade percibida, así como os xuros legais correspondentes á disposición realizada, no suposto de resolución anticipada do convenio por incumprimento das súas obrigas.

g) A non compensar as amortizacións pendentes coas contías que, por calquera outro concepto, poida deberlles a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades públicas instrumentais pertencentes ao sector público autonómico.

Terceira. Disposición do importe con cargo ao Fondo de cooperación

A disposición de cantidades con cargo ao Fondo de cooperación efectuarase mediante transferencia bancaria ao número de conta...

Cuarta. Amortización

O concello poderá, en calquera momento, amortizar, total ou parcialmente, o importe pendente da disposición, e debe comunicalo previamente ao IGVS mediante o anexo III da resolución de convocatoria de acceso ao Fondo de cooperación, cunha antelación mínima de quince (15) días naturais e máxima de sesenta (60) días, tamén naturais, á data en que se queira facer efectiva a amortización anticipada.

As amortizacións non poderán ser por unha contía inferior a cincuenta mil euros (50.000 €), agás que o concello queira reintegrar anticipadamente a totalidade do importe da disposición e esta for inferior á dita cantidade.

O importe amortizado aplicarase proporcionalmente ás anualidades seguintes a aquela en que se realice a amortización.

O IGVS comunicará ao concello as cantidades que se aboarán en cada anualidade como consecuencia da amortización.

Quinta. Xustificación das actuacións obxecto de financiamento

O cumprimento por parte do concello das finalidades obxecto do financiamento deberá acreditarse ante a Dirección Xeral do IGVS mediante a presentación por vía electrónica dun certificado do órgano competente do concello acreditativo da finalización das actuacións ou, se é o caso, da adquisición do inmoble obxecto de financiamento. O prazo para presentar estes documentos será de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da data de finalización do período de execución da actuación ou, se é o caso, de adquisición do inmoble.

Sexta. Obrigas e compromisos económicos

O IGVS achegará un importe de..., que será satisfeito con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2018:

Órgano administrativo/entidade

Aplicación orzamentaria

Importe

Instituto Galego da Vivenda e Solo

08.80.451A.821.60

 

Sétima. Comisión de seguimento

Coa finalidade de asegurar o cumprimento deste convenio, crearase unha comisión de seguimento integrada por dous (2) representantes de cada unha das partes.

As funcións da Comisión de Seguimento serán as seguintes:

a) Efectuar un seguimento do grao de cumprimento dos compromisos asumidos polas partes asinantes deste convenio.

b) Resolver as controversias que poidan xurdir na interpretación e cumprimento do convenio.

A Comisión de Seguimento reunirase, por petición de calquera das partes, cantas veces se consideren oportunas para o desenvolvemento das súas tarefas.

Oitava. Prazo de execución

O prazo de execución deste convenio comezará o día da súa sinatura e rematará na data en que se produza a efectiva reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación.

Novena. Causas de resolución

Serán causas de resolución do convenio as seguintes:

a) O mutuo acordo das partes que o subscriben, manifestado por escrito.

b) O incumprimento de calquera das súas cláusulas.

c) A imposibilidade legal ou material de continuar co obxecto do convenio.

Décima. Datos persoais

De conformidade co establecido nos artigos 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 29 da Lei autonómica 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as partes asinantes manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan no presente convenio e demais especificacións contidas nel poidan ser publicados no Portal de transparencia e Goberno aberto.

As partes comprométense a tratar os datos persoais que sexan postos no seu coñecemento unicamente coa finalidade e co alcance de executar o establecido no presente convenio, respectando os requisitos establecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na súa normativa de desenvolvemento.

Décimo primeira. Réxime xurídico

O presente convenio ten carácter administrativo e réxese para os seus efectos polas súas cláusulas. Non lle será de aplicación a lexislación de contratos do sector público, conforme o disposto no artigo 4.1.c) do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, sen prexuízo da aplicación supletoria dos principios da lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se poidan presentar.

Dada a natureza xurídico pública do presente documento, as controversias que poidan xurdir na aplicación do convenio non solucionadas pola Comisión de Seguimento serán resoltas pola xurisdición contencioso-administrativa.

E en proba de conformidade, asinan este convenio por duplicado e para un único efecto, no lugar e data arriba indicados.

Polo Instituto Galego da Vivenda e Solo

Polo Concello de...

Ethel Mª Vázquez Mourelle

...

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file