Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17923

III. Outras disposicións

Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2018 pola que se establecen os formularios normalizados que se van empregar nos procedementos de impugnación perante este tribunal, por competencia atribuída na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público.

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público, modificada pola Lei 1/2015, creou o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma atribuíndolle as competencias establecidas no seu artigo 35.bis que inclúen o coñecemento e a resolución dos procedementos de impugnación referidos nesa lei.

A normativa reguladora dos procedementos de impugnación está integrada polas seguintes normas:

– Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o recurso especial en materia de contratación,

– Texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobada polo Real decreto lexislativo 3/2011, para a cuestión de nulidade prevista en tal norma mentres sexa temporalmente aplicable,

– Lei 31/2007, do 30 de outubro, sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais, para as reclamacións nos procedementos de adxudicación e para a cuestión de nulidade prevista en tal lei.

Para facilitar a presentación electrónica dos referidos procedementos, cómpre elaborar os formularios normalizados a empregar pola parte recorrente ou parte alegante, para os procedementos que corresponda. Os formularios estarán accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia e mais terán un enlace desde a propia páxina web do tribunal.

Na súa virtude, e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os formularios normalizados que se van empregar nos procedementos de impugnación perante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, previstos no artigo 35.bis da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público.

Os devanditos procedementos habilitaranse na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia cos seguintes códigos:

FA900A. Recurso especial en materia de contratación.

FA901A. Alegacións no TACGAL.

FA902A. Medidas cautelares previas.

FA903A. Reclamación Lei 31/2007.

FA904A.Cuestión de nulidade Lei 31/2007.

FA905A. Cuestión de nulidade TR 2011.

Artigo 2. Forma de presentación dos procedementos de impugnación

Os procedementos presentaranse preferentemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

En todo caso, ao abeiro da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas a presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora destes procedementos, antes descritos, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación complementaria dos procedementos

1. Para o procedemento FA900A, recurso especial en materia de contratación achegarase, cando menos, a seguinte documentación complementaria:

– Texto do recurso.

– Documento/s que acredite a representación do comparecente.

– Documento/s que acrediten a lexitimación do demandante cando a posúa porque lla transmitiu outro por herdanza ou por calquera outro título.

– Copia ou traslado do acto expreso contra o cal se recorra, ou indicación do expediente no que se ditase ou do boletín oficial ou perfil de contratante no que se publicou.

2. Para o procedemento FA901A, alegacións no TACGAL, achegarase, alomenos, a seguinte documentación complementaria:

– Texto das alegacións.

3. Para o procedemento FA902A, medidas cautelares previas, achegarase, cando menos, a seguinte documentación complementaria:

– Texto da solicitude das medidas cautelares previas.

4. Para o procedemento FA903A, reclamación Lei 31/2007, achegarase, cando menos, a seguinte documentación complementaria:

– Texto da reclamación.

– Documento/s que acredite a representación do comparecente.

– Documento/s que acrediten a lexitimación do demandante cando a posúa porque lla transmitiu outro por herdanza ou por calquera outro título.

– Copia ou traslado do acto expreso que se recorra, ou indicación do expediente en que recaese o acto, ou periódico oficial ou perfil de contratante en que se publicase.

– Xustificante de anunciar previamente o propósito de interpoñer a reclamación perante o órgano de contratación.

5. Para o procedemento FA904A, cuestión de nulidade Lei 31/2007, achegarase, cando menos, a seguinte documentación complementaria:

– Texto da cuestión de nulidade.

– Documento/s que acredite a representación do comparecente.

– Documento/s que acrediten a lexitimación do demandante cando a posúa porque lla transmitiu outro por herdanza ou por calquera outro título.

– Copia ou traslado do acto expreso contra o cal se recorra, ou indicación do expediente no que se ditase ou do boletín oficial ou perfil de contratante no que se publicou.

6. Para o procedemento FA905A, cuestión de nulidade TR2011, achegarase, cando menos, a seguinte documentación complementaria:

– Texto da cuestión de nulidade.

– Documento/s que acredite a representación do comparecente.

– Documento/s que acrediten a lexitimación do demandante cando a posúa porque lla transmitiu outro por herdanza ou por calquera outro título.

– Copia ou traslado do acto expreso contra o cal se recorra, ou indicación do expediente no que se ditase ou do boletín oficial ou perfil de contratante no que se publicou.

7. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas, especialmente os documentos identificativos (DNI/NIE para persoas físicas e NIF para persoas xurídicas), tanto da persoa solicitante coma da representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificación e resolución

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, artigo 54 e disposición adicional décimo quinta.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas conforme o disposto na disposición adicional décimo quinta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, en relación co Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo para resolver os recursos é de dous meses. Transcorridos dous meses contados desde o seguinte ao da interposición do recurso sen que se notificase a súa resolución, o interesado poderá consideralo desestimado para os efectos de interpor recurso contencioso-administrativo.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de procedementos de impugnación

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións coa cidadanía» co obxecto de xestionar os presentes procedementos, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer perante o responsable do ficheiro, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico á secretaria.xeral.facenda@xunta.gal

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta resolución poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día 2 de abril de 2018.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2018

Santiago Valencia Vila
Presidente do Tribunal Administrativo de Contratación
Pública da Comunidade Autónoma de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file