Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17830

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 26 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 389234.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Institucións sen fin de lucro domiciliadas en Galicia, así como as entidades locais galegas e agrupacións de concellos que leven a cabo algún dos eventos descritos no obxecto da convocatoria.

Segundo. Finalidade

A concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2018.

Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por programas ou actividades culturais concretas aqueles destinados á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 26 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 50.000,00 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes: 10.20.432B.481.2, por un importe inicial máximo de 30.000,00 euros para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro, e 10.20.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000,00 euros para o grupo de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000,00 euros que, en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vaia realizar. Este importe de 6.000,00 euros ascenderá a 7.500,00 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, isto é, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria