Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17800

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2018.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Compételle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, corporacións locais e industrias culturais, que desenvolvan un labor cultural dentro do seu ámbito competencial.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2018, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT215A).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.

Os programas e actividades culturais obxecto da presente convocatoria terán un carácter libre e gratuito para o público asistente.

Quedan excluídas do obxecto desta convocatoria as seguintes actividades:

– As programacións culturais de carácter xeral.

– Os cursos e actividades de formación e divulgación, como talleres, seminarios, conferencias, encontros ou similares.

– Os proxectos de carácter exclusivamente académicos ou gremiais e os actos conmemorativos.

– Os premios e as galas.

– As actividades internas das entidades, dirixidas a un público propio.

– As actividades lúdico-deportivas.

– As festas patronais.

– As feiras sectoriais.

– As actividades de promoción turística.

Inclúense nesta orde os gastos correntes derivados da realización dos programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a data límite de xustificación da orde.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión destas subvencións realizarase consonte os seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018: 10.20.432B.481.2 por un importe inicial máximo de 30.000 €, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro e 10.20.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000 €, para o grupo de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos, sen prexuízo de que este orzamento inicial poida ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A dotación das axudas será destinada ao financiamento dos gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2018.

3. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 €, que en ningún caso poderá exceder do 70 % do orzamento total do proxecto que se vai realizar. Este importe de 6.000 € ascenderá a 7.500 € cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias; estas axudas serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas, na normativa aplicable.

No caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

4. Non terán dereito á percepción de axuda aquelas entidades cuxos eventos non acaden, polo menos, 25 puntos na valoración da comisión, segundo os criterios establecidos no artigo 9.1.B (valoración do proxecto que se vaia realizar).

5. Entre as entidades que teñan dereito á percepción da axuda, en función dos puntos obtidos nas modalidades de artes escénicas e música, para obter a contía subvencionada, repartirase o importe total de cada orzamento (30.000 €, no caso de solicitantes que sexan do grupo de entidades sen fin de lucro e 20.000 €, no caso de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos) de forma directamente proporcional aos puntos acadados e a contía solicitada.

6. No caso de que algún dos dous grupos de beneficiarios non esgote o seu orzamento, ben polo número de solicitudes ou pola puntuación obtida, a comisión de valoración poderá incorporar o importe sobrante ao outro grupo de solicitantes.

7. Non se poderán subcontratar, nin total nin parcialmente, as actividades realizadas, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Dentro dos límites orzamentarios, de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, sempre que as actividades se axusten ao obxecto desta convocatoria e se cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, poderán acceder a estas axudas:

a) As institucións sen fin de lucro que reúnan os seguintes requisitos:

– Teñan representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Teñan como obxecto social o fomento e dinamización da cultura galega.

– Desenvolvan a maior parte das súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, non poderán ser beneficiarias da axuda as seguintes institucións sen fin de lucro:

– Entidades ou asociacións que pertencen ao ámbito educativo.

– Asociacións ou federacións de veciños, e da terceira idade.

b) As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do evento, e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que as actividades se prestan de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que en todo caso non supón unha actuación illada ou independente.

2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

4. Cada solicitante só poderá presentar un único proxecto, e cada proxecto só poderá ter un único solicitante.

Artigo 5. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e as entidades dela dependentes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

1. Documentación común:

1.1. Entidades locais e agrupacións de concellos:

a) Anexo I cuberto.

1.2. Entidades sen fin de lucro:

a) Anexo I cuberto.

b) Certificado do acordo de solicitude da axuda.

c) Acreditación da representación da persoa que a asine en nome da entidade.

d) Copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

2. Documentación específica requirida:

2.1. Ficha do proxecto (anexo II).

2.2. Memoria da traxectoria e interese cultural e artístico do evento en edicións anteriores, que deberá abordar os seguintes aspectos:

2.2.1. Antigüidade do evento.

2.2.2. Premios e recoñecementos acreditados.

2.2.3. Asistencia de público, achegando datos de participación presencial.

2.2.4. Calidade das programacións, facendo explícitos os seus aspectos innovadores e creativos.

2.2.5. Repercusión nos medios de comunicación e no territorio.

2.3. Memoria completa e detallada do proxecto que vai realizar, que inclúa separadamente as seguintes partes:

2.3.1. Interese, singularidade e relevancia artística e cultural da edición.

2.3.2. Contribución e estratexias de captación ou creación de novos públicos.

2.3.3. Programación de actividades culturais complementarias vinculadas ao proxecto presentado.

2.3.4. Plan de comunicación.

2.3.5. Repercusión territorial.

2.3.6. Contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e lingua galegas, presenza do galego na realización da actividade e na súa difusión,

2.4. Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais: memoria de aforro de custos respecto á presentada de modo individual.

2.5. Para entidades locais, acreditación do cumprimento do deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

A documentación específica requirida neste punto poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presente deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. No caso de que se inclúan fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

2.6. Acreditación do carácter libre e gratuíto do evento, mediante a presentación dunha declaración responsable do órgano competente da entidade.

2.7. No caso de que as entidades sen ánimo de lucro se correspondan con fundacións, será requisito indispensable para a concesión da axuda a acreditación de atoparse ao día no cumprimento das obrigas de presentación das contas do padroado, de acordo coa normativa específica que rixa a entidade.

Poderán achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude.

4. Documentación complementaria.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para este efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos presentados de forma electrónica superara os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• NIF da entidade solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

• Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que alguna circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Emenda de solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 8. Instrución do procedemento e selección de solicitudes

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación que se axustará aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

2. Correspóndelle á Secretaria Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a instrución do procedemento de concesión de subvencións, que desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

3. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado segundo os criterios establecidos na presente orde. O dito órgano colexiado, comisión de avaliación, a que fai referencia o punto 3 do artigo 1, estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

b) Catro vogais: a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación Cultural, a persoa titular da xefatura do Servizo de Xestión Administrativa e dúas persoas funcionarias de carreira nomeadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, das cales unha delas actuará como secretario/a.

No caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

4. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios establecidos no artigo 9 desta orde e a repartición económica realizarase proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites determinados no seu artigo 3.

Artigo 9. Criterios de avaliación

1. As solicitudes que se presenten valoraranse pola comisión de avaliación a que fai referencia o artigo 8, número 3, de acordo cos seguintes criterios:

A) Traxectoria e interese cultural e artístico do evento nas edicións anteriores: máximo 25 puntos.

A comisión valorará, segundo a documentación acreditativa presentada, os seguintes aspectos:

– A antigüidade do evento, carácter continuado e non ocasional do proxecto e concreción do número de edicións levadas a cabo: 1 punto por cada 5 edicións, cun máximo de 5 puntos.

– Os premios e recoñecementos acadados polo evento: 1 punto por cada premio acreditado, cun máximo de 5 puntos.

– A asistencia de público en edicións anteriores: 1 punto por cada 1.000 asistentes, cun máximo de 5 puntos. Deberá indicarse o sistema de acreditación de entrada que permita avaliar a asistencia de persoas ao evento (inscricións, control de accesos, invitacións, etc.).

– A calidade das programacións: máximo 5 puntos. Explicitaranse os aspectos innovadores e creativos das propostas presentadas en edicións anteriores, tanto no referido ao tipo de actividade como ao seu desenvolvemento, outorgando a seguinte puntuación:

• Escaso nivel de detalle: 1 punto.

• Detalle e explicación da innovación, orixinalidade e creatividade do proxecto a nivel xeral: 3 puntos.

• Detalle e explicación da innovación, orixinalidade e creatividade cun alto nivel de precisión: 5 puntos.

– A repercusión do evento nos medios de comunicación e no territorio nas edicións anteriores: máximo 5 puntos.

Avaliaranse todas as medidas adoptadas para dar a coñecer a actividade, valorando o alcance territorial da difusión, isto é, a súa contribución na acción cultural e dinamizadora do territorio, así como os medios de comunicación empregados para difundir o proxecto, tanto os soportes tradicionais como a utilización de tecnoloxías da información e comunicación, e redes sociais.

• Escasa repercusión: 1 punto.

• Repercusión media: 3 puntos.

• Alta repercusión: 5 puntos.

B) Valoración do proxecto que se vaia realizar na edición 2018: máximo 50 puntos.

– Interese, singularidade e relevancia artística e cultural do evento: máximo 15 puntos.

A comisión valorará aspectos tales como a orixinalidade, a experimentación de novos formatos, o carácter innovador do proxecto, o tratamento de temáticas pouco difundidas ou, dentro da especificidade e carácter propio de cada proxecto, o seu valor cultural.

• A explicación que se facilita, con independencia da extensión do texto, é moi básica e pouco clara e con información moi pouco precisa: 5 puntos.

• A explicación é correcta pero pouco desenvolvida: 10 puntos.

• A explicación é moi clara e expón unha información moi detallada e precisa: 15 puntos.

– Contribución á captación ou creación de novos públicos: máximo 10 puntos.

Valorarase a capacidade do proxecto para promover a diversidade sociocultural do público, a accesibilidade, as relacións interxeneracionais, e/ou a integración de persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade.

• Non se especifican pautas nin medidas de captación: 0 puntos.

• As medidas son moi xerais e pouco detalladas: 3 puntos.

• As medidas están presentes na programación, pero non se valoran de modo especial: 6 puntos.

• As medidas están presentes ou moi presentes e son as máis adecuadas e óptimas na busca do incremento e captación de novos públicos: 10 puntos.

– Actividades culturais complementarias, vinculadas ao proxecto presentado: 6 puntos.

• De carácter formativo: 1 punto por cada actividade, máximo 3 puntos.

• De carácter divulgativo (edición de libros, conferencias, premios, concursos, etc.): 1 punto por cada actividade, máximo 3 puntos.

– Plan de comunicación: 6 puntos.

O plan de comunicación do proxecto poderá incluir aspectos como o público a que se dirixe, as estratexias de comunicación, a imaxe corporativa, a difusión do proxecto, o cronograma de actuacións do plan, así como un seguimento e avaliación dos obxectivos de promoción formulados.

• Ausencia dun plan de comunicación: 0 puntos.

• Plan de comunicación convenientemente estruturado pero cunha metodoloxía pouco desenvolvida: 3 puntos.

• Plan de comunicación ben estruturado e detallado con precisión, capaz de potenciar e promocionar efectivamente o evento: 6 puntos.

– Repercusión territorial do evento: 8 puntos.

A repercusión territorial está referida ao impacto de carácter sociocultural que pode xerar no territorio o proxecto, e valoraranse a implicación, colaboración e participación do tecido cultural, asociativo e veciñal da zona para que o evento acade unha maior relevancia e participación, ou a capacidade de atraer e interesar ao público.

• Escasa repercusión: 1 punto.

• Repercusión media: 4 puntos.

• Alta repercusión: 8 puntos.

– Contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e lingua galegas: 5 puntos.

Valorarase como un dos obxectivos do proxecto o fomento do uso e coñecemento da lingua galega, así como as medidas encamiñadas á súa promoción.

• Uso do galego na realización da propia actividade (3 puntos).

• Uso do galego na difusión da actividade (2 puntos).

C) Nivel de autofinanciamento do evento: máximo 25 puntos.

– Autofinanciamento superior ao 30 % ata o 40 %: 5 puntos.

– Autofinanciamento superior ao 40 % e ata o 60 %: 15 puntos.

– Autofinanciamento superior ao 60 %: 25 puntos.

4. Como puntuación adicional, en cumprimento do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, outorgaranse ata 45 puntos a aquelas solicitudes que cumpran algún dos seguintes estremos:

A) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal:

– 15 puntos por presentación de solicitudes conxuntas.

– Ata 15 puntos, segundo os seguintes criterios:

a) Nº de concellos asociados: ata 5 puntos.

b) Nº de servizos que se van prestar de forma compartida: ata 5 puntos.

c) Repercusión sobre o número total de poboación: ata 5 puntos.

– Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 15 puntos.

B) Fusión municipal. Pola mera presentación da solicitude por parte da entidades resultantes da fusión: 45 puntos.

A puntuación máxima total será de 145 puntos.

Artigo 10. Proposta de resolución

O órgano instrutor formulará proposta de resolución motivada das subvencións, logo de examinar os expedientes e o informe de avaliación emitido pola comisión de valoración, e repartirá o importe total do crédito dispoñible proporcionalmente á puntuación obtida. Quedan excluídas aquelas solicitudes que non acaden unha puntuación igual ou superior a 45 puntos.

Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Secretaría Xeral de Cultura http://www.cultura.gal. Nela expresarase a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia disporán de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Secretaría Xeral de Cultura no lugar e forma indicados no artigo 5 desta orde.

En todo caso, os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia que presenten alegacións enviarán un correo electrónico á Secretaría Xeral de Cultura, Servizo de Xestión Administrativa, no seguinte enderezo: xestion-administrativa.cultura@xunta.gal, en que indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo.

Esta resolución terá carácter de provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figure na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario a reformular a súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

No caso de empate, para desempatar terase en conta, en primeiro lugar, o criterio de autofinanciamento e, en segundo lugar, a data de presentación da solicitude.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron a axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 11. Resolución

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución da Secretaría Xeral de Cultura, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e comunicará por escrito aos beneficiarios o seu importe.

Nesta resolución incluirase a relación de entidades beneficiarias e as cantidades concedidas; a resolución notificarase aos interesados consonte o artigo 12 da orde e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura, http://www.cultura.gal.

Artigo 12. Notificación

1. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o dito prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

2. O vencemento do citado prazo de 5 meses sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa ausencia non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose de carácter obrigatorio ou expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Aceptación

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria; se a renuncia non se comunica expresamente no citado prazo, as persoas beneficiarias quedan comprometidas a realizar o dito investimento, salvo causas de forza maior aceptadas pola comisión de valoración e, de non facelo, incorrerán nas responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 14. Xustificación

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento ata o 31 de outubro de 2018, e dirixirán a documentación á Secretaría Xeral de Cultura, Servizo de Xestión Administrativa; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. O cumprimento efectivo dos fins para os que foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación de orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos correntes incorridos para a realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados.

b) Relación de gastos ordenada segundo o concepto a que se atribúe, fotocopia compulsada das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

A factura deberá recoller os seguintes datos: identificación do emisor e receptor, data de emisión, número de factura, concepto e importe.

No xustificante bancario deberá constar ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura e a data de pagamento.

Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 300 euros. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que figure a expresión «recibín en metálico».

c) Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida, xunto coa porcentaxe de autofinanciamento do investimento que para o mesmo proxecto fixo o beneficiario.

d) No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo o anexo III.

Cando as actividades fosen financiadas, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de entidades locais deberán presentar ademais:

a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, de acordo co disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control, do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

Deberase cumprir o disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modificado pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas). Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

2. A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Artigo 15. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de proceder ao seu pagamento, a Secretaría Xeral de Cultura realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.

2. A falta de xustificación ou xustificación insuficiente, así como a presentación da documentación xustificativa no prazo establecido, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo proceda, e a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 do xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

3. Non poderá realizarse o pagamento das axudas en tanto o beneficiario non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución da procedencia de reintegro, ao abeiro do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación establecida no punto 1 do artigo 14 da presente orde.

Artigo 16. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles gastos correntes que de xeito indubidable respondan á realización do proxecto, así como os gastos de difusión e publicidade en calquera soporte, en que se fará constar o logotipo da Xunta de Galicia seguindo as súas normas de identidade corporativa, aluguer de espazos, servizos e equipamentos técnicos, cachés dos grupos e compañías, así como os gastos de viaxe e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

– Investimentos ou adquisición de material ou equipos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante.

– Gastos protocolarios.

– Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, estarán obrigados a:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para que fosen concedidos. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

2. Os beneficiarios deberán dar cumprimento as obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

3. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorran calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode dar lugar á modificación da resolución de concesión ou da axuda concedida.

Artigo 19. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgoten a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 20. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, así como entidades beneficiarias, importe concedido e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

3. Consonte o artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo: sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

Artigo 23. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

d) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file