Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17798

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 14 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 391169.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas, así como as persoas xurídicas privadas, que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables.

Segundo. Obxecto

Subvencións dirixidas ás persoas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas en que se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020.

Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) Obras de conservación e mantemento.

b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como o correcto funcionamento das súas instalacións ou a súa adaptación á normativa vixente.

c) Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.

As citadas actuacións deberán ter sido consideradas necesarias no informe municipal emitido para a incorporación da vivenda ao Programa de vivendas baleiras e, ademais, deberán estar feitas no momento de presentación da solicitude da axuda.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras establécense nesta orde.

Cuarto. Orzamento

130.000 euros, dos cales se destinan 100.000 euros a persoas físicas e 30.000 euros a persoas xurídicas privadas.

Esta contía poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As actuacións subvencionaranse polo gasto xustificado, sen que o importe desta axuda poida superar a cantidade de 4.000 euros no caso dunha vivenda situada nun edificio de tipoloxía residencial colectiva, ou de 5.500 euros no caso de tratarse dunha vivenda unifamiliar.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería
de Infraestruturas e Vivenda