Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17782

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 14 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece como unha das súas liñas de actuación, dentro das políticas públicas en materia de vivenda, a implantación de plans e programas orientados a favorecer o acceso á vivenda en réxime de alugamento. En concreto, a lei indica que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en alugamento cos obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e favorecer o acceso á vivenda a colectivos singulares, en particular colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.

O 12 de febreiro de 2015, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan Rehavita, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, que ten como primeiro eixe de actuación o acceso á vivenda mediante o desenvolvemento de catro programas de axudas. A acción número 4 do cuarto programa deste eixe é a coordinación do Programa municipal de vivendas baleiras.

A existencia de vivendas desocupadas nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia resulta contraria ás exixencias dun adecuado principio de utilización racional do parque de vivendas, tanto por razóns de eficiencia económica como por ser un factor de sustentabilidade ambiental e territorial, polo que precisamente o Programa de vivendas baleiras persegue promover o uso destas vivendas outorgándolles aos concellos que as incorporan as garantías xurídicas e económicas necesarias e que son asumidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Con data do 3 de maio de 2016 asinouse un convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020.

Coa finalidade de incentivar que as persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas as incorporen ao Programa de vivendas baleiras, considerouse oportuno implantar unha liña de subvencións dirixidas ás actuacións de rehabilitación, mantemento e reforma. O 29 de maio de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 19 de maio de 2017 pola que se establecían as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Non obstante, apreciouse a necesidade de incorporar modificacións a este programa, polo que procede a redacción dunhas novas bases reguladoras.

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade co establecido no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á conselleira de Infraestruturas e Vivenda.

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións dirixidas ás persoas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas en que se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 (código de procedemento VI426C).

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para a anualidade 2018.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Artigo 2. Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) Obras de conservación e mantemento.

b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como o correcto funcionamento das súas instalacións ou a súa adaptación á normativa vixente.

c) Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.

As citadas actuacións deberán ter sido consideradas necesarias no informe municipal emitido para a incorporación da vivenda ao Programa de vivendas baleiras e, ademais, deberán estar feitas no momento de presentación da solicitude da axuda.

Artigo 3. Requisitos para obter a axuda

Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

1. Que a vivenda estea situada nun concello que asinase o acordo de adhesión ao convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras.

2. Que haxa persoas demandantes de vivenda anotadas no correspondente rexistro municipal.

3. Que se emitise un informe municipal sobre a necesidade das actuacións para as cales se solicita a subvención.

4. Que a data de realización das actuacións sexa posterior á data de solicitude de incorporación da vivenda ao Programa de vivendas baleiras.

5. Que a vivenda estea incorporada ao Programa de vivendas baleiras do correspondente concello.

6. Atendendo ao principio de anualidade orzamentaria, a data das facturas deberá coincidir coa do exercicio orzamentario en vigor cando se presente a solicitude de subvención.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderanse beneficiar destas axudas as persoas físicas, así como as persoas xurídicas privadas, que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.

b) Non estar incursa nalgunha das circunstancias previstas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Importes máximos das subvencións

As actuacións subvencionaranse polo gasto xustificado, sen que o importe desta axuda poida superar a cantidade de 4.000 euros no caso dunha vivenda situada nun edificio de tipoloxía residencial colectiva, ou de 5.500 euros no caso de tratarse dunha vivenda unifamiliar.

Artigo 6. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberase dirixir á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As persoas xurídicas e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.a) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presentasen as súas solicitudes presencialmente, requiriranse para que as emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude, a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non obtivo ningunha outra axuda para a mesma vivenda e finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para esa mesma vivenda e finalidade.

c) Declaración de que na vivenda se realizaron as actuacións para as cales se solicita a subvención.

d) Declaración de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son correctos.

Artigo 7. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante.

b) Título que acredite a propiedade ou o usufruto da vivenda para a cal solicita a axuda.

c) Anexo II, de xustificación do gasto realizado, ao cal se xuntará a seguinte documentación:

1) Memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas para a concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas.

2) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, que conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberase xustificar mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo solicitante.

d) Requirimento ou informe municipal das actuacións que se van realizar na vivenda.

e) Certificación municipal de que a vivenda está incorporada ao Programa de vivendas baleiras.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderalle requirir a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Artigo 8. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As persoas xurídicas e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.a) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que presentasen a documentación complementaria presencialmente, requiriranse para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén a poderán presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos que se van presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberanse seguir para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: (https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes).

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante ou da súa representante.

b) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución da tramitación da solicitude de subvención é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das subvencións.

Artigo 11. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente publicación da resolución de convocatoria.

2. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

3. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da xefatura da área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de concesión e pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver e notificar a concesión da axuda será de tres (3) meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes previsto na correspondente convocatoria. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Para a concesión das axudas, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa na sede electrónica da Xunta de Galicia ou no rexistro da correspondente área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 14. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Artigo 15. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras.

2. Así mesmo, tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Artigo 16. Pagamento da subvención

O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria, sinalada para estes efectos no anexo I.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Manter a vivenda no Programa de vivendas baleiras durante un período de tres anos, contados desde o día da formalización do primeiro contrato de alugamento.

2. Subministrarlle ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. As demais obrigas que derivan desta orde.

Artigo 18. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no artigo anterior. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. Non será motivo de perda a baixa da vivenda no Programa de vivendas baleiras por causa non imputable á persoa propietaria ou usufrutuaria.

3. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións previstas nesta orde son compatibles coas axudas que se poidan recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Unha vez concedida a subvención, non se terá dereito a obter outra axuda do IGVS para a mesma vivenda a través do Programa de vivendas baleiras.

Artigo 20. Notificacións

1. As persoas xurídicas están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, deberán manifestar expresamente no anexo I a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos. As notificacións que se efectúen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS efectuará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO III

Convocatoria con financiamento no ano 2018

Artigo 22. Obxecto

Mediante esta orde convócanse as subvencións dirixidas ás persoas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas en que se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020.

Artigo 23. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 24. Orzamento

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

– 08.80.451A.780.7, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018, por importe de 100.000 euros, para persoas físicas.

– 08.80.451A.770.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018, por importe de 30.000 euros, para persoas xurídicas privadas.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento e informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n; polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.igvs@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file