Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 3 de abril de 2018 Páx. 18268

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 15 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN315A).

O sector da minería ten en Galicia unha gran tradición e un grande impacto na nosa economía, xa que xera 5000 empregos directos e representa máis do 1 % do PIB da comunidade e en determinadas zonas constitúe o seu principal motor económico. O potencial de crecemento deste sector é elevado, debido ás condicións socioeconómicas actuais que derivan do incremento na demanda de minerais necesarios para o mantemento da nosa forma de vida e a necesidade crecente da industria europea de ter garantido o acceso ás materias primas minerais ante as dificultades de abastecemento nos mercados internacionais.

O Goberno de Galicia cre nunha minaría segura e sustentable, capaz de crear máis valores e máis emprego para a nosa comunidade, mais na defensa, ante todo, do estrito cumprimento da legalidade vixente. E así o vén reforzar a nova lei de implantación de iniciativas empresariais, sempre na procura da excelencia ambiental e na promoción do desenvolvemento sustentable deste sector.

Neste contexto, faise necesario para camiñar cara a sustentabilidade do noso sector mineiro fomentar o desenvolvemento de accións que vaian orientadas a mellorar as prácticas do sector nos ámbitos ambientais e laborais; a aproveitar de maneira máis racional e eficiente os recursos minerais existentes no noso territorio; a investigar e innovar as técnicas e tecnoloxías que se aplican nas actividades mineiras, a avanzar na transferencia no coñecemento deste sector e a súa divulgación e promoción co obxecto de que a sociedade teña unha boa imaxe desta actividade.

As axudas que se regulan e convocan a través desta orde van dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro con representación no sector mineiro galego. Estes incentivos teñen por finalidade a realización das accións indicadas no parágrafo anterior.

A concesión das axudas, cuxas bases se regulan nesta orde, deberá levarse a cabo tendo en conta as limitacións exixidas polo dereito da Unión Europea. Neste sentido, nos casos en que proceda, deberase atender ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para impulsar a realización de accións que contribúan a mellorar as prácticas preventivas e ambientais do sector mineiro galego, a transferencia de coñecemento, o aproveitamento racional e eficiente dos recursos minerais, a investigación e innovación no seu aproveitamento, así como a divulgación e promoción do devandito sector.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas subvencións para o ano 2018.

3. Mediante o código de procedemento IN315A facilitarase a identificación e acceso ás persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia e aos formularios de inicio.

Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións, estudos ou proxectos que teñan como finalidade impulsar a realización de accións que contribúan a:

– Mellorar as prácticas preventivas en materia de riscos laborais.

– Mellorar as prácticas ambientais do sector mineiro.

– Divulgar e promocionar o sector mineiro galego.

– Incrementar a investigación e innovación tanto no procesos como na aplicación do produto.

– Transferencia de coñecemento.

– Un aproveitamento racional e eficiente dos recursos mineiros.

2. Consideraranse gastos subvencionables os seguintes:

– Recursos humanos: gastos de persoal, tanto propio como o que se contrate especificamente, que poderá ser imputado na súa totalidade cando se dedique integramente ao desenvolvemento da actuación subvencionada ou ben parcialmente en función da porcentaxe de dedicación.

– Material inventariable: adquisición dos equipamentos e instrumental precisos para a realización do proxecto.

– Custos de investigación contractual, coñecementos e patentes adquiridos ou obtidos por licenza de fontes externas en condicións de plena competencia.

– Servizos externos: contratacións con entidades externas necesarias para o eficiente desenvolvemento dos proxectos.

– Material funxible: adquisición de materiais funxibles, compoñentes precisos, subministracións e produtos similares.

– Gastos indirectos: serán imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidos e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.

Así mesmo, de acordo co disposto no número 7 do devandito artigo, os gastos financeiros, os de asesoría xurídica e financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación desta.

4. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2018 e a data de xustificación establecida no artigo 26.

5. En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado. Así mesmo, a comisión de valoración poderá considerar como non subvencionables ou limitar a súa porcentaxe en relación ao investimento subvencionable total do proxecto, á vista das solicitudes presentadas, aqueles conceptos que se consideren menos críticos para o normal desenvolvemento da actuación obxecto de axuda ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.

6. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

7. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 3. Réxime de aplicación

As axudas contidas nestas bases, pola natureza da entidade beneficiaria e as actuacións subvencionables, non constitúen axudas de Estado ao amparo do artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (versión consolidada DOUE C202/47 do 7.6.2016), agás que as entidades exerzan actividade económica, segundo o disposto no artigo 1 do anexo do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, caso este en que o procedemento quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as entidades sen ánimo de lucro con representación no sector mineiro galego cuxo obxecto estea relacionado coa minaría e que desenvolvan a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, non deberán exercer unha actividade económica ofrecendo bens ou servizos nun mercado determinado, salvo que dispoñan de contabilidade separada para as actividades económicas e as subvencionadas.

2. Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma e deberán atoparse ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Artigo 5. Procedemento de concesión

As axudas reguladas por estas bases tramitaranse conforme o procedemento de concorrencia competitiva mediante a comparación das solicitudes presentadas, establecendo unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan no artigo 18 desta orde.

Artigo 6. Financiamento e intensidade das axudas

1. As subvencións que se outorguen para as actuacións obxecto desta convocatoria serán con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.734A.781.0 (Desenvolvemento do sector mineiro) do orzamento de gastos para o ano 2018. O orzamento destinado a esta convocatoria é de 889.642,30 euros. A procedencia dos fondos é propia.

2. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado de:

– Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

– A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. A intensidade máxima da axuda será do 80 % do investimento total subvencionable, ata un máximo de 100.000,00 € por proxecto.

Esta intensidade poderá ser inferior para o grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación cando se produza o esgotamento do crédito dispoñible, rateando o importe entre todas elas.

5. A percepción destas axudas será compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública ou entes públicos ou privados, nacionais, internacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, supere o custo total do investimento subvencionable.

A verificación de concorrencia de axudas para a mesma finalidade realizarase sobre os mesmos custos elixibles, de forma que non se excedan as intensidades permitidas definidas neste artigo.

O solicitante deberá dar a coñecer mediante declaración responsable as axudas que obtivese para a actividade subvencionada tanto ao presentar a solicitude de axudas como en calquera momento ulterior en que se produza esta circunstancia. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, coa xustificación da axuda.

6. Así mesmo, de ser de aplicación, haberá que aterse ao disposto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, de minimis, en relación co límite da axuda, de tal xeito que a axuda total de minimis concedida non será superior a 200.000 € durante o período do exercicio fiscal en curso e dos dous exercicios fiscais anteriores.

7. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión.

Artigo 7. Órganos competentes para a ordenación, instrución e resolución do procedemento de concesión

1. O órgano competente para efectuar a convocatoria e ditar a resolución de outorgamento das axudas a que se refire esta orde será o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, sen prexuízo das delegacións existentes nesta materia.

2. O órgano responsable da instrución e ordenación do procedemento de concesión e do seguimento das actuacións financiadas será a Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Artigo 8. Solicitudes, lugar e prazo de presentación

1. Para poder ser persoa beneficiaria destas axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o día correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación, ambos inclusive.

3. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

5. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

6. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa súa solicitude a documentación que se describe a seguir:

a) Documentación administrativa.

– Copia dos estatutos da entidade solicitante en que apareza o seu obxecto social.

– Acreditación da representatividade da persoa solicitante por calquera medio válido en dereito.

b) Documentación técnica.

Memoria técnica-económica que seguirá o índice que se establece a seguir e se adecuará ao modelo que se inclúe como anexo II.

– Descrición da actuación.

– Diagnose da situación actual e necesidade detectada.

– Obxectivos da actuación.

– Resultados esperados.

– Impacto e relevancia da actuación.

– Plan de divulgación dos resultados.

c) No caso de solicitudes de axuda que queden suxeitas á aplicación do réxime de minimis en aplicación do previsto no artigo 3 desta orde, a persoa beneficiaria deberá cubrir, necesariamente, a declaración de axudas de minimis incluída no anexo I.

d) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Axencia Tributaria de Galicia.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade sen ánimo de lucro.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e xuntar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

2. A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, debe efectuarse á Intervención xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 16. Revisión de solicitudes

1. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través da Subdirección Xeral de Recursos Minerais, examinará as solicitudes e documentos anexos presentados e, se for o caso, requirirá ao interesado para que emende a falta ou xunte os documentos preceptivos no prazo de 10 días desde a recepción da notificación, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Realizado o trámite anterior, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitirá o expediente xunto co seu informe, que incluirá a proposta de solicitudes para valorar, á comisión de valoración prevista no artigo seguinte desta orde.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 17. Comisión de valoración

1. As solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria serán avaliadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto. Na devandita avaliación determinarase a orde de prelación das solicitudes e os gastos subvencionables, establecendo o investimento elixible e o importe da subvención para cada unha delas.

A orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos poderase exceptuar no caso de que, unha vez finalizado o prazo de presentación, o crédito consignado na convocatoria for suficiente para atender a todas elas.

2. A comisión de valoración estará composta polos seguintes membros, nomeados polo director xeral de Enerxía e Minas:

– A subdirectora xeral de Recursos Minerais ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta.

– A xefa do Servizo de Xestión Mineira e un técnico titulado de minas de cada xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que actuarán como vogais.

– Un funcionario da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que actuará como secretario da comisión, con voz pero sen voto.

3. A comisión de valoración poderá estar asistida polo persoal técnico que considere necesario e poderá xustificadamente solicitar da Dirección Xeral de Enerxía e Minas que se requiran cantos informes sexan necesarios para valorar as solicitudes presentadas. A comisión de valoración poderá adoptar de forma motivada cantos criterios coide necesarios para lograr a máxima eficiencia na asignación dos recursos.

4. O resultado da valoración será recollido nun informe aprobado pola comisión, que será asinado polo secretario co visto e prace da presidenta.

5. A comisión de valoración axustarase no seu funcionamento ao disposto nos artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 18. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia das actuacións consideradas subvencionables e da contía da subvención serán os seguintes:

Criterio

Punt. máx.

Descrición

Punt. máx.

Descrición

Baremo

Tipolixia da actuación

60

Finalidade da actuación

10

Mellora das prácticas preventivas

10

Mellora das prácticas ambientais

10

Divulgación e promoción

7

Resto das actuacións

5

Alcance e impacto esperado do proxecto

30

Beneficiarios potenciais dos resultados do proxecto

Un subsector produtivo-económico

5

Dous subsectores produtivos-económicos

10

Tres ou máis subsectores produtivos- económicos

15

Avaliación do impacto esperado

Define o impacto partindo dunha diagnose inicial

7,5

Deseña indicadores de impacto que permitan valorar os resultados do proxecto

7,5

Carácter innovador da proposta

20

Proporciona solucións a necesidades claramente identificadas do sector mineiro

10

As solucións son innovadoras respecto das tecnoloxías, estudos ou procedementos existentes

10

Calidade técnica da proposta

30

Experiencia da entidade na realización de actuacións similares

15

Por traballo realizado relacionado coa actuación proposta

1,5

Formulación do proxecto

20

Obxectivos e fitos claros e específicos

5

Beneficios medibles

5

Adecuación dos recursos e capacidades aos obxectivos

5

Cronograma do proxecto ben estruturado e pautado

5

Difusión de resultados

10

Ámbito do plan de difusión

10

Plan de divulgación de ámbito local ou provincial

5

Plan de divulgación de ámbito autonómico

8

Plan de divulgación de ámbito estatal/europeo

10

2. No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terase en conta a puntuación obtida do criterio de valoración establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente.

Artigo 19. Trámite de audiencia

1. Unha vez valoradas as solicitudes segundo o disposto no artigo anterior, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, á vista do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional, que será notificada aos interesados para que no prazo de 10 días poidan formular alegacións.

2. Transcorrido o prazo de alegacións e unha vez examinadas estas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas formulará a proposta de resolución definitiva, que será notificada aos interesados que fosen propostos como persoas beneficiarias para que no prazo de 10 días comuniquen a aceptación da subvención, a cal se entenderá aceptada pasado o citado prazo.

Artigo 20. Resolución

1. Unha vez formulada a proposta de resolución definitiva, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará a resolución de concesión da subvención, que deberá estar debidamente motivada.

2. Na resolución de concesión farase constar o solicitante ou relación de solicitantes a que se lles concede a axuda, a puntuación obtida no proceso de valoración, o importe e a desagregación do investimento subvencionable aprobado, e a contía da axuda concedida.

3. De ser o caso, informaranse os beneficiarios sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

4. Na resolución de concesión que se dite deberase facer constar a desestimación expresa do resto das solicitudes presentadas e admitidas a trámite.

Artigo 21. Prazo de resolución e notificación

1. O prazo máximo para a resolución do procedemento e a súa notificación será de 5 meses contados desde o día seguinte á publicación da orde de axudas no Diario Oficial de Galicia, que se computará segundo o establecido no artigo 40 da Lei 39/2015. Se, transcorrido o devandito prazo, o órgano competente para resolver non notificase a dita resolución, os interesados estarán lexitimados para entender desestimada a súa solicitude.

2. A resolución de concesión notificarase ao solicitante conforme o disposto nos artigos 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo da devandita notificación, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de axudas concedidas, expresando o programa, concepto orzamentario, titular e finalidade da axuda.

Artigo 22. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 23. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 24. Obrigas das persoas beneficiarias

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás persoas beneficiarias en cada caso.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta orde.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente, así como en inscricións relativas ao financiamento público en carteis, placas, material impreso, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

k) Manter os investimentos subvencionados e conservar toda a documentación relacionada coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

l) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

m) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 25. Subcontratación

1. Permítese a subcontratación, total ou parcial, pola entidade beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A entidade beneficiaria non poderá concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con empresas ou persoas vinculadas con ela ou cos seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 26. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, as persoas beneficiarias deberán presentar electronicamente unha solicitude de pagamento mediante o modelo normalizado do anexo III, acompañado da documentación sinalada nas seguintes epígrafes. O prazo máximo para presentar a xustificación será o 10 de decembro de 2018 (inclusive).

a) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade do cumprimento da finalidade da subvención e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto (anexo IV).

b) Declaración responsable do rendemento da conta xustificativa (anexo V).

c) Memoria técnica xustificativa da actuación subvencionada segundo o anexo VI, asinada polo representante da entidade, que certificará a veracidade do consignado. Nesta memoria especificaranse co máximo detalle as actividades realizadas e os resultados obtidos, así como a súa relación directa cos gastos realizados na execución dos programas financiados que se imputen á subvención.

d) Memoria económica abreviada xustificativa do custo das actividades realizadas obxecto de axuda segundo o anexo VII; que consistirá nunha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Esta táboa virá asinada e selada polo responsable da entidade. A relación de gastos figurarán por orde cronolóxica.

e) Informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas; para cuxa comprobación se entregará xunto coa documentación xustificativa certificación rexistral de tal particular.

A actuación profesional do auditor de contas someterase ao disposto nas normas de actuación aprobadas mediante Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como as pautas establecidas no anexo II deste convenio.

2. As persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento á Consellería de Economía, Emprego e Industria para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que o beneficiario presente a documentación solicitada, a Consellería de Economía, Emprego e Industria requirirá o beneficiario para que a presente, no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

4. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á subvención e declararase a perda do dereito ao cobramento, segundo o procedemento establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 28. Pagamento anticipado

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, e no seguinte parágrafo.

2. Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados pola persoa beneficiaria, se é o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión e na forma e prazo indicados nesta.

3. Para efectuar o pagamento anticipado, a persoa beneficiaria deberá acreditar a constitución dunha garantía nos termos establecidos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, salvo nos supostos establecidos 65.4 do citado regulamento.

4. A garantía depositarase na caixa xeral de depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, na modalidade de aval, polo importe do 110 % da cantidade anticipada, e que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto no artigo 26.1.

5. Unha vez xustificada e verificada a actuación obxecto de subvención de forma favorable, procederase ao aboamento da axuda ao beneficiario descontando o importe do anticipo outorgado, e procederase á devolución do aval bancario entregado como garantía.

Artigo 29. Incumprimento, renuncia, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso de que a persoa beneficiaria desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito por medios electrónicos, e comunicará este feito co fin de proceder ao remate do expediente.

A renuncia á axuda, despois de transcorrido o prazo dun mes desde a notificación da resolución de concesión, poderá comportar penalización en convocatorias posteriores para as mesmas actuacións que sexan obxecto de concesión de subvención conforme esta orde.

4. Á persoa beneficiaria das subvencións reguladas nestas bases seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 31. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación e, de ser o caso, no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 32. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN315A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://ceei.xunta.gal

b) Os teléfonos da devandita dirección xeral: 981 95 70 92 ou 981 95 72 58.

c) O enderezo electrónico: cei.dxiem.axudasminas@xunta.gal

d) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

e) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file