Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 4 de abril de 2018 Páx. 18446

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de marzo de 2018 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Baiuca Verdescente.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Baiuca Verdescente, con domicilio na rúa Alfredo Brañas, 6, esc. B, 1º C, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. María de las Nieves López-Neira de la Torre, presidenta do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Baiuca Verdescente, foi constituída en escritura pública outorgada en Las Palmas de Gran Canaria o 13 de outubro de 2017, ante o notario Francisco Barrios Fernández co número de protocolo 1636, pola entidade Promotora Bayuca, S.A.U., representada para este acto por María de las Nieves López-Neira de la Torre.

Esta escritura foi aclarada por outra outorgada ante o mesmo notario, en Las Palmas de Gran Canaria, o 23 de novembro de 2017, co número 1871 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 7 dos estatutos, son fins da Fundación:

– A promoción, fomento e difusión da cultura galega, considerada polo seu patrimonio arquitectónico, tradicións e historia e, especialmente, os aspectos relacionados co Camiño de Santiago e a Ruta do Románico en Galicia, dentro do ámbito territorial correspondente aos termos municipais de Silleda (Pontevedra) e Boqueixón (A Coruña).

– A cooperación ao desenvolvemento sustentable do espazo rural de Galicia e, concretamente, nos termos municipais de Silleda (Pontevedra) e Boqueixón (A Coruña), a partir dos seus propios recursos naturais, paisaxísticos, económicos e culturais. De forma xeral, fomentar a diversificación da actividade económica en consonancia con aqueles recursos e, en especial, promocionar a agricultura ecolóxica, co obxectivo de mellorar as condicións de vida no contorno.

– A atención, formación, orientación ou calquera outra forma de intervención na problemática xerada por calquera tipo de exclusión social nos contornos rurais sinalados.

– A promoción e realización de actividades de interese educativo, cultural, científico, deportivo, sanitario, de fomento da economía social, de conservación do ambiente, de promoción do voluntariado ou outras de análogo interese humano e social, no ámbito territorial descrito.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María de las Nieves López-Neira de la Torre como presidenta, Nieves de la Torre Gómez, Ramón López-Neira de la Torre e a entidade Promotora Bayuca, S.A.U. como vogais.

5. Figura Pilar Álvarez Abraido como secretaria, que non ten a condición de membro do padroado.

6. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Baiuca Verdescente, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

7. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

8. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 19 de marzo de 2018,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Baiuca Verdescente, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente e con carácter potestativo poderase interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza