Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 5 de abril de 2018 Páx. 18901

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de marzo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre a revisión do bosquexo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal Coutada da Facha, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chapela, do concello de Redondela.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día 26 de febreiro de 2018, respecto da revisión do bosquexo e elaboración da cartografía actualizada do Monte Veciñal Coutada da Facha, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chapela, do concello de Redondela (Pontevedra).

Feitos:

Primeiro. Con data do 10.7.2017 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou aprobar a revisión do bosquexo do monte veciñal Coutada da Facha, clasificado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chapela (Redondela), segundo a proposta ditada polo Servizo de Montes e a planimetría que o acompaña. O dito acordo notificouse a todas e cada unha das partes interesadas e publicouse no DOG núm. 195, do 26 de setembro de 2017.

A revisión do bosquexo do monte Coutada da Facha realizouse exclusivamente do límite oeste no que limita con propiedades particulares.

Segundo. Logo da exposición pública, recíbense as alegacións de varios particulares e da Asociación de Propietarios de Teis e Chapela.

Terceiro. A revisión do bosquexo ten que cumprir o establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que establece:

«1. Os bosquexo de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas da comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais, que, en todo caso, se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se no procedemento de revisión ou marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivo do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudir á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia».

Cuarto. Unha vez revisada a documentación que achegan as persoas afectadas, detéctanse os seguintes propietarios que acreditan predios mediante certificado do Rexistro da Propiedade de Redondela dentro da revisión do bosquexo do monte veciñal de Chapela:

Propietarios

Nome

Folio

Libro

Tomo

CRUN

*Predio

Mª Dolores Pereira Couto e José Manuel Alonso González

Coutada de Partillas

146

196

449

36009000233505

38

Mª Dolores Pereira Couto e José Manuel Alonso González

Coutada de Partillas

177

195

446

36009000222233

26

Enrique Alonso Cabaleiro

Coutada da Herencia

175

126

313

36009000369112

17

Alfonso Cabaleiro Durán, representante de Luz Divina Durán Lago

Toxeira Coutada do Carro ou Carabillón

95

177

414

36009000218557

5

Alberto Pérez Abreu

Coutada de Partillas

150

171

402

36009000203362

19

Alberto Pérez Abreu

Partillas

153

171

402

36009000203379

24

* Nota. Correspondencia segundo medición topográfica realizada por Esteca 2.001, S.L. e informe de Topofor, S.L.

Por todo o exposto o Servizo de Montes propón a modificación da Resolución do 10.7.2017 unicamente no sentido de excluír da revisión do bosquexo do monte veciñal Coutada da Facha, os predios inscritos Rexistro da Propiedade de Redondela descritos no punto terceiro e segundo a planimetría que se xunta.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do bosquexo do monte veciñal de Coutada da Facha (Redondela) e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal Coutada da Facha, clasificado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chapela (Redondela), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría que o acompaña, e que modifica a de data do 10.7.2017 nos termos anteriormente indicados.

Pontevedra, 20 de marzo de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra