Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 9 de abril de 2018 Páx. 19240

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 22 de marzo de 2018 pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia.

O Xurado de Expropiación de Galicia foi creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Louga), que o identifica como o órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma de Galicia especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial, actuando no cumprimento das súas funcións con plena autonomía funcional. Esta mesma consideración mantense no artigo 11 da lei actualmente vixente, Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que derroga e substitúe a anterior.

O desenvolvemento normativo regulamentario recóllese no Decreto 223/2005, do 16 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia, plenamente vixente, que, entre outros aspectos, establece, no seu artigo 1, a natureza e as funcións deste órgano.

O artigo 4.7 do citado regulamento establece, respecto da composición do xurado, que os distintos organismos, entidades e colexios profesionais proporán, cada un deles, un representante que actuará como vogal titular. Así mesmo, queda prevista a designación, do mesmo xeito, dun vogal suplente que actuará en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa que imposibilite a asistencia daquel titular.

O artigo 4.8 do citado regulamento di que os vogais a que se refire o parágrafo anterior, poderán ser substituídos polas entidades, organizacións e asociacións que os designasen, e que os así nomeados permanecerán no seu cargo, como máximo, polo tempo que lle restase ao substituído para o cumprimento do seu mandato.

En virtude da Orde do 18 de febreiro de 2013 (publicada no DOG do día 8 de marzo) pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia realizouse o nomeamento de vogais, titular e suplente, en representación do Colexio de Enxeñeiros de Montes.

Con data do 5 do febreiro de 2018, o dito colexio profesional e polo período que lle corresponde por tempo de mandato, presentou unha solicitude cunha proposta de nomeamento de representantes do citado colexio profesional, dado que os anteriores nomeamentos estaban xa vencidos.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

Noméanse as persoas que se relacionan no anexo como vogais do Xurado de Expropiación de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

ANEXO

Vogais do Xurado de Expropiación de Galicia, segundo o disposto no artigo 4.2, letra f) do Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

1. En representación do Colexio de Enxeñeiros de Montes:

Titular: Juan Fernández Conti.

Suplente: Verónica Rodríguez Vicente.