Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 11 de abril de 2018 Páx. 19732

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

EXTRACTO da Orde do 3 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2018 das axudas para o pagamento por compromisos silvoambientais e climáticos e de conservación de bosques, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

BDNS (Identif.): 393425.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bsnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poden ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e as persoas xurídicas sen ánimo de lucro, cando sexan propietarias, arrendatarias ou xestoras de terreos forestais, así como as comunidades de montes veciñais en man común.

2. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias as persoas e entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, nin as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2018 da aplicación das axudas correspondentes ás operacións da submedida 15.1: Pagamento por compromisos silvoambientais e climáticos (procedemento MT805A).

Estas axudas consisten nun pagamento anual por hectárea, durante un período de 6 anos, para compensar as persoas beneficiarias que se comprometan voluntariamente a levar a cabo operacións consistentes en cumprir un ou varios compromisos silvoambientais e climáticos pola totalidade ou parte dos custos adicionais e as perdas de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos.

2. Esta axuda ampárase no artigo 34 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e que derroga o Regulamento (CE) 698/2005 do Consello. Ampárase no Programa de desenvolvemento rural 2014-2020, dentro da medida 15: Servizos silvoambientais e climáticos e conservación dos bosques.

3. As axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras teñen unha dobre finalidade: por unha banda, a conservación e recuperación do bosque natural, substituíndo as formacións existentes de eucaliptais por formacións nativas e, por outra, a mellora do estado de conservación das zonas de turbeiras e queirogais húmidos, coa eliminación de plantacións de eucaliptos.

Terceiro. Bases reguladoras

Para outorgar e executar estas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural.

– Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas.

– Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, polo que se establecen as normas da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciban pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural ou pagamentos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola.

– Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello.

– Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello.

– Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) 352/78, (CE) 165/94, (CE) 2799/98, (CE) 814/2000, (CE) 1290/2005 e (CE) 485/2008 do Consello.

– Regulamento (UE) 2017/2393 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2017, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1305/2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); (UE) 1306/2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común; (UE) 1307/2013, polo que se establecen normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da política agrícola común; (UE) 1308/2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, e (UE) 652/2014, polo que se establecen disposicións para a xestión dos gastos relativos á cadea alimentaria, á saúde animal e ao benestar dos animais, e relativos á fitosanidade e aos materiais de reprodución vexetal.

– Regulamento delegado (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade.

– Regulamento de execución (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

– Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

– Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017, que modifica o Regulamento de execución (UE) 809/2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

– Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Cuarto. Contía

A axuda consiste nunha prima por hectárea de superficie na cal se realiza un cambio de especie ou se elimina o eucalipto, segundo o caso. O importe anual consiste nunha prima de 500 €/ha durante os cinco primeiros anos e de 200 €/ha durante o sexto ano.

Quinto. Prazo para presentar a solicitude

O prazo para presentar a solicitude única comezará a contar o día da entrada en vigor desta orde e finalizará o 30 de abril de 2018, ambos incluídos.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio