Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 11 de abril de 2018 Páx. 19704

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 3 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2018 das axudas para o pagamento por compromisos silvoambientais e climáticos e de conservación de bosques, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

A Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre, creou unha rede ecolóxica europea denominada Natura 2000, que constitúe un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. A Rede Natura 2000 está composta polos lugares de importancia comunitaria (en diante, LIC) ata a súa transformación en zonas especiais de conservación (en diante, ZEC), polas ditas ZEC e polas zonas de especial protección para as aves (en diante, ZEPA).

Mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia declaráronse ZEC os 59 LIC existentes en Galicia e aprobouse o seu correspondente instrumento de xestión. O Plan director da Rede Natura 2000 inclúe os obxectivos de conservación dos lugares e as medidas apropiadas para mantelos nun estado de conservación favorable. Para isto, o plan clasifica as ZEC e ZEPA en tres grupos de tipoloxía afín: a) área litoral, b) humidais e corredores fluviais e c) área de montaña, agrupando os obxectivos e medidas propostas en distintas prioridades para cada un destes grupos.

Concretamente, o seu artigo 57.3 regula que as superficies arborizadas que, no momento da entrada en vigor do plan, estean poboadas con especies forestais alóctonas poderán seguir sendo explotadas en sucesivas quendas sempre e cando non se realicen cambios de especie, salvo cando os ditos cambios supoñan unha transformación de eucaliptais en piñeirais ou cando, tras a súa rexeneración, se creen masas de frondosas do anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes. As ditas masas poderán ser rexeneradas de forma natural ou mediante unha repoboación.

Aínda que o mantemento do eucalipto está permitido naqueles terreos onde exista, o Plan director recolle en diferentes puntos do seu articulado recomendacións para o seu cambio. Así, no seu artigo 65 establécese como directriz para a zona I ou área de protección que se fomentará a conservación e recuperación do bosque natural, substituíndo as formacións existentes de especies alóctonas por formacións nativas. Esta premisa recóllese, así mesmo, nas directrices da área de conservación (zona II).

Tamén o seu artigo 14.1 recolle dentro dos obxectivos para as áreas de montaña das ZEC o de potenciar a conectividade ecolóxica das ditas áreas co fin de previr a perda de biodiversidade, facilitar o intercambio xenético e o desprazamento das especies da fauna e flora e, máis concretamente, mellorar a conectividade e permeabilidade dos hábitats boscosos, establecendo mecanismos para reducir a súa fragmentación.

Por outra banda, os complexos de turbeiras e queirogais húmidos presentan unha grande importancia ecolóxica e desempeñan un papel importante na mitigación do cambio climático ao seren considerados como un dos maiores reservorios de carbono, por absorber e almacenar biomasa forestal.

Estes hábitats son os que máis sufriron os efectos negativos das actividades humanas a través dos distintos aproveitamentos, entre eles as plantacións forestais.

O Plan director da Rede Natura 2000 establece no seu artigo 44.2, entre os obxectivos de conservación, o fomento do mantemento dun estado de conservación favorable das turbeiras de cobertoira, turbeiras altas e matogueiras húmidas. No punto 3.d) establece como actuación susceptible de xerar un estado de conservación favorable destes hábitats a súa restauración nas zonas onde foron degradados debido ás plantacións forestais.

O artigo 34 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello regula a concesión de axudas para cubrir a totalidade ou parte dos custos adicionais ou perdas de ingresos como consecuencia da adopción voluntaria de compromisos silvoambientais e climáticos.

Ao abeiro deste artigo, o Programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020 incorporará mediante decisión de execución da Comisión a submedida 15.1 «Pagamento de axudas por compromisos silvoambientais e climáticos». Con esta medida apóiase a eliminación de especies alóctonas do xénero Eucalyptus sp. para, por un lado, fomentar a rexeneración con especies autóctonas que constitúen hábitats de interese comunitario e, por outro, preténdese a mellora de turbeiras e queirogais húmidos, co que se lograría a mellora do estado de conservación deste tipo de hábitats.

O que se pretende con estas axudas é dar resposta ao Plan director da Rede Natura 2000 e mellorar o estado de conservación de hábitats do anexo I da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

O réxime xeral das axudas e subvencións na nosa comunidade autónoma establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario, a normativa principal está representada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

O Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, modificado en última instancia polo Decreto 177/2016, do 15 de decembro, sinala no seu artigo 12 que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos e a súa preservación para as xeracións futuras e, en particular, atribúelle no parágrafo 1, letra f) a conservación específica dos espazos que compoñen a Rede galega de espazos protexidos e a Rede Natura 2000 de Galicia ou outras zonas de alto valor ambiental, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

Así mesmo, estas axudas están recollidas no artigo 37 do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e foron comunicadas por España á Comisión Europea e publicadas na páxina web da Comisión coa clave SA.43481 (2015/XA).

De acordo co anteriormente exposto, respectando os contidos da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, en concordancia co disposto no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2018 da aplicación das axudas correspondentes ás operacións da submedida 15.1: Pagamento por compromisos silvoambientais e climáticos (procedemento MT805A).

Estas axudas consisten nun pagamento anual por hectárea, durante un período de 6 años, para compensar as persoas beneficiarias que se comprometan voluntariamente a levar a cabo operacións consistentes en cumprir un ou varios compromisos silvoambientais e climáticos, pola totalidade ou parte dos custos adicionais e as perdas de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos.

2. Esta axuda ampárase no artigo 34 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e que derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello. Ampárase no Programa de desenvolvemento rural 2014-2020, dentro da medida 15: Servizos silvoambientais e climáticos e conservación dos bosques.

3. As axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras teñen unha dobre finalidade: por un lado, a conservación e recuperación do bosque natural, substituíndo as formacións existentes de eucaliptais por formacións nativas e, por outro, a mellora do estado de conservación das zonas de turbeiras e queirogais húmidos, coa eliminación de plantacións de eucaliptos.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural.

– Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas.

– Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, polo que se establecen as normas da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciban pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural ou pagamentos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola.

– Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello.

– Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello.

– Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) 352/78, (CE) 165/94, (CE) 2799/98, (CE) 814/2000, (CE) 1290/2005 e (CE) 485/2008 do Consello.

– Regulamento (UE) 2017/2393 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2017, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1305/2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), (UE) 1306/2013 sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, (UE) 1307/2013 polo que se establecen normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da política agrícola común, (UE) 1308/2013 polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e (UE) 652/2014 polo que se establecen disposicións para a xestión dos gastos relativos á cadea alimentaria, á saúde animal e ao benestar dos animais, e relativos á fitosanidade e aos materiais de reprodución vexetal.

– Regulamento delegado (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade.

– Regulamento de execución (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

– Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

– Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017, que modifica o Regulamento de execución (UE) 809/2014 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

– Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poden ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e as persoas xurídicas sen ánimo de lucro, cando sexan propietarias, arrendatarias ou xestoras de terreos forestais, así como as comunidades de montes veciñais en man común.

2. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias as persoas e entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, nin as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Réxime e principios de aplicación

1. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados nesta orde e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, tal e como se establece no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

3. Conforme o anterior e o artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, esta orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: http://cmaot.xunta.gal/axudas-e-subvencions.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Considéranse subvencionables as perdas de ingresos e custos adicionais derivados dos compromisos adquiridos en relación coas seguinte actividades:

a) Substitución de eucaliptos por frondosas (Quercus spp. e Betula alba).

b) Eliminación de eucaliptos en zonas de turbeira e queirogais húmidos.

2. A superficie subvencionable aparecerá recollida como de uso forestal no Sixpac.

a) No caso de substitución de eucaliptos por frondosas, debe estar plantada con eucaliptos polo menos nunha porcentaxe do 50 % do recinto Sixpac, cunha densidade mínima de 500 plantas/hectárea. A superficie mínima obxecto de axuda será se 1.000 m2.

b) No caso de eliminación de eucaliptos en zona de turbeiras e queirogais húmidos, debe estar plantada nunha porcentaxe do 30 % do recinto Sixpac, cunha densidade mínima de 100 plantas/ha. A superficie mínima obxecto da axuda será de 1.000 m2.

3. Non se considera subvencionable a substitución de eucaliptos naqueles terreos que teñan a consideración de terreo agrícola, aqueles que fosen implantados sen a preceptiva autorización ou aqueles que estean dentro do período de mantemento dunha medida de forestación.

4. As actuacións obxecto da subvención deberanse axustar á lexislación vixente e, en particular, a persoa interesada deberá contar coas licenzas e autorizacións preceptivas que sexan exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vinculadas ou dependentes delas ao abeiro da normativa sectorial que puider resultar de aplicación. No caso de ser aprobada, a actuación entenderase autorizada no ámbito da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

5. En ningún caso serán subvencionables aquelas actuacións que xa foron obxecto de financiamento con cargo ao PDR 2007-2013 ou PDR 2014-2020, salvo que transcorresen máis de 5 anos desde o último pagamento.

6. Non serán subvencionables os gastos anteriores á solicitude de axuda.

Artigo 6. Compromisos específicos

A persoa ou entidade beneficiaria das axudas deberá asumir os seguintes compromisos:

1. No caso de substitución de eucaliptos por frondosas (Quercus spp. e Betula alba):

a) Realizar o cambio de especie na superficie comprometida. No caso de non considerar procedente unha rexeneración natural, a nova plantación, unha vez realizada a corta de especies forestais alóctonas, producirase no prazo dun ano desde a concesión da axuda.

b) Se na plantación alóctona existise unha cuberta procedente de rexeneración natural o suficientemente densa e adecuada ás condicións do lugar, realizaranse os traballos tendentes a súa mellora e consolidación.

c) Utilizaranse as especies autóctonas arbóreas máis adecuadas a cada unha das zonas, polo que a súa selección se deberá adaptar ás condicións ambientais e climáticas do lugar. Así, deberán ser especies adaptadas ao cotorno local, entendendo como tales as que consigan un estado vexetativo adecuado, acadando os obxectivos para os cales foron elixidas.

d) O material reprodutivo forestal terá unha procedencia coñecida ou de garantía para asegurar o crecemento adecuado da nova masa e evitar a contaminación xenética das masas próximas.

e) Ao realizar as cortas, deixarán en pé, se as houbese, as árbores de especies autóctonas que formen bosquetes, incluíndo os pés vellos, mortos, secos e derrubados. Este labor débese realizar dentro dos límites adecuados de risco fitosanitario ou de incendios.

f) A persoa beneficiaria estará obrigada a protexer e coidar a plantación e/ou rexeneración polo menos durante o período durante o cal se pague a prima. Isto incluirá os traballos silvícolas que resulten necesarios.

g) A conveniencia da rexeneración natural ou da plantación de especies, así como das especies seleccionadas, serán avaliadas polos servizos provinciais de Conservación da Natureza xunto coas solicitudes.

2. No caso de eliminación de eucaliptos en zonas de turbeira e queirogais húmidos:

a) A eliminación do eucalipto realizarase de forma manual, con saca de madeira por medio de tractor con remolque forestal a media carga e eliminación dos restos tamén por medios manuais, co obxectivo de reducir ao mínimo a compactación orixinada polos traballos de explotación, así como a formación de rodadas que poidan favorecer os procesos erosivos. Non se poderá realizar a queima dos restos de biomasa na zona de turbeira e/ou queirogal húmido.

b) Unicamente se considerara compatible o pastoreo rotacional, non intensivo, polo que se evitará a carga gandeira excesiva e/ou longos períodos de pastoreo, permitindo o adecuado equilibrio botánico, a conservación edafolóxica e a procura da persistencia do hábitat (considerarase unha carga gandeira máxima de 2 UGM/ha).

c) Aplicaranse prácticas de xestión sustentable na rexeneración natural: rozas manuais selectivas executadas temporalmente de forma que non interfiran nos momentos sensibles dos ciclos biolóxicos das diferentes especies de interese nestes hábitats e que permitan a eliminación das especies invasoras na procura dun adecuado control da composición botánica tanto cualitativa como cuantitativa. Estas actuacións débense realizar polo menos durante o período durante o cal se pague a prima.

Artigo 7. Duración dos compromisos

1. Os compromisos contraeranse por un período máximo de 5 anos, que se poderá prorrogar por un ano máis.

Artigo 8. Ámbito territorial

O ámbito de aplicación destas axudas será o seguinte:

1. No caso de substitución de eucaliptos por frondosas (Quercus spp. e Betula alba): zonas I e II das ZEC das áreas de montaña establecidas no artigo 14 do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000.

2. No caso de eliminación de eucaliptos en zonas de turbeira e queirogais húmidos: zonas nas cales existan hábitats de turbeira e/ou queirogais húmidos da Rede Natura 2000.

Artigo 9. Importe da axuda

A axuda consiste nunha prima por hectárea de superficie na cal se realiza un cambio de especie ou se elimina o eucalipto, segundo o caso. O importe anual consiste nunha prima de 500 €/ha durante os 5 primeiros anos e de 200 €/ha durante o sexto ano.

Artigo 10. Solicitudes e prazo de presentación

1. As persoas ou entidades deberán presentar, tanto para a solicitude da axuda como para o seu pagamento, unha solicitude única de acordo co establecido na Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 30, do 12 de febreiro de 2018).

2. A presentación da solicitude única realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Os solicitantes poderán optar por:

a) Realizar persoalmente a súa solicitude, para o cal precisan dispor dun certificado dixital con vixencia.

b) Realizar a solicitude a través das entidades colaboradoras asinantes dun convenio para tal efecto co Fogga.

3. O prazo de presentación da solicitude única comezará a contar o día da entrada en vigor desta orde e finalizará o 30 de abril de 2018, ambos inclusive. A súa presentación será conforme o estipulado no artigo 10 da orde indicada no punto 1 deste artigo.

4. A solicitude única poderá ser modificada de acordo co artigo 13 da dita Orde do 6 de febreiro de 2018.

5. No suposto de que nalgún dos anos de duración dos compromisos non se presentase a solicitude anual de axuda, non se aboará a axuda correspondente a ese ano, aínda que poderá manterse vixente o compromiso asumido, sempre que non se teña verificado o incumprimento dalgún dos requisitos para ser persoa beneficiaria e/ou as condicións de admisibilidade.

6. Se a persoa beneficiaria non solicitou a axuda anual e/ou solicitándoa non a percibiu por incumprimento dalgún ou varios dos compromisos ou por aplicación das reducións do sistema integrado de xestión e control, en dous ou máis anos do total de anos comprometidos, a axuda resolverase rescindindo o antedito compromiso. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá reintegrar os importes anteriormente percibidos pola dita axuda cos xuros de demora correspondentes, salvo nos supostos recollidos no artigo 47 do Regulamento (UE) 1305/2013.

Artigo 11. Documentación necesaria

1. As persoas interesadas deberán presentar, xunto coa solicitude única, a seguinte documentación:

• Acreditación, de ser o caso, da persoa representante que figure na solicitude por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• No caso de persoas arrendatarias, documento que acredite esa condición e certificación da persoa propietaria da dispoñibilidade dos terreos.

• No caso de comunidades de montes veciñais en man común, certificación do acordo da asemblea xeral conforme se autoriza a xunta reitora para solicitar axudas.

• No caso de asociacións, acordo da xunta de goberno ou figura similar para solicitar axudas á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e documento que acredite a condición da entidade como xestora das terras para as cales se solicita a axuda (acordo de custodia, contrato de alugamento..).

• No caso de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varias persoas copropietarias, deberase acreditar o consentimento de todos/as eles/elas e a representación da persoa solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.

• Unha memoria técnica en que se indique expresamente a superficie sobre a cal solicita o compromiso. Esta memoria deberá conter, ademais, a seguinte información: a masa de eucaliptos que vai ser eliminada, superficie obxecto de actuación, densidade, forma de eliminación, así como, no caso de substitución por frondosas, identificación da/s especie/s que se vai plantar e a forma de levar a cabo a dita substitución.

• Copia do instrumento de ordenación forestal ou da certificación forestal sustentable, no caso de que as tivese.

2. Coas solicitudes as persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderanse acoller ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exíxa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para a comprobación da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para aqueles suxeitos obrigados á presentación electrónica. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. Esta documentación complementaria presentarase electronicamente empregando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a comprobación da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• NIF da persoa xurídica ou entidade solicitante.

• Documento que acredite a titularidade do terreo.

• Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

• Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda.

• No caso das comunidades de montes, comprobarase de forma interna, na Sección Provincial do Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común, a posesión dos estatutos en regra, e deberá figurar a composición da xunta reitora actualizada conforme os parámetros da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais mancomunados, e do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

• Inscrición, de ser o caso, no Rexistro de Asociacións.

2. A tramitación do procedemento regulado nesta orde require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. De conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, presumirase que a consulta ou obtención é autorizada polas persoas solicitantes, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegar os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude do pagamento da prima anual de mantemento por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con todo, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente. Entenderase denegación expresa no caso de que na solicitude única non estea marcado o recadro de dar o consentimento para a consulta de datos de estar ao día coa AEAT, coa Consellería de Facenda e coa TXSS.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio / Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Lázaro, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.cmot@xunta.gal

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos». Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda a través de correo electrónico dirixido a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal

Artigo 14. Criterios de valoración

As axudas concederanse con base nos criterios de valoración que se indican a continuación:

1. No caso de substitución de eucaliptos por frondosas (Quercus spp. e Betula alba)

a) Actuacións dirixidas á mellora do bosque atlántico da ZEC ES1110003 Fragas do Eume: 20 puntos.

b) Actuacións en zona I das ZEC: 10 puntos.

c) Porcentaxe da superficie do concello incluída na rede Natura 2000:

Maior do 60 %: 15 puntos.

Entre o 30 % e o 60 %: 10 puntos.

Menor de 30 %: 5 puntos.

d) Superficie sobre a cal se vai a realizar a substitución do eucalipto:

Maior de 15 ha: 20 puntos.

Entre 15 e 5 ha: 15 puntos.

Menor de 5 ha: 10 puntos.

e) Certificación forestal sustentable: 15 puntos.

f) Actuacións planificadas nun instrumento de ordenación: 15 puntos.

2. Eliminación de eucaliptos en zonas de turbeira e queirogais húmidos.

a) Existencia do hábitat de turbeiras (hábitats de interese comunitario 7110*, 7120, 7130, 7140, 7150, 7210*, 7220*, 7230): 20 puntos.

b) Actuacións na zona I das ZEC: 10 puntos.

c) Porcentaxe da superficie do concello incluída na Rede Natura 2000:

Maior do 60 %: 15 puntos.

Entre o 30 % e o 60 %: 10 puntos.

Menor de 30 %: 5 puntos.

d) Superficie sobre a cal se va a realizar a substitución do eucalipto:

Maior de 15 ha: 20 puntos.

Entre 15 e 5 ha: 15 puntos.

Menor de 5 ha: 10 puntos.

Artigo 15. Baremación e prioridade das solicitudes

1. As axudas solicitadas serán baremadas segundo os criterios de valoración establecidos no artigo anterior.

2. A dispoñibilidade orzamentaria asignada a esta convocatoria limitará o número de expedientes que se vaian aprobar. Neste sentido, ordenaranse as solicitudes de acordo cos criterios de valoración e aprobaranse de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

3. En caso de empate priorizaranse as solicitudes que obteñan maior puntuación na letra a) e, de continuar o empate, priorizaranse aquelas que vaian obtendo maior puntuación en cada un dos puntos seguintes.

Artigo 16. Órganos de xestión e resolución

1. Os servizos de Conservación da Natureza das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio son os encargados de verificar, no seu ámbito territorial, a conformidade das solicitudes respecto dos requisitos establecidos nesta orde e, en concreto, dos compromisos recollidos no artigo 6. Para tal fin compételles a execución da totalidade dos controis mencionados no seu artigo 29.

2. Cando en virtude do control administrativo das solicitudes o órgano instrutor observe a carencia de documentación preceptiva da indicada no artigo 11, será requirida a persoa interesada que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude.

3. Unha vez rematada a totalidade dos controis e revisada a solicitude conforme o artigo 6, os servizos de Conservación da Natureza das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio remitiranlle á Dirección Xeral de Patrimonio Natural os expedientes, xunto cun informe proposta de aprobación, nun prazo máximo de 40 días naturais, contados a partir da data límite de modificación das solicitudes. O servizo provincial xuntará co dito informe proposta unha táboa coa baremación para cada unha das solicitudes, segundo os criterios reflectidos no artigo 14 desta orde, e un informe complementario relativo a cada unha das solicitudes asinado por un/unha técnico/a competente desta consellería no cal se determinen as solicitudes que se axustan ás condicións requiridas na orde e as que non se axustan, con indicación clara da súa causa de incumprimento. Así mesmo, determinará o resultado da revisión conforme o artigo 6.

4. Os expedientes serán avaliados definitivamente por unha comisión creada para tal fin. Esta comisión será presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Espazos Naturais. Serán membros da dita comisión as persoas titulares da xefatura do Servizo de Conservación de Espazos Naturais e da xefatura da Sección de Espazos Naturais nos servizos centrais. Esta última actuará como secretaria. Auxiliará a comisión de avaliación unha persoa de perfil técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Natural designada para o efecto pola persoa titular dese órgano.

Se algunha das persoas da comisión non puidese participar nunha sesión por calquera causa, será substituída por unha persoa funcionaria da dirección xeral, designada pola persoa titular.

5. A comisión de avaliación dará traslado das súas propostas de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a quen corresponderá ditar a resolución do procedemento de acordo co disposto na disposición adicional primeira desta orde.

6. A proposta de resolución, conforme os criterios contidos no artigo 14 e as dispoñibilidades orzamentarias, fará mención das persoas solicitantes para as cales se propón a concesión da subvención e a contía desta de modo individualizado, e especificarase a súa avaliación segundo a aplicación dos criterios seguidos para efectuala. Relacionaranse as solicitudes para as cales se propoña a súa denegación, con indicación da súa causa.

Artigo 17. Resolución

1. O prazo para resolver será de sete meses desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Transcorrido o prazo para resolver sen que a persoa interesada recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Na resolución que se dite especificaranse o importe do pagamento compensatorio e as condicións xerais e particulares dos compromisos. As persoas beneficiarias serán informadas de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado co Feader, na submedida 15.1 do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Informaráselles igualmente das súas responsabilidades de publicidade segundo o establecido no anexo III do Regulamento de execución (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013, e co disposto na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014_2020 de Galicia.

4. A resolución ditarase de conformidade co disposto nesta orde e na lexislación vixente en materia de subvencións e deberá recoller a prioridade a que vai dirixida a axuda. Constará, ademais, da persoa solicitante ou relación de solicitantes aos/ás cales se lles concede a axuda, de maneira expresa e, de ser o caso, a desestimación do resto das solicitudes.

Artigo 18. Recursos

1. A resolución ditada porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditase, ou ben poderá ser impugnada directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, conforme dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa ditada resolución expresa ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

2. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes, se o acto fose expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fose expreso, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do recurso será dun mes. Contra a resolución do recurso de reposición non se poderá interpor de novo o dito recurso.

5. Poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución é expresa.

Artigo 19. Publicidade, transparencia e bo goberno

1. A relación das subvencións concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia coa indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Notificación da resolución

1. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A notificación realizarase conforme o artigo 45 da dita lei, mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Nesta publicación especificarase o texto íntegro da resolución, así como a indicación das causas da desestimación, e expresarán, ademais, se pon fin ou non á vía administrativa e os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para os interpor.

Artigo 21. Aceptación e renuncia das resolucións das solicitudes de axudas

1. As persoas beneficiarias das axudas reguladas na presente orde disporán de 10 días hábiles parar renunciar a súa concesión sen incorrer nas causas de infraccións ou sancións que se mencionan no artigo 31. Unha vez transcorrido o dito prazo, e independentemente dos recursos administrativos que, de ser o caso, se puidesen interpor conforme o indicado no artigo 18, consideraranse conformes cos termos establecidos na resolución.

2. Sen prexuízo do indicado no artigo seguinte sobre as circunstancias excepcionais ou de forza maior, a renuncia fóra do prazo establecido no número anterior implicará a devolución de todas as axudas percibidas incrementadas nos xuros de mora correspondentes en materia de subvencións segundo o regulado no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

3. Mentres existan solicitantes que cumpran cos requisitos para beneficiarse das axudas en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo 14, e en función das novas dispoñibilidades orzamentarias derivadas das renuncias que, de ser o caso, poidan ser presentadas polas persoas beneficiarias, poderanse ditar novas resolución aprobatorias das axudas.

Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento poderanse presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante.

A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica da documentación, esta tamén se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 23. Causas de forza maior eximentes dos compromisos

1. Poderase recoñecer a existencia de causas de forza maior ou de circunstancias excepcionais xustificativas do non cumprimento dos compromisos adquiridos para a percepción das axudas nos seguintes casos:

a) Falecemento da persoa beneficiaria.

b) Incapacidade profesional de longa duración da persoa beneficiaria.

c) Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

d) Calamidades naturais graves que afecten seriamente a superficie forestal.

e) Enfermidade vexetal que afectase unha parte ou a totalidade do cultivo.

2. As ditas circunstancias deberánselle notificar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, con achega das probas pertinentes, no prazo de dez días hábiles a partir do momento en que a persoa beneficiaria ou a persoa que legalmente teña a súa representación estea en situación de facelo.

Artigo 24. Transferencia dos compromisos

1. De acordo co establecido no artigo 8 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao Sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, cando despois de presentarse unha solicitude de axuda ou de pagamento e antes de que se cumprisen todas as condicións para a súa concesión, unha explotación sexa cedida por unha persoa beneficiaria a outra na súa totalidade, non se concederá ningunha axuda á persoa cedente en relación coa explotación cedida.

2. As axudas solicitadas pola persoa cedente concederanse á persoa cesionaria sempre que:

a) A persoa cesionaria informe a Dirección Xeral de Patrimonio Natural antes do 31 de outubro de cada ano e solicite o pagamento da axuda.

b) A persoa cesionaria presente, no mesmo prazo, o documento de cambio de titularidade da explotación.

c) Se cumpran todas as condicións para conceder a axuda respecto da explotación cedida.

3. Unha vez que a persoa cesionaria informe a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e solicite o pagamento das axudas:

a) Todos os dereitos e obrigas da persoa cedente que deriven da relación xurídica xerada pola solicitude de axuda ou a solicitude de pagamento entre a persoa cedente e a autoridade competente serán transferidos á persoa cesionaria.

b) Todas as actuacións necesarias para a concesión da axuda e todas as declaracións realizadas pola persoa cedente antes da cesión asignaránselle á persoa cesionaria para os efectos da aplicación da normativa pertinente da Unión Europea.

c) A explotación cedida considerarase, cando proceda, unha explotación independente en relación co ano de solicitude considerado.

4. Sen prexuízo do cumprimento da obriga de informar na forma e prazo indicados no punto 2 deste mesmo artigo, os pagamentos estarán supeditados á comprobación do cumprimento dos requisitos unha vez que achegue a documentación pertinente.

5. En ningún caso serán de aplicación as disposicións sinaladas neste artigo cando a transferencia só afecte unha parte da explotación.

Artigo 25. Modificación da resolucións

1. A alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou o seu falseamento e a obtención doutras subvencións ou axudas concorrentes outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e segundo o establecido na normativa que regula o seu desenvolvemento.

Artigo 26. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades non financiadas con fondos comunitarios, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos subvencionables, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 27. Pagamento

1. No que se refire aos períodos de pagamento observarase o indicado no artigo 75.1 do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento e o Consello, do 17 de decembro, e no artigo 105 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

2. As persoas beneficiarias deberán solicitar o pagamento anual da axuda aprobada a través da correspondente convocatoria da solicitude única e no prazo establecido na dita convocatoria.

3. Coa presentación da solicitude do pagamento da prima anual de mantemento asociada ás axudas por compromisos silvoambientais e climáticos e de conservación de bosques, presentarase unha declaración responsable de se perciben ou non outras axudas públicas ou privadas para a mesma finalidade segundo o modelo do anexo XII da Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

4. Os pagamentos só se poderán efectuar unha vez finalizados os controis administrativos e sobre o terreo necesarios para verificar que se cumpren os compromisos adquiridos. Esta verificación será realizada polos servizos de Conservación da Natureza das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Artigo 28. Financiamento e distribución do crédito

1. As axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.541B.780.0 dos orzamentos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural por un importe de 339.000 euros para cada un dos anos 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022, e 135.600 para o ano 2023.

Aplicación orzamentaria

2018

2019

2020

2021

2022

2023

Total

07.03.541B.780.0

339.000

339.000

339.000

339.000

339.000

135.600

1.830.600

Financiarase integramente con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do 75 %, unha achega do Ministerio do Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do 7,50 % e unha achega da Xunta de Galicia do 17,50 %.

2. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar con achegas adicionais sen nova convocatoria previa tras a oportuna tramitación orzamentaria en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Controis

1. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos compromisos adquiridos. Para tal fin, o persoal dos servizos de Conservación da Natureza das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizaron os compromisos, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación consideren necesaria. En particular, con anterioridade á resolución das axudas, todas as solicitudes que cumpran os requisitos para ser concedidas serán inspeccionadas e levantarase unha acta en que conste a situación previa ao compromiso.

2. A comprobación e avaliación do cumprimento dos compromisos e obrigas axustaranse aos controis administrativos e sobre o terreo previstos na normativa comunitaria.

3. A persoa beneficiaria comprométese a someterse ás actuacións de control que, con base na normativa aplicable, sexan requiridas, entre elas ás que efectúe a entidade concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao establecido no Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

4. Non se poderá efectuar ningún pagamento sen realizar o pertinente control sobre o terreo, e será de aplicación o réxime de controis, reducións e exclusións incluídos no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2016 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

5. As persoas beneficiarias das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida, xa sexa a documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poidan exixir durante a tramitación do procedemento ou a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

6. Para os efectos de comprobación e control, as persoas beneficiarias deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, polo menos durante cinco anos desde o último pagamnto.

7. Igualmente, as persoas beneficiarias de axudas teñen a obriga de lles proporcionar á autoridade de xestión, ás persoas avaliadoras designadas ou a outros organismos nos cales a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación ao cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013. Para o cumprimento desta obriga a persoa beneficiada comprométese a autorizar ao órgano xestor destas axudas o acceso e consulta á información que se precise.

Artigo 30. Revogación e reintegro

Procederá á revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de mora, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou nas disposicións comunitarias sobre desenvolvemento rural.

Artigo 31. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, así como o procedemento previsto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Do mesmo xeito serán de aplicación neste artigo e no artigo 29 os seguintes Regulamentos:

a) Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade.

b) Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade e a modificación realizada polo Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor gastos, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Condicionalidade das axudas de pagamento por compromisos silvoambientais e de conservación de bosques

A resolución destas axudas queda supeditada á aprobación por parte da Comisión Europea dos correspondentes actos de execución para a modificación do PDR de Galicia 2014-2020.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio