Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 13 de abril de 2018 Páx. 20269

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de abril de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal médico do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O persoal médico do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña comunicou a convocatoria dunha folga que se desenvolverá entre as 8.00 horas do luns 16 de abril e as 15.00 horas do sábado 21 de abril de 2018.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada afecta o persoal médico que desempeña o seu labor profesional no Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e desenvolverase durante varias xornadas. En consecuencia, tivéronse en conta para a determinación dos servizos esenciais os seguintes factores: o risco para as pacientes, a conseguinte afectación da folga á actividade asistencial e o volume de poboación atendida no citado servizo e ámbito. Por iso, deben manterse os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible ás pacientes hospitalizadas, así como a atención que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E ao propio tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, determinan que para a fixación dos servizos mínimos se adopten os seguintes criterios reitores:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

– Hospital de día.

2. Cobertura da actividade cirúrxica das pacientes, tanto hospitalizadas como ambulatorias, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

3. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente ás pacientes hospitalizadas e as altas clínicas.

4. No ámbito da consulta, así como das interconsultas das pacientes hospitalizadas que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, no criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables, tanto das pacientes oncolóxicas que requiran tratamento citostático como das pacientes desprazadas.

5. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes, e as que se refiren ás pacientes hospitalizadas que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as das pacientes con neoplasias malignas.

6. Garantirase a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

7. Outras áreas de traballo: establecerase con carácter xeral un número equivalente aos domingos ou festivos.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola Xerencia de Xestión Integrada da Coruña e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta resolución recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos/das usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Área actividade

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Cobertura do 100 % da actividade urxente

2

2

2

Área cirúrxica

2

-

-

Área de hospitalización

2

-

-

Área de consultas

2

-

-

Área de probas

1

-

-