Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 13 de abril de 2018 Páx. 20339

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2018 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes desta axencia para o curso 2018/19.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública, o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Socias e se aproban os seus estatutos, establece na súa disposición adicional primeira que esta asumirá desde a súa posta en funcionamento as competencias atribuídas en materia de xestión de escolas infantís á Dirección Xeral de Familia e Inclusión. A nova entidade subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das súas competencias.

Na súa disposición transitoria primeira, o dito decreto establece, non obstante, que a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión desenvolverá transitoriamente e pola súa propia condición as funcións que corresponden ao/á director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais ata o nomeamento deste/a a través do procedemento recollido nestes estatutos.

Así mesmo, na mesma disposición establécese que a través das xefaturas territoriais poderán seguirse realizando os labores de apoio para a xestión dos centros da Axencia Galega de Servizos Sociais no seu ámbito territorial, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

O Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúelle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Pola súa vez, a Xunta de Galicia, no marco das políticas de apoio á familia e á infancia, e en atención ás necesidades do persoal ao servizo da Administración autonómica con responsabilidades familiares, manifestadas polas organizacións sindicais que o representan, pon á súa disposición un conxunto de prazas públicas en diferentes cidades da Comunidade Autónoma para a atención dos seus fillos e fillas menores de 3 anos.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o Decreto 40/2014, do 20 de marzo,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, para o curso 2018/19, o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia en escolas infantís da localidade onde presta servizos (código BS402B). As ditas escolas infantís son as seguintes:

a) Escola infantil de Vite en Santiago de Compostela.

b) Escola infantil Santa María de Oza na Coruña.

c) Escola infantil Catabois en Ferrol.

d) Escola infantil Sagrado Corazón en Lugo.

e) Escola infantil Antela en Ourense.

f) Escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra.

g) Escola infantil A Estrela do Complexo Administrativo de Vigo.

2. Para os efectos desta resolución, considérase persoal da Xunta de Galicia o persoal que presta servizos na Presidencia, nas consellerías e nas entidades instrumentais do sector público autonómico, aínda no caso de que pasen a desempeñar postos en novas entidades con carácter de axencias ou entes públicos empresariais.

Artigo 2. Requisitos para ser persoa adxudicataria

Serán requisitos imprescindibles para ser persoa adxudicataria de praza nas escolas infantís 0-3 obxecto desta resolución:

a) Que o neno ou a nena xa nacese no momento de presentación da solicitude e sexa fillo ou filla ou estea en situación legal de acollemento por parte do persoal da Xunta de Galicia que preste servizo nos servizos centrais e o persoal dos servizos periféricos que preste os seus servizos nas xefaturas territoriais da Coruña con sede nesta cidade ou na cidade de Ferrol, nas xefaturas territoriais de Lugo, nas xefaturas territoriais de Ourense e nas xefaturas territoriais da provincia de Pontevedra con sede nesta cidade ou na cidade de Vigo.

b) Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso na escola infantil na cal obteña praza e non teña cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2018.

c) Estar ao día no pagamento das cotas polos servizos recibidos na data de presentación da solicitude, respecto daquelas familias que xa escolarizasen un fillo ou filla no mesmo centro ou en calquera outro centro da rede pública.

Artigo 3. Calendario e horario de apertura das escolas

1. Calendario.

1.1. Nas escolas infantís 0-3 ás cales se refire esta resolución o curso escolar dará comezo o día 5 de setembro de 2018.

Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e o 24 e 31 de decembro de 2018.

1.2. O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de 11 meses dentro do período comprendido entre setembro de 2018 e agosto de 2019.

En casos excepcionais e debidamente xustificados poderase admitir a asistencia os 12 meses do ano. En tales circunstancias deberase formular a correspondente solicitude cunha antelación mínima dun mes, agás causas sobrevidas que o impidan, que será estudada e, de ser o caso, autorizada pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais respecto do persoal dos servizos centrais e pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente no resto dos casos. A ausencia de resposta no prazo de 10 días suporá a desestimación da solicitude.

1.3. No Nadal, no período comprendido entre o 26 e o 28 de decembro de 2018 e na Semana Santa, no comprendido entre o 15 e o 17 de abril de 2019, abrirá un só centro da Axencia Galega de Servizos Sociais por localidade.

Así mesmo, durante o mes de agosto abrirá igualmente un centro por localidade sempre que exista unha demanda igual ou superior a 15 alumnos/as.

Nestes períodos o seu peche diario efectuarase ás 17.00 horas.

A admisión do neno ou da nena durante os períodos anteriores estará condicionada á xustificación baseada en motivos laborais ou de saúde.

As escolas que permanezan abertas durante os períodos vacacionais de Nadal e Semana Santa serán as que abran no mes de agosto, agás que as ditas escolas fosen obxecto dun peche temporal por obras ou por calquera outra continxencia.

A apertura das escolas infantís obxecto desta resolución nos períodos anteriormente citados estará condicionada pola súa participación no sistema de quendas que se establecerá para estes efectos entre as escolas de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais nas respectivas localidades.

2. Horario.

A permanencia do alumnado no centro será con carácter xeral dun máximo de 8 horas diarias, coincidentes co horario laboral da persoa solicitante, agás causas excepcionais e convenientemente xustificadas, que serán estudadas pola comisión de valoración a que se refire o artigo 10.

Artigo 4. Prestacións

1. As persoas solicitantes poden optar por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, agás circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

2. O horario para o alumnado que opte pola modalidade de servizo prevista na letra b) do punto anterior será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.

3. Os nenos e nenas que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos sempre que se solicite ante a dirección do centro con antelación suficiente e se aboe o prezo estipulado.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas poderán solicitar praza do seguinte xeito:

1.1. Renovación de praza.

1.1.1. Para a renovación da praza do alumnado escolarizado durante o curso 2017/18, presentarase o modelo oficial de solicitude segundo o anexo I, que estará dispoñible no enderezo electrónico https://sede.xunta.gal.

1.1.2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Anexo II relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

No caso de se produciren cambios que afecten a unidade familiar e que poidan incidir no cálculo da renda desta achegarán aqueles documentos que os xustifiquen.

1.2. Novo ingreso.

1.2.1. As solicitudes de novo ingreso presentaranse segundo o modelo oficial establecido (anexo I), marcando a opción que corresponda.

Os impresos estarán dispoñibles no enderezo electrónico https://sede.xunta.gal.

1.2.2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Copia do libro de familia ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) Certificado do grao de discapacidade e/ou de dependencia do neno ou da nena para quen se solicita praza, se é o caso, cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Informe sobre a necesidade de integración na escola infantil, acreditada por un equipo de valoración e orientación da Consellería de Política Social, no caso dos nenos e das nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

e) Copia da resolución administrativa de acollemento ou de garda con fins adoptivos cando estean formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.

f) Se procede, outros documentos en que consten incidencias sociofamiliares, computables no baremo:

1º. Xustificante de ocupación actualizada da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

2º. Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais ou certificado administrativo de monoparentalidade expedido por outra comunidade autónoma.

3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Cando se produzan variacións de ingresos que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos que figuren na declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) correspondente ao ano 2016 deberán comunicarse e presentarse os documentos que acrediten oficialmente a situación económica.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. A información relativa ao procedemento poderase consultar na páxina web: https://www.sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, así como nos teléfonos:

012

981 18 57 55

982 29 43 54

988 38 65 95

986 81 77 04

981 95 70 29

981 54 56 66

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento regulado nesta resolución, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) correspondente ao ano 2016 da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

c) Situación física do posto de traballo do Rexistro Central de Persoal da Dirección Xeral de Función Pública da Consellería de Facenda.

2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso, consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Grao de discapacidade e/ou de dependencia do neno ou da nena para quen se solicita praza recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou da nena para quen se solicita praza formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Situación de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Familia numerosa recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os correspondentes documentos acreditativos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de renovación de praza e de novo ingreso coa documentación requirida presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

2. O prazo de presentación de solicitudes, tanto de renovación de praza como de novo ingreso, será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Admitiranse, con carácter excepcional, as solicitudes fóra do prazo establecido no punto 2 deste artigo nos seguintes casos:

a) Nacemento, acollemento ou adopción da nena ou do neno con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

b) Cambio de concello de destino da persoa solicitante.

c) Outras circunstancias que motivadamente aprecie a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais ou da xefatura territorial que corresponda en función da localidade de prestación de servizos da persoa solicitante.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir acompañadas coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade do neno ou da nena no centro onde se solicita a praza.

4. Todos os trámites que as persoas interesadas deben realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Instrución do procedemento

A Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación e os servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, como órganos responsables da tramitación dos expedientes, en aplicación do Decreto 40/2014, do 20 de marzo, comprobarán que estes reúnen os requisitos recollidos nesta resolución. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Os servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo e a Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos e a súa debida acreditación documental que coiden precisos para a máis eficaz realización da súa función.

Artigo 9. Valoración das solicitudes e baremo de admisión

1. No caso de que a demanda de prazas sexa superior á oferta, aplicaráselle a todas as solicitudes de novo ingreso un procedemento de valoración en función do baremo que a continuación se especifica:

1.1. Criterios económicos.

Para a aplicación dos criterios económicos recollidos neste punto tomarase como base a renda per cápita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, calculada de acordo coas regras e definicións recollidas no artigo 4 do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

A puntuación neste punto outorgarase en función do nivel de renda da unidade familiar de acordo cos seguintes tramos:

a) Inferior ao 50 % do IPREM: 4 puntos.

b) Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: 3 puntos.

c) Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: 2 puntos.

d) Igual ou superior ao 100 % do IPREM: 1 punto.

1.2. Criterios sociofamiliares.

A puntuación nesta epígrafe outorgarase en función das variables sociofamiliares seguintes:

a) Por ocupación laboral da nai, titora ou acolledora: 2 puntos.

b) Por ocupación laboral do pai, titor ou acolledor: 2 puntos.

c) Por familia numerosa: 2 puntos.

d) Por familia monoparental: 2 puntos.

e) Outras circunstancias sociofamiliares susceptibles de valoración a xuízo da comisión de valoración: ata 2 puntos.

2. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o citado baremo. Para estes efectos, todas as circunstancias ou feitos alegados acreditaranse documentalmente. No caso de obter igual puntuación terán preferencia as solicitudes de atención educativa con servizo de comedor e xornada completa e tras a aplicación deste criterio daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

3. Orde de prelación na adxudicación das prazas.

3.1. Con carácter xeral, terán preferencia na adxudicación os e as solicitantes con irmán ou irmá con praza adxudicada, de renovación ou de novo ingreso, no centro para o cal se solicita praza, así como os nenos e as nenas con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.

3.2. Nas escolas infantís de Santa Mª de Oza e de Catabois, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:

1º. Persoal da Xunta de Galicia que preste servizo nas xefaturas territoriais da Coruña con sede nesta cidade e na cidade de Ferrol, respectivamente.

2º. Persoal de servizos das xefaturas territoriais da Coruña con sede nesta cidade e na cidade de Ferrol, respectivamente.

3.3. Na escola infantil Sagrado Corazón de Lugo, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:

1º. Persoal da Xunta de Galicia que preste servizo nas xefaturas territoriais de Lugo con sede en dita cidade.

2º. Persoal de servizos da xefaturas territoriais de Lugo con sede na dita cidade.

3.4. Na escola infantil Antela de Ourense, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:

1º. Persoal da Xunta de Galicia que preste servizo nas xefaturas territoriais de Ourense con sede nesta cidade.

2º. Persoal de servizos das xefaturas territoriais de Ourense con sede nesta cidade.

3.5. Nas escolas infantís do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra e do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:

1º. Persoal da Xunta de Galicia con destino no Edificio Administrativo de Pontevedra ou no Complexo Administrativo de Vigo, respectivamente.

2º. Persoal da Xunta de Galicia con destino noutras dependencias distintas do Edificio Administrativo de Pontevedra ou do Complexo Administrativo de Vigo, nas súas respectivas cidades.

3º. Persoal de servizos do Edificio Administrativo de Pontevedra ou do Complexo Administrativo de Vigo e persoal traballador da Autoridade Portuaria de Vigo no caso de solicitudes presentadas para a escola infantil do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo.

No caso de que, unha vez adxudicadas as prazas reguladas nesta resolución, queden vacantes nos centros, chamarase das listas de espera das escolas infantís da Axencia Galega de Servizos Sociais das cidades de Pontevedra e Vigo respectivamente, sen que a renuncia a esta supoña a baixa na lista de espera.

Artigo 10. Comisións de valoración

1. Constituirase unha comisión de valoración para a baremación das solicitudes por cada unha das escolas infantís relacionadas no artigo 1.

2. A comisión de valoración para a escola infantil de Vite terá a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular do Servizo de Conciliación Familiar.

b) Secretario/a: unha persoa ao servizo da Administración adscrita á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

c) Vogais:

1º. Unha persoa ao servizo da Administración adscrita á Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais da Dirección Xeral da Función Pública.

2º. Unha persoa ao servizo da Administración adscrita á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

3º. A persoa titular da dirección da escola infantil 0-3 de Vite.

4º. Un/unha representante sindical da Xunta de Persoal.

5º. Un/unha representante sindical do Comité de Empresa.

3. As comisións de valoración das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social terán respectivamente a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular do Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

b) Secretario/a: unha persoa ao servizo da Administración adscrita ao Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

c) Vogais:

1º. Unha persoa ao servizo da Administración adscrita ao Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

2º. A persoa titular da dirección da escola infantil 0-3 correspondente.

3º. Un/unha representante da Xunta de Persoal.

6. Os acordos tomaranse por maioría simple e resolverá, en caso de empate, a presidencia.

Na composición das comisións de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 11. Relación provisional de persoas adxudicatarias de praza

1. Unha vez baremadas as solicitudes, as comisións de valoración emitirán un informe no cal se concrete o resultado da valoración efectuada.

A Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación elaborará e elevará a proposta de selección determinando a cota e os descontos aplicables en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 16, á persoa titular da Axencia Galega de Servizos Sociais, no caso das persoas solicitantes da escola infantil de Vite.

Os servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo elaborarán e elevarán a proposta de selección, determinando a cota e os descontos aplicables en cada caso sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 15, ás persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes, no caso das persoas solicitantes das escolas infantís de Sta. María de Oza e de Catabois, Sagrado Corazón, Antela e do Edificio Administrativo de Pontevedra e do Complexo Administrativo de Vigo.

2. As relacións provisionais de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida por cada solicitante poderanse consultar nos servizos centrais da Consellería de Política Social e da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo así como na páxina web: http://politicasocial.xunta.gal e nos respectivos centros.

Artigo 12. Reclamacións

As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos 10 días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 13. Resolución do procedemento

1. A resolución de adxudicación de prazas será ditada pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais no caso da escola infantil de Vite e polas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, por delegación da dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais, no caso das escolas infantís situadas na respectiva provincia.

Unha vez examinadas e resoltas as posibles reclamacións, as relacións definitivas de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida en cada caso faranse públicas a partir do día 31 de maio de 2018. Tales relacións exporanse nos servizos centrais da Consellería de Política Social e da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xefatura Territorial de Política Social na Coruña, Lugo, Ourense e no Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, así como na páxina web http://politicasocial.xunta.gal) e nos respectivos centros.

2. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver e notificar este procedemento será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 16. Matrícula

1. As persoas que obteñan praza disporán desde o día 1 ata o día 12 de xuño de 2018, ambos os dous incluídos, para presentar no centro onde obtivesen a dita praza o impreso de matrícula debidamente cuberto.

Nos supostos de ingreso fóra de prazo disporase de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza para a realización deste trámite.

A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realizase a persoa interesada decaerá da súa solicitude.

2. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como na páxina web: http://politicasocial.xunta.gal.

Artigo 17. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas solicitudes que non acaden a puntuación necesaria para obter praza, ordenadas segundo a prelación establecida no artigo 9 e de acordo coa puntuación obtida.

2. As baixas producidas ao longo do curso escolar cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro de cada grupo de prelación.

3. As solicitudes que, por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, recollidas no artigo 7.2, non se presenten nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e avaliadas para a súa inclusión na lista de espera, ocupando o lugar que lles corresponda segundo a puntuación obtida.

Artigo 18. Prezos

1. Para a determinación do importe que deben pagar as persoas obrigadas ao pagamento terase en conta o establecido no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro.

2.Todas as persoas usuarias aboarán a contía de once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, e no artigo 3.1.2.

3. A falta de asistencia do alumnado durante un período determinado non supón redución ningunha nin exención do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do dito decreto de prezos.

4. O prezo fixado inicialmente revisarase nos seguintes casos:

a) Modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) Diminución ou incremento dos ingresos en máis do 20% en cómputo anual respecto aos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración mínima de seis meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola AEAT ou por calquera outra documentación que, ao xuízo da Axencia Galega de Servizos Sociais, ou das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, se é o caso, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) Variación no número de membros da unidade familiar.

Para estes efectos, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza nos supostos que deron lugar ao cálculo do prezo público que se lle aplica.

A solicitude de modificación da cota, se é o caso, será resolta polo órgano competente que corresponda en función da localidade de prestación de servizos da persoa solicitante, e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 19. Baixas

1. Será causa de baixa nas escolas infantís:

a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) A solicitude das persoas proxenitoras ou representantes legais.

c) A falta de pagamento do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar ao que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.

e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que se produza unha falta de asistencia prolongada, deberá presentarse cunha periodicidade mensual a documentación acreditativa da causa que a produce. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na alínea e) serán resoltas pola persoa titular da dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais, por proposta da xefa ou xefe territorial correspondente, unha vez oída a dirección do centro ao cal asiste o alumno ou a alumna e realizado o trámite de audiencia da/s persoa/s interesada/s. Nos demais supostos, a baixa aprobarase por resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais ou da xefatura territorial que corresponda en función da localidade de prestación de servizos da persoa solicitante.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que queden en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro da prelación establecida no artigo 9.

Artigo 20. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal.

Disposición adicional única. Ratio de nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo

No caso de integrarse nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dun alumno ou dunha alumna con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizarán como dúas.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Aprobase a delegación de competencias da persoa titular da dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social para a resolución das solicitudes presentadas para as escolas infantís obxecto desta resolución situadas nos seus respectivos ámbitos territoriais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2018

O/a director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais
(Disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo)

Mª Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file