Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 17 de abril de 2018 Páx. 20795

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 10 de abril de 2018 pola que se regula a oferta de prazas para as estadías e o tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2018 e se procede á súa convocatoria.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 1, que os poderes públicos galegos deberán posibilitar que a liberdade e a igualdade das persoas sexa real e efectiva, facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, social e cultural.

A Consellería de Política Social, de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, desempeña, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, entre outras, as competencias relativas á dirección, impulso, xestión, planificación, coordinación, control e supervisión das actuacións da consellería en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, e ten entre as funcións encomendadas o desenvolvemento de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, así como a promoción do envellecemento activo.

No marco desas competencias, e sendo conscientes de que na promoción da autonomía persoal está a clave para que as persoas maiores poidan gozar dunha vida máis saudable e independente, e tendo como precedente a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia, elaborouse o novo documento marco de planificación: a Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020, marco de actuación para unha vida activa, saudable, independente e segura, que na súa primeira liña estratéxica, nomeada «aprendendo a envellecer», considera a persoa como responsable do seu propio proceso de envellecemento saudable e para iso prevé actuacións destinadas ao fomento de actitudes positivas cara ao coidado da saúde e á promoción da autonomía persoal, á promoción de hábitos de vida saudable desde a etapa adulta a través da xestión do autocoidado e ao impulso das terapias non farmacolóxicas para promover a autonomía persoal e o favorecemento de relacións sociais.

Neste sentido cómpre tamén sinalar que o aumento da esperanza de vida outórgalles ás persoas maiores un peso cada vez máis importante na nosa sociedade. Estas demandan a súa participación plena e activa nos distintos ámbitos da nosa sociedade e manifestan o seu desexo de gozar do seu tempo de lecer en establecementos que lles permitan acadar unha mellora na súa calidade de vida. Así, estas persoas manifestan o seu desexo de pasar un período de vacacións nun establecemento termal, onde o tratamento e servizos ofertados, xunto co descanso e as relacións sociais que se establecen, lles proporcionan unha melloría na súa saúde e benestar e, en definitiva, unha mellor calidade de vida.

Por iso, e dando cumprimento ao establecido na primeira liña estratéxica da antedita estratexia, desenvólvese o programa de termalismo Benestar en balnearios, en canto que os balnearios son espazos propicios para obter unha maior calidade de vida e, en consecuencia, os tratamentos que neles se prestan contribúen a facer realidade a concepción de saúde que ten a Organización Mundial da Saúde como un estado de completo benestar físico, mental e social. Os tratamentos de prevención e rehabilitación que se realizan mediante o uso terapéutico das augas mineromedicinais son unha práctica moi antiga, a que se foron incorporando técnicas complementarias de diferentes ámbitos buscando unha maior eficacia nos tratamentos, e o colectivo das persoas maiores é un dos que máis beneficios pode obter de tales prácticas, dado que, a medida que avanza a idade, tenden a aparecer determinadas patoloxías que poden mellorar notablemente despois de recibir un tratamento termal.

En consecuencia e facendo uso das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o conselleiro de Política Social, conforme as facultades que ten atribuídas,

RESOLVE:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto é a oferta de prazas para as estadías e os tratamentos termais dentro do programa de Benestar en balnearios 2018 e proceder á súa convocatoria (código do procedemento BS607A).

2. Para tal efecto enténdese por establecementos balnearios aqueles que dispoñen de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública segundo o artigo 2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán persoas beneficiarias do programa de Benestar en balnearios aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e, neste caso, reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos ou fillas que acudan en calidade de acompañantes.

d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

2. A persoa solicitante poderá ir acompañada de:

a) O seu ou a súa cónxuxe ou, se for o caso, a parella de feito ou persoa con que teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a) do punto primeiro.

b) Un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este o poida facer sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpra os requisitos citados no número 1 deste artigo, agás o da letra a).

c) Unha persoa coa que desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos citados no número 1.

3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Prazas e quendas convocadas

1. Convócanse 679 prazas para participar no programa de Benestar en balnearios da Xunta de Galicia 2018, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo IV.

2. As quendas teñen una duración de 10 días, con nove noites cada unha, e comprenderán desde as doce horas do día de chegada ata as doce horas do día de saída.

3. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o mes de maio e o de outubro de 2018.

Artigo 4. Servizos e prestacións ofertados

1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres, de uso compartido.

b) Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo IV que comprenderán:

1º. O recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.

2º. O tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.

3º. O seguimento médico do tratamento.

c) Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro, termal ou residencial.

d) Póliza colectiva de seguro turístico.

2. As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en habitación individual, no caso de que houbera dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude e acreditalo ao incorporarse á quenda.

3. As persoas beneficiarias que estean interesadas en participar nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal, hoteleiro ou residencial, terano que facer polos seus propios medios e ao seu cargo.

4. O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal, así como o de regreso será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que oferte o balneario, se for o caso.

Artigo 5. Prezo das prazas

1. O prezo que pagarán as persoas beneficiarias, por praza e quenda, é o que figura no anexo IV.

O dito importe é un prezo pechado para todos os servizos incluídos na quenda, sen que proceda efectuar ningunha dedución se por calquera causa imputable á persoa beneficiaria do programa non goza da totalidade dos servizos.

2. A Consellería de Política Social contribuirá ao financiamento do prezo da estadía coa achega dun 30 % do custo da praza en cada establecemento termal. O resto do importe ata completar o custo da praza será por conta da persoa beneficiaria.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As solicitudes formularanse no modelo oficial que se indica no anexo I.

As persoas solicitantes deberán achegar, xunto co anexo I, os anexos II e III, se procede, e a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do pasaporte, se procede, relativa á persoa solicitante e, se for o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

b) Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.

c) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado non foi expedido pola Xunta de Galicia ou non está no poder desta.

d) Certificado das pensións non outorgadas polo INSS nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de tres destinos por orde de prioridade.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI), ou número de identificación de estranxeiro (NIE), segundo proceda, relativo á persoa solicitante e, se for o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

b) Certificado de empadroamento relativo á persoa solicitante e, se for o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

c) Declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao último período en que se presente a solicitude ou certificado das pensións outorgadas polo INSS ou pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

d) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado foi expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas ou acompañantes se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude ou nos anexos II ou III, segundo de que se trate, e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos rexistros e lugares establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

a) Para as quendas que se leven a cabo nos meses de maio e xuño, ambos inclusive: 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

b) Para as quendas que se leven a cabo nos meses de xullo a outubro: ata o 31 de maio de 2018.

Artigo 11. Instrución

1. Os servizos de Dependencia e Autonomía Persoal das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social realizarán de oficio cantas actuacións consideren necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos que constan na solicitude e se exixen nesta orde.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá o solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

3. Nos expedientes que estean completos, será o Servizo de Prevención da Dependencia da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade o que continúe coa instrución e procederá á súa remisión á comisión encargada da valoración.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. Constituirase na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade unha comisión de valoración para estes efectos que, de acordo cos criterios establecidos no anexo V, realizará a selección e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada.

2. A comisión de valoración estará integrada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia ou persoa que a substitúa, que actuará como presidente/a, pola persoa titular do Servizo de Prevención da Dependencia, e por dúas persoas do dito servizo, actuando unha destas como secretario/a e procurando acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres. A comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a presidencia, a que actúa como secretario/a e a metade dos seus membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna será substituída pola persoa ao servizo da Administración pública designada para estes efectos por quen exerza a presidencia.

3. Avaliadas as solicitudes, seguindo os criterios establecidos no anexo V, a comisión de valoración emitirá un informe con base no cal o Servizo de Prevención da Dependencia, nas súas competencias como órgano instrutor, elevará ao órgano competente unha proposta de resolución. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para a concesión de praza, ata esgotar o número de prazas ofertadas. O resto das solicitudes que, reunindo os requisitos e por puntuación non obteñan praza, quedarán en lista de espera para ser atendidas no suposto de quedaren prazas vacantes por producirse algunha renuncia.

Artigo 13. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen que desde a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade notificase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas peticións por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Consonte co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, os actos administrativos que afecten ás persoas interesadas serán obxecto de publicación. Non obstante e tendo en conta que a publicación destes actos pode lesionar dereitos e intereses lexítimos dos solicitantes publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal) unha breve indicación do acto xunto coas listas do artigo 16. As resolucións de adxudicación serán obxecto de notificación de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a comunicarse coa Administración por medios electrónicos poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Nas resolucións de concesión indicarase o balneario e quenda en que se lle outorga praza, o custo e o importe a pagar en concepto de reserva de praza, os trámites necesarios para formalizar a adxudicación definitiva, así como a documentación e material ou accesorios que precisa levar para incorporarse ao programa.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o/a director/a xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación se for expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Confirmación das prazas e adxudicación definitiva

Unha vez notificada a concesión da praza, para poder facer uso dela, as persoas beneficiarias teñen a obriga de confirmar por escrito e no prazo que se lles indique na resolución de concesión a súa aceptación acompañada do xustificante de ter remitido á dirección do balneario, por xiro postal ou outros medios, a cantidade de 30 euros en concepto de reserva de praza.

No suposto de que non se cumpran as condicións establecidas no parágrafo anterior, non se formalizará a adxudicación definitiva da praza e entenderase que se renuncia a ela, podendo outorgarlle esa praza vacante a outra persoa da lista de espera.

Ningunha persoa solicitante que se teña beneficiado dalgunha quenda deste programa poderá participar en ningunha outra, nin en calidade de acompañante, agás que se trate dunha praza para a que non haxa ningunha outra persoa adxudicataria.

Artigo 16. Lista de espera e lista de vacantes

1. Lista de espera para prazas adxudicadas.

As persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 2, non obteñan praza quedarán incluídas nunha lista de espera, que estará publicada na páxina web da Consellería de Política Social, http://www.xunta.gal/politica-social. No caso de que se produzan renuncias nas prazas adxudicadas, estas serán ofertadas por orde de puntuación segundo se vaian producindo as renuncias.

2. Lista de vacantes.

Publicarase na páxina web da Consellería de Política Social, http://www.xunta.gal/politica-social, unha lista de prazas vacantes que serán ofertadas por orde de puntuación aos solicitantes que manifestasen no anexo I o seu desexo de poder participar nesta lista.

Artigo 17. Forma de pagamento das prazas

As persoas que formalizasen a súa adxudicación definitiva aboarán directamente no balneario, cando se incorporen á quenda, o importe resultante da diferenza entre a cantidade fixada como prezo para a praza e a cantidade xa achegada en concepto de gastos de xestión da reserva de praza.

Pola súa banda, a Consellería de Política Social irá efectuando o aboamento do importe establecido para cada un dos establecementos termais unha vez que estes presenten as correspondentes facturas de ter prestado o servizo nos termos acordados.

Artigo 18. Devolución do importe da praza

O importe aboado en concepto de reserva de praza non se lle devolverá á persoa adxudicataria da praza en ningún caso.

Se a persoa beneficiaria abandona a estadía unha vez iniciada, sexa cal for motivo, non terá dereito a ningún tipo de devolución.

Artigo 19. Supervisión e seguimento do programa

Os establecementos termais en que se leva a cabo o programa quedarán suxeitos á supervisión e seguimento directo e ao control da calidade dos servizos prestados por parte da Consellería de Política Social.

Artigo 20. Perda da condición de persoa beneficiaria do programa

Ademais das circunstancias establecidas no artigo 14, se non se confirma a adxudicación da praza concedida, tamén perderán a condición de persoa beneficiaria do programa aquelas que non aboe ao establecemento termal, ao comezo da quenda, o resto da cantidade estipulada para a praza que se lle outorgou.

A consignación ou achega de datos ou documentos falseados ou inexactos para a obtención das prazas reguladas pola presente orde, implicará a cancelación da praza obtida, no suposto de que non se participase na quenda, ou a obriga, por parte da persoa interesada, de aboar o prezo real da praza, sen prexuízo das accións que procedan en aplicación da normativa vixente, se xa gozou da quenda.

Artigo 21. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro, creado pola Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Política Social (anteriormente Traballo e Benestar), e denominado Actividades dirixidas á cidadanía, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da citada consellería mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para resolver a concesión ou denegación das solicitudes de participación no programa de Benestar en balnearios previsto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Establecementos termais, indicacións terapéuticas, quendas e prezos

Destinos

Indicacións terapéuticas

Datas e quendas

Prezo da praza

Balneario de Acuña (Caldas de Reis)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 19 ao 28 de xuño

342,00 €

Do 11 ao 20 de setembro

Caldaria Termal, S.L.U. Arnoia (Arnoia)

Reumatolóxicas

Do 26 de xuño ao 5 de xullo

361,00 €

Hotel balneario Augas Santas, S.L.U. (Ferreira de Pantón)

Dermatolóxicas, respiratorias, reumatolóxicas, circulatorias e con efectos relaxantes

Do 21 ao 30 de maio

361,00 €

Do 4 ao 13 de xuño

Os Baños da Brea, S.L. (Vila de Cruces)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 12 ao 21 de xuño

342,00 €

Do 30 de xullo ao 8 de agosto

Balneario de Molgas, S.L. (Baños de Molgas)

Dermatolóxicas, dixestivas,

respiratorias, reumatolóxicas, renais e sistema nervioso

Do 16 ao 25 de xullo

287,50 €

Do 27 de xullo ao 5 de agosto

Do 21 ao 30 de agosto

Balneario de Caldelas, S.L. (Tui)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do 24 de setembro ao 3 de outubro

287,50 €

Gran Balneario do Carballiño

(O Carballiño) (con aloxamento na Residencia de Tempo Libre do Carballiño)

Dermatolóxicas, dixestivas,

respiratorias e reumatolóxicas

Do 17 ao 26 de setembro

287,50 €

Baños Vellos de Carballo, S.A. (Carballo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 18 ao 27 de xullo

342,00 €

Do 30 de xullo ao 8 de agosto

Do 23 de agosto ao 1 de setembro

Do 5 ao 14 de setembro

Do 17 ao 26 de setembro

Do 11 ao 20 de outubro

Termas de Cuntis, S.L. (Cuntis)(con aloxamento no Hotel Castro do Balneario)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do 5 ao 14 de xuño

361,00 €

Do 27 de xuño ao 6 de xullo

Do 1 ao 10 de setembro

Do 12 ao 21 de setembro

Caldaria Termal, S.L.U.

Laias (Cenlle)

Reumatolóxicas

Do 16 ao 25 de xullo

361,00 €

Caldaria Termal, S.L.U. Lobios (Lobios) (con aloxamento no Hotel Lusitano)

Reumatolóxicas

Do 3 ao 12 de xullo

342,00 €

Balneario do Río Pambre, S.L. (Palas de Rei)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do 22 de xuño ao 1 de xullo

342,00 €

Do 5 ao 14 de xullo

Do 16 ao 25 de xullo

Balneario Termas de Lugo, S.L. (Lugo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 2 ao 11 de xuño

361,00 €

Do 11 ao 20 de xuño

Do 20 ao 29 de xuño

Do 30 de xuño ao 9 de xullo

Do 10 ao 19 de xullo

Do 28 de agosto ao 6 de setembro

Do 6 ao 15 de setembro

ANEXO V

Baremo

Para a súa aplicación non se teñen en conta os datos relativos ao/a fillo/a con discapacidade, se for o caso.

1. Idade: máximo 10 puntos.

Con menos de 65 anos, 2 puntos.

Entre 65 e 74 anos, 4 puntos.

Entre 75 e 84 anos, 6 puntos.

Con 85 ou máis anos, 10 puntos.

Nesta variable computarase a idade da persoa solicitante e, se é o caso, a do/da cónxuxe (matrimonio ou parella) ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

2. Situación económica: ingresos mensuais líquidos: máximo 40 puntos.

Con ingresos mensuais inferiores ou iguais a 450,00 €, 40 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 400,01 € e 600,00 €, 30 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 600,01 € e 785,00 €, 20 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 785,01 € e 900,00 €, 10 puntos.

Con ingresos mensuais superiores a 900,00 €, 0 puntos.

Nesta variable valoraranse os ingresos líquidos da persoa solicitante e, se é o caso, os do/da cónxuxe (matrimonio ou parella) ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

Para calcular os ingresos medios mensuais computaranse todos os ingresos percibidos por cada unha das persoas solicitantes ao longo do ano polos diferentes conceptos e dividido por 12 meses.

En caso de empate daráselles prioridade ás persoas que teñan menores ingresos, seguidas das de maior idade.