Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 18 de abril de 2018 Páx. 20936

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para desenvolver obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR923C).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración, co obxectivo de potenciar os costumes e tradicións galegos e posibilitar que as persoas galegas que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia, convoca distintos obradoiros formativos de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, que se realizarán nas entidades galegas do exterior, de xeito que se manteña viva a nosa identidade e se promova a nosa cultura na Galicia exterior.

As comunidades galegas, os centros e as casas de Galicia no exterior son asociacións nas cales tradicionalmente se reúnen as persoas emigrantes e as súas familias para manter vivos os costumes que nos son propios e reforzar os lazos sociais e culturais. Arredor destas asociacións reúnese un gran número de persoas galegas residentes no exterior, que son os axentes principais a través dos cales Galicia fomenta a súa cultura. Estas asociacións contan, na súa maioría, con instalacións propias para a organización de actividades para o seu fomento.

En virtude do exposto, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para a realización de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas no exterior, dirixidos ás persoas asociadas galegas e aos seus descendentes, así como a aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia ou que participen nas actividades da asociación.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócase este programa para o ano 2018, procedemento PR923C.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar a organización dos obradoiros as entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade dentro das seccións de Comunidades Galegas, Centros Colaboradores, Federacións ou aquelas entidades que estean en proceso de unión ou fusión.

Excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, poderase conceder a organización dun destes obradoiros a aquelas entidades que, estando incluídas dentro do Rexistro da Galeguidade, non se encontren en ningunha das seccións antes mencionadas, sempre que xustifiquen debidamente que contan cun grupo folclórico consolidado.

Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan grupos ou escolas de folclore constituídas da modalidade solicitada.

Os obradoiros artesanais están dirixidos ás entidades que teñan un taller no cal un grupo de persoas se dedique a desenvolver esas actividades.

Os obradoiros de cociña e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos adecuados para o seu desenvolvemento e teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia.

Artigo 3. Características do programa

Os obradoiros desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas, serán de formación intensiva e de carácter participativo, impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.

O profesorado será designado pola Secretaría Xeral da Emigración de conformidade co establecido nesta resolución e na Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para elaborar as listas de persoas formadoras colaboradoras para impartiren seminarios fóra de Galicia e se abre o prazo para inscribir as persoas candidatas (DOG núm. 37, do 21 de febreiro).

Non poderá ser designado o mesmo profesorado para impartir máis de 2 cursos continuados na mesma entidade solicitante.

A Secretaría Xeral da Emigración, no caso de non dispor de persoas formadoras nas listas e para desenvolver os obradoiros de cociña ou artesanais e os seminarios de cultura galega, poderá realizar convenios de colaboración con institucións públicas ou privadas radicadas en Galicia que sexan referentes nas respectivas modalidades.

As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos das modalidades convocadas. Tamén poderán propor un/unha profesor/a para que imparta o correspondente curso sempre que estea incluído/a nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada.

Non se poderán solicitar modalidades realizadas na entidade solicitante de maneira consecutiva nas dúas últimas convocatorias.

Para poder solicitar a organización destes obradoiros, deberase acreditar un ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude, de grupos ou escolas da modalidade ou modalidades solicitadas.

Artigo 4. Modalidades convocadas e características específicas

1. Modalidades convocadas:

Convócanse obradoiros das seguintes modalidades:

– Obradoiros de baile.

– Obradoiros de gaita.

– Obradoiros de percusión.

– Obradoiros de pandeireta e canto.

– Obradoiros de carácter artesanal (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais).

– Obradoiros de cociña galega.

– Seminarios de cultura galega: tradición e modernidade.

2. Características específicas dos obradoiros convocados:

a) Obradoiros de baile, música tradicional e artesanía:

Terán unha duración de 15 días intensivos e o horario das clases axustarase ás necesidades das persoas solicitantes, cunha duración de 40 horas.

O alumnado non será inferior a 15 persoas. En casos excepcionais debidamente xustificados poderanse desenvolver cursos cun número inferior tendo en conta a situación do centro, características e ano de creación do grupo.

b) Obradoiros de cociña galega:

Terán unha duración máxima dunha semana e o horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes cunha duración de 20 horas.

O alumnado non será inferior a 20 persoas.

Nestes obradoiros farase promoción dos produtos de calidade de Galicia, con especial atención a aqueles correspondentes ás denominacións de orixe cualificada.

Realizarase unha xornada gastronómica de libre acceso ao público en xeral onde se faga promoción dos obxectivos pretendidos no obradoiro.

c) Seminarios de cultura galega:

– Terán unha duración máxima dunha semana, o horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes cunha duración de 20 horas.

– O alumnado non será inferior a 30 persoas.

Nesta convocatoria só se realizarán ata un máximo de 8 cursos da modalidade de cociña, 4 de cultura galega e 2 de carácter artesanal.

Artigo 5. Financiamento, custos e indemnizacións

1. Para a realización dos obradoiros resérvase inicialmente un crédito de 90.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei da galeguidade– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018. A dita contía poderase incrementar segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias previstas e, de ser o caso, previa aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver (artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

2. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

– Da remuneración do profesorado.

– Do custo do desprazamento do profesorado ao lugar de realización do curso.

– Do custo do material necesario para impartir os obradoiros e, se é o caso, do seu envío.

– Do custo de elaboración do seu contido e do seu desenvolvemento.

3. As entidades galegas faranse cargo dos seguintes gastos:

– Con carácter ordinario, dos gastos de estadía e manutención do profesorado en lugar e condicións adecuados.

– Dos gastos de traslados do profesorado dentro da cidade onde teña lugar o curso.

– Da xestión e dotación das instalacións adecuadas.

– Da subministración doutro material funxible necesario.

En casos excepcionais debidamente xustificados, a Secretaría Xeral da Emigración poderá asumir parte destes gastos con cargo ao crédito previsto na correspondente convocatoria.

Para estes efectos, a entidade solicitante deberá achegar, xunto coa solicitude, unha memoria xustificativa da necesidade e do custo estimado.

4. Os custos e indemnizacións por actividade dos cales se fará cargo a Secretaría Xeral da Emigración na presente convocatoria serán:

a) Retribucións do profesorado:

– España e Portugal: 1.000 euros.

– Europa, América e Oceanía: 1.200 euros.

b) Custo de 100 euros como indemnización ao profesorado que fose nomeado para impartir un seminario que se anulase por causas non imputables a el e se lle comunicase dentro do prazo de 90 días previos á data de realización prevista.

c) Custo do billete de desprazamento do profesorado ata o lugar de realización do curso nun medio de transporte público en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía para indemnizar será de 0,19 euros por quilómetro.

d) Custo de ata 2.000 euros para materiais artesáns específicos, que non se encontren fóra de Galicia, que sexan necesarios para desenvolver os obradoiros.

e) Custo de ata 2.000 euros para material necesario para desenvolver os seminarios de cultura galega.

f) Custo de ata 900 euros para adquirir alimentos nos obradoiros de cociña.

g) En casos excepcionais e debidamente xustificados:

– Custo dos gastos de estadía e manutención do profesorado, cun máximo de 150 euros/día e de acordo co establecido no anexo III do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

– Custo de ata 500 euros para adquirir ou alugar equipamentos para desenvolver os seminarios de cultura galega.

5. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as entidades interesadas non fixesen a presentación electrónica das solicitudes poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para a organización de obradoiros será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. Documentación complementaria:

a) Relación nominal diferenciada dos participantes preinscritos para cada modalidade solicitada, segundo o modelo do anexo II, na cal constarán apelidos e nome, documento identificativo ou pasaporte, idade e orixe galega dos participantes, e na cal se fará constar que a entidade conta coa autorización destes para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar a correspondente convocatoria.

b) Memoria, segundo o modelo do anexo III (obradoiros de folclore e artesanía), na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– As instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Nome, formación, currículo e traxectoria profesional do persoal directivo, profesorado ou axudantes responsables do taller, grupo ou escola.

– No caso dos obradoiros de música e baile, nome e composición da escola ou grupo folclórico, traxectoria e actuacións realizadas nos dous últimos anos.

– Para os obradoiros de carácter artesanal, xustificarase a existencia dun taller da modalidade solicitada no seo da entidade, tempo de funcionamento, a oportunidade da súa realización e actividades desenvolvidas na difusión da artesanía galega.

c) Memoria, segundo o modelo do anexo IV (obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega), na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– Instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Actividades realizadas nos dous últimos anos con motivo da difusión da cociña e da cultura galega e a oportunidade de realización da actividade.

2. As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o elixisen, ao abeiro do artigo 6.1, presentarán a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Consecuente co disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude presencialmente deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento poden realizarse de xeito electrónico accedendo á carpeta do cidadán da entidade interesada, e excepcionalmente de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, de acordo co artigo 6.2 da convocatoria.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, ou no previsto pola normativa anterior.

b) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Certificación de estar ao día de pagamentos coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día de pagamentos coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución, criterios de valoración e resolución

1. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria, a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas requirirá a entidade a través de medios electrónicos e da páxina web http://emigracion.xunta.gal para que, no prazo de dez días, corrixa ou complete a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución, que será ditada nos termos do artigo 68 da dita lei.

2. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado composto por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración, que formulará os correspondentes informes.

Os criterios de valoración para a concesión dos obradoiros serán os que se sinalan a seguir:

a) Número de persoas preinscritas para o obradoiro (ata 20 puntos):

– Entre 15 e 30: ata 10 puntos.

– Máis de 30: entre 11 e 20 puntos.

b) Número de persoas galegas preinscritas para o obradoiro (ata 30 puntos):

– Máis de 5 e ata o 50 % do total de solicitantes: 10 puntos.

– Máis do 50 % ata o 80 %: 20 puntos.

– Máis do 80 %: 30 puntos.

c) Valoración da memoria presentada (ata 40 puntos):

– Obxectivos que se perseguen coa realización do seminario: ata 10 puntos.

– Instalacións propostas e material con que conta a entidade para impartir o seminario: ata 10 puntos.

Para as solicitudes de folclore:

– Á maior antigüidade do grupo: ata 10 puntos.

– Participación en exposicións, concertos e edición de discos ou DVD: ata 10 puntos.

Para as solicitudes de cociña, cultura galega e outros de carácter artesanal:

– Á maior antigüidade da entidade: ata 10 puntos.

– Actividades realizadas a favor da difusión da cociña, cultura galega e participación en feiras artesanais: ata 10 puntos.

3. Concluída a valoración, o órgano colexiado emitirá un informe concretando o resultado da avaliación efectuada.

O instrutor á vista do expediente e do informe do órgano colexiado formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada observando os seguintes criterios:

a) A proposta basearase na relación das solicitudes recibidas segundo a orde de puntuación resultante de aplicar os criterios de valoración establecidos no punto 2 deste artigo.

En caso de empate nas puntuacións, resolverase atendendo á data de presentación das solicitudes.

b) Inicialmente, concederase a organización dun obradoiro por entidade. No suposto de haber máis centros solicitantes que crédito dispoñible, concederanse, en primeiro lugar e seguindo a orde de puntuación, a aqueles centros que non os organizasen de forma máis próxima respecto da presente convocatoria.

c) De alcanzar o crédito previsto nesta resolución e ata o seu esgotamento, poderase incrementar consecutivamente o número de cursos concedidos a cada entidade seguindo a orde de puntuación.

d) Malia o anterior, e co obxecto de garantir o principio de eficacia na actuación administrativa, no momento de elaborar a proposta de concesión terase en conta a posibilidade de realizar circuítos por proximidade entre as entidades solicitantes de obradoiros da mesma modalidade.

e) Para a concesión dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega, será necesaria a adecuación das instalacións e dotacións previstas na solicitude para a súa organización.

f) Quedarán excluídas as propostas de organización de seminarios daqueles centros que, a criterio da Secretaría Xeral da Emigración, non poidan asegurar condicións adecuadas de aloxamento, manutención ou seguridade ao profesorado correspondente.

g) Non se adxudicarán cursos que non obteñan unha puntuación mínima de 20 puntos.

4. A resolución provisional notificarase as persoas interesadas mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) co fin de que no prazo de dez días presenten as alegacións oportunas.

No caso de que no procedemento non se tivesen en conta outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas, poderase prescindir deste trámite de audiencia e, neste caso, a proposta de resolución terá o carácter de definitiva e elevarase á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a correspondente proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración que ditará a resolución que corresponda.

5. A proposta de adxudicación dos obradoiros e as condicións serán comunicadas ás respectivas entidades a través de medios electrónicos e da páxina web http://emigracion.xunta.gal para que no prazo de 10 días desde a súa publicación na páxina web acepten a organización e as condicións da proposta. Transcorrido este prazo sen que se producise aceptación expresa entenderase tacitamente aceptada.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de tres meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. A resolución definitiva de concesión será notificada ás entidades galegas solicitantes e publicarase na páxina web http://emigracion.xunta.gal

8. O funcionamento da comisión de valoración rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as entidades interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía e aqueloutras que así o elixisen ao abeiro do artigo 6.1. As entidades interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso das entidades interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Pagamento, seguimento e control

1. Pagamento.

Os gastos que, de conformidade co establecido no artigo 5, deban ser asumidos pola Secretaría Xeral da Emigración aboaranse unha vez que esta comprobe que as actividades foron desenvolvidas conforme o establecido nela.

2. Seguimento e control.

Os obradoiros convocados estarán sometidos ao seguinte seguimento e control:

– A solicitude do obradoiro supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que considere necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

– As entidades participantes quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta poderá modificar a súa resolución.

– Dentro do prazo dun mes desde o remate do obradoiro, a entidade remitirá á Secretaría Xeral da Emigración unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

– A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das accións resultantes desta resolución. Para realizar estas funcións, poderán utilizarse cantos medios estean á súa disposición para comprobar os requisitos exixidos nela, así como nas normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas a que van dirixidos os obradoiros prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

– As persoas xurídicas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a subministrar á Secretaría Xeral da Emigración, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Secretaría Xeral da Emigración das obrigas previstas no título I da citada lei.

– O incumprimento por parte das entidades seleccionadas das condicións acordadas para o desenvolvemento dos obradoiros comportará a imposibilidade de participar neste programa nas dúas seguintes convocatorias ou, se é o caso, a suspensión inmediata da realización do curso correspondente.

– Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos de incumprimento das bases da convocatoria nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 13. Publicidade e autorizacións

1. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación de entidades beneficiarias. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. A presentación de solicitudes por parte das entidades requirirá que esta conte coa autorización do alumnado proposto para participar nos obradoiros, para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria, polo que no anexo II se inclúe unha manifestación do representante da entidade neste sentido.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, praza de Mazarelos, 15, 15703 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion@xunta.gal

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á cal se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpor de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se a resolución non fose expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou no caso de que a resolución non fose expresa, o recurso poderá interpoñerse desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2018

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file